24.9.10

O Pleno de Fene apoia a folga do 29 de setembro

A iniciativa do BNG sae adiante cos seus 5 votos o de IU e 3 votos da división interna no PSOE, os populares e o portavoz socialista votaron en contra da proposta.

Fene 24 de setembro de 2010.- Onte ás seis da tarde celebrouse o Pleno extraordinario solicitado polo BNG para debater aposión do consistorio fenés perante a convocatoria de folga do vindeiro 29 de setembro.
Nunha sesión caracterizada pola firmeza na defensa da clase traballadora e contra da reforma laboral dos nacionalistas e pola división de opinións no seo do PSOE. O Pp posicionaouse en contra do apoio á folga xeral.
O BNG de Fene pediu unidade na defensa do emprego e reclamou de novo o levantamento do veto político a ASTANO. Fene conta con 1300 persoas desmpregadas moitas delas menores de 30 anos sen espectativa laboral algunha. A reforma laboral é para os nacionalistas un xeito de abaratar o despedimento financiado con cartos públicos.
Na sesión celebrada onte entre o numeroso público asistente atopábase unha ampla representación sindical da CIG.
O portavoz do BNG, Manuel Polo, lamentou o escaso seguimento dos medios cando se podía intuir unha votación como a que saiu con contradicións importantes no PSOE. Polo afirma” agardamos que algo se mova dentro do PSOE e saiban rectificar estas decisións tan desafortunadas en materia laboral e de pensións”
O BNG de Fene, continuando coa campaña a prol da folga e en defensa dun modelo económico diferente fará un reparto de información o vindeiro domingo no mercado ambulante de Perlío.

20.9.10

O BNG DE FENE CHAMA A SECUNDAR MASIVAMENTE A FOLGA XERAL PARA DEFENDER OS DEREITOS LABORAIS E FORZAR UN CAMBIO DE RUMO NA POLÍTICA ANTISOCIAL DO GOBER

O Pleno extraordinario, solicitado polo BNG pedindo o apoio á fola xeral, será o vindeiro xoves 23.

Fene, 20 de setembro de 2010.- O Pleno extraordinario solicitado polos nacionalistas de Fene pedindo o apoio da corporación á convocatoria de folga xeral será o vindeiro xoves ás seis da tarde. Este Pleno encádrase dentro da intensa campaña do BNG para que o 29 de Setembro o pobo galego se mova en defensados seus dereitos.

Galiza non pode ser a principal pagana da crise. O BNG de Fene chama a secundar masivamente a folga xeral para defender os dereitos das traballadoras e dos traballadores e para forzar un cambio de rumo na política antisocial do Goberno.

Hai unha manchea de razóns para apoiar a convocatoria de folga realizada polo sindicalismo nacionalista, porque non pode ser que a factura dunha crise provocada polo capital financeiro e polos especuladores a vaia pagar, cun retroceso histórico nos seus dereitos laborais, a clase traballadora. En Galiza hai razóns aínda maiores para a mobilización. O noso país é o principal pagano da crise porque suportamos os salarios e as pensións máis baixos do Estado. En consecuencia, as políticas antisociais do Goberno do PSOE -redución de salarios, privatizacións, aumento da idade de xubilación...- prexudican especialmente as galegas e os galegos. A caída no investimento público en infraestruturas tamén castiga de forma singular o noso País, que arrastra un déficit histórico nesta materia. Tanto en época de bonanza como de crise nunca é o tempo de Galiza para o Estado español. Galiza suporta ademais un goberno, o goberno do PP presidido por Feijóo, que ten demostrado a súa completa inutilidade para facer frente á crise. E iso porque o PP comparte co PSOE a mesma estratexia -de carácter claramente neoliberal. Nen PP nen PSOE parecen decatarse de que non é posíbel nengunha saída socialmente xusta á crise que non pase por rachar coas políticas liberais -desrregularización do sector financeiro, privatizacións no sector público, desfiscalización dos ricos...- aplicadas nos últimos anosquer no Estado quer na Unión Europea.

18.9.10

O BNG pide que se mellore a atención para inscribirse nas escolas deportivas municipais

