18.9.10

O BNG pide que se mellore a atención para inscribirse nas escolas deportivas municipais

Fene 18 de setembro de 2010.- Longas esperas no pavillón da Xunqueira desde o pasado luns foron padecidas por centos de veciños e veciñas do noso concello e tamén dos concellos da contorna que ían inscribirse para os cursos de natación e para as escolas deportivas municipais. A razón destas longas esperas non foi outra que a mala previsión do goberno socialista de Iván Puentes. Un sistema de información e inscrición propio doutros tempos e non da era dixital. Tres días para a piscina municipal con 70 números por día que se esgotaron nas primeiras horas, para poder apuntarse nas actividades do concello as persoas tiveron que perder toda mañá para facer un trámite de 5 ou 10 minutos. Xa o ano pasado o BNG trasladou as queixas da xente e pediu á concelleira delegada de cultura e deportes que se mellorara a atención no período de inscricións con varias opcións, ou ampliando os días de matrícula ou ampliando puntualmente o persoal. Para os nacionalistas de Fene non ten explicación que se obrigue á xente ir dous días diferentes para inscribir a unha mesma persoa a diferentes actividades co que se duplican as colas e as agardas. O portavoz do BNG, Manuel Polo, rexistrou hoxe no concello a queixa que lle trasladaron numerosas persoas e ao mesmo tempo vai solicitar que se mellore a atención nos días que restan para pechar os prazos de inscrición, Manuel Polo di ”animo aos usuarios das escolas deportivas a facer chegar as súas queixas ao Concello xa que lamentablemente o goberno de Puentes segue duro de oído e non escoita á xente”