4.9.10

Acto de homenaxe á figura de Pancho Allegue en Fene


Fene 4 de setembro de 2010.- A Asemblea local do BNG de Fene conxuntamente coa súa organización xuvenil Galiza Nova teñen organizado para mañá domingo día 5 de setembro ás 12 da mañá no Parque Castelao, un acto de homenaxe e lembranza á Francisco Allegue Tenreiro, finado hai xa 5 anos sendo tenente de alcalde naquel momento e man dereita do alcalde nacionalista de Fene Xosé María Rivera Arnoso.

O programa do acto consistirá nunha intervención política por parte dos representantes de Galiza Nova de Fene na que farán lectura, entre outras, dunhas pasaxes do Sempre en Galiza de Castelao. Logo haberá un recital musical a cargo de María Manuela e a colocación dun centro floral ante a placa, que no propio parque Castelao, colocaron as entidades asociativas do noso concello en memoria a Pancho Allegue, rematando o acto co canto do noso himno.

Con este acto o BNG de Fene arranca o curso político tomando folgos e inspirándonos no intenso traballo de toda a militancia nacionalista de Fene e que hoxe non poden estar con nós. Para o BNG de Fene os próximos meses van ser dun intensísimo traballo de ilusionar e recuperar a confianza dos nosos veciños, polo que facemos un chamamento á participación masiva a todos os actos e actividades que imos organizar, comezando como non podía ser de outro xeito lembrando a Pancho.