Fene 18 de setembro de 2010.- Longas esperas no pavillón da Xunqueira desde o pasado luns foron padecidas por centos de veciños e veciñas do noso concello e tamén dos concellos da contorna que ían inscribirse para os cursos de natación e para as escolas deportivas municipais. A razón destas longas esperas non foi outra que a mala previsión do goberno socialista de Iván Puentes. Un sistema de información e inscrición propio doutros tempos e non da era dixital. Tres días para a piscina municipal con 70 números por día que se esgotaron nas primeiras horas, para poder apuntarse nas actividades do concello as persoas tiveron que perder toda mañá para facer un trámite de 5 ou 10 minutos. Xa o ano pasado o BNG trasladou as queixas da xente e pediu á concelleira delegada de cultura e deportes que se mellorara a atención no período de inscricións con varias opcións, ou ampliando os días de matrícula ou ampliando puntualmente o persoal. Para os nacionalistas de Fene non ten explicación que se obrigue á xente ir dous días diferentes para inscribir a unha mesma persoa a diferentes actividades co que se duplican as colas e as agardas. O portavoz do BNG, Manuel Polo, rexistrou hoxe no concello a queixa que lle trasladaron numerosas persoas e ao mesmo tempo vai solicitar que se mellore a atención nos días que restan para pechar os prazos de inscrición, Manuel Polo di ”animo aos usuarios das escolas deportivas a facer chegar as súas queixas ao Concello xa que lamentablemente o goberno de Puentes segue duro de oído e non escoita á xente”

16.9.10

O BNG felicítase polo inicio da contratación das obras do muro de contención no camiño das Chancas

Fene 15 de setembro de 2010.- O BNG de Fene quere saír ao paso das declararacións do concelleiro de Obras, nas que calificaba de “chapuza do BNG” o proxecto do muro de contención do camiño das Chancas.
En novembro do 2006 aprobouse, cos únicos votos do BNG, o Plan de obras e servizos da Deputación para o ano 2007. Para aprobar estas obras desde o goberno nacionalista de Fene encagáronse, no seu momento, os proxectos das obras que posteriormente foron informados polos técnicos municipais e por último aprobados no Pleno. Coa chegada ao goberno do socialista Ivan Puentes todas as obras financiadas pola Deputación están sen executar, sendo este un caso único na provincia da Coruña. O concelleiro de obras e o propio alcalde terán que explicar como tardaron tres anos en decatarse de que o proxecto non valía e como é que lle encargaron a modificación do proxecto inicial ao mesmo técnico.
O cambio no proxecto é unha cuestión técnica e non política, que a obra pase de ter pilotes a micropilotes, como é o caso, non é unha cuestión política. O que é unha cuestión de xestión ineficaz é tardar 3 anos en facer uns cambios para executar unha obra. O BNG non é responsábel dos atrasos, senon todo o contrario, xa no mes de abril pedimos a comparecencia no pleno do concelleiro delegado de obras para explicar a súa xestión. Nese pleno esiximos traballo e senon que dimitise.
Desde o BNG esixímoslle, de novo, ao concelleiro de obras que execute os dous millóns de euros destinados a 40 obras diferentes de afaltados saneamentos e auga en todas as parroquias do concello.
Para o portavoz do BNG no concello, Manuel Polo, " O concelleiro de obras leva tres escapándolle aos veciños e aos representantes da corporación. O seu mal balance na xestión e na mala atención dos veciños é o que o conduce a este disparate de declaracións”.

10.9.10

O BNG solicita un Pleno extraordinario pedindo o apoio á fola xeral

Fene, 10 de setembro de 2010.-Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal do BNG, ao abeiro da lexislación vixente, veñen de solicitar a convocatoria dun Pleno extraordinario previo ao día 29 de setembro, día da Folga Xeral, cun único punto na orde do día;
ÚNICO.- MOCIÓN DE APOIO Á FOLGA XERAL DO 29 DE SETEMBRO
Desde o BNG queremos recordar que o 25% da corporación pode pedir un Pleno extraordinario, tendo esta capacidade o grupo municipal do BNG. O Alcalde ten agora 15 días para convocar o Pleno.
Para os nacionalistas as últimas decisións en materia laboral do goberno central veñen a a xustificar máis, se cadra, esta convocatoria de folga. A análise que propiciou as medidas que se recollen na reforma laboral parten dunha concepción errónea. Nela responsabilízase ao mercado de traballo do alto nivel e forte crecemento do desemprego. Non obstante, a dinámica de creación e destrución do emprego depende doutros factores, ligados principalmente ao dinamismo económico. Efectivamente, as causas do gran incremento do desemprego en Galiza radican no esgotamento dun modelo produtivo que tivo os seus principais eixos na baixa produtividade e na especialización en actividades de escaso valor engadido, cuxo exemplo máis claro é a creación dunha burbulla ao redor da actividade construtiva e inmobiliaria. A isto, únense outros factores, como a falta de competencias e existencia de vetos a Galiza para poder desenvolver completamente os seus sectores produtivos, como ocorre no sector naval e a Fene e a comarca.
Ante esta reforma laboral é necesaria unha forte contestación social e política, como a convocatoria de folga xeral o vindeiro 29 de setembro, que desde o Bloque Nacionalista Galego apoiamos para que se muden as políticas económicas contrarias aos intereses de traballadores e traballadoras e da sociedade en xeral, ao tempo de defender un modelo económico que garanta prioritariamente o benestar das persoas a través da súa estabilidade nos empregos e o acceso a servizos públicos de calidade.

7.9.10

O BNG pide a convocatoria urxente do Consello da Radio Municipal ante os cambios unilaterais do Alcalde

Fene, 7 de setembro de 2010.- O portavoz municipal do BNG, Manuel Polo, ven de solicitar por escrito ao Alcalde de Fene a convocatoria urxente do Consello da Radio. O Alcalde, Ivan Puentes, comunicoulle ao BNG o pasado venres, a súa intención de reducir de cinco a tres o número de traballadores da emisora municipal para que estes pasen a facer outras funcións dentro do Concello. O BNG solicitoulle nese mesmo intre que convocase o Consello da Radio, órgano de participación cidadán, técnico e político que asesora á Corporación no desenvolvemento da Radio municipal para que o Alcalde expuxese o seu proxecto para a emisora. A sorpresa salta cando no día de onte, dous traballadores non se incorporan ao seu posto de traballo e comezan a realizar outras funcións.

Hoxe, revisado o rexistro de entrada de documentos puidemos ver como hai un cruce de documentos entre a concelleira delegada Carmen Silvar e a propia emisora municipal, documentos que o BNG tamén solicitou por escrito, pero non vimos escrito algún dirixido aos traballadores afectados.

Pola información trasladada polo Alcalde é a súa vontade que a emisora reduza a súa programación, como por exemplo, coa desaparición do programa da fin de semana A Bancada.

O BNG sospeita que todo o procedemento pode ser irregular polo que, unha vez sexa examinada a documentación solicitada, consideraremos pedir informes xurídicos ao Secretario da Corporación de todo o procedemento.

Para o portavoz do BNG este xeito de actuar errático e ás presas débese ao gran nerviosismo instalado nas filas socialistas, xa que pasaron de non convocar Comisións informativas en agosto porque “non había asuntos” a actuar á lixeira e sen informar reproducindo o lamentábel episodio de cambio de director da radio que como todo o mundo sabe quedou en nada por ser absolutamente irregular e sen fundamento xurídico algún.

5.9.10

Lembrando a Pancho Allegue


A música de María Manuela e Xurxo Varela serviu para lembrar este mediodia no Parque Castelao de Fene, a Pancho Allegue, ao cumprirense 5 anos dende o seu falecemento. Membros de Galiza Nova tamén interviron no acto lendo anacos da obra de Castelao, Sempre en Galiza. O acto rematou cunha ofrenda floral ao pé da placa que lembra ao concelleiro nacionalista.

4.9.10

Acto de homenaxe á figura de Pancho Allegue en Fene


Fene 4 de setembro de 2010.- A Asemblea local do BNG de Fene conxuntamente coa súa organización xuvenil Galiza Nova teñen organizado para mañá domingo día 5 de setembro ás 12 da mañá no Parque Castelao, un acto de homenaxe e lembranza á Francisco Allegue Tenreiro, finado hai xa 5 anos sendo tenente de alcalde naquel momento e man dereita do alcalde nacionalista de Fene Xosé María Rivera Arnoso.

O programa do acto consistirá nunha intervención política por parte dos representantes de Galiza Nova de Fene na que farán lectura, entre outras, dunhas pasaxes do Sempre en Galiza de Castelao. Logo haberá un recital musical a cargo de María Manuela e a colocación dun centro floral ante a placa, que no propio parque Castelao, colocaron as entidades asociativas do noso concello en memoria a Pancho Allegue, rematando o acto co canto do noso himno.

Con este acto o BNG de Fene arranca o curso político tomando folgos e inspirándonos no intenso traballo de toda a militancia nacionalista de Fene e que hoxe non poden estar con nós. Para o BNG de Fene os próximos meses van ser dun intensísimo traballo de ilusionar e recuperar a confianza dos nosos veciños, polo que facemos un chamamento á participación masiva a todos os actos e actividades que imos organizar, comezando como non podía ser de outro xeito lembrando a Pancho.



2.9.10

As débedas do Concello de Fene poñen en perigo os salarios do persoal subcontratado


Fene 2 de setembro de 2010.-
A mala xestión económica do goberno de Puentes pon contra as cordas a varias empresas subcontratadas para prestar diversos servizos no concello. No BNG temos coñecemento de que varios traballadores están a sufrir atrasos no pago dos seus salarios pola falta de liquidez das empresas contratadas polo concello. As razóns non son outras que a acumulación de facturas sen pagar no
último ano e a situación irregular da contratación, pola que os empresarios carecen de contrato e polo tanto non poden acreditar ante as entidades financieiras o soporte legal para acceder a liñas de creto.
As empresas afectadas atópanse dobremente afectadas por unha banda ao carecer de contrato co Concello corren o risco de non cobrar e por outro o seu persoal que si conta con contrato ten dereito a cobrar puntualmente. De seguir así esta situación pode traer numerosas demandas nas que na opinión do portavoz nacionalista no concello, Manuel Polo, o responsábel final é sempre o concello como administración contratante.