30.3.11

O gasto telefónico no Concello de Fene aumentou nun 40% co goberno do PSOE

O balance de contas do pasado 2010 deixa en evidencia, unha vez máis, a incompetencia e o engano do goberno do Partido Socialista en Fene, que, como ten declarado o candidato á alcaldía polo BNG, Juventino Trigo, “ten o costume de dicir unha cousa e facer outra”. A pesar de que o alcalde anunciara unha redución do gasto telefónico en 2009, esta non só non se produciu, senón que se incrementou nun 40% con respecto á lexislatura anterior do BNG.

No mes de xullo de 2009, o alcalde Iván Puentes anunciara unha redución do gasto en telefonía do Concello, que na lexislatura anterior, encabezada polo BNG, estaba nos 53.000 €/ano. Porén, lonxe de acadar a redución anunciada, a liquidación do orzamento de 2009 desvelou que se bateran todos os récords, achegándose aos 80.000 euros anuais.

Na liquidación do orzamento do 2010, o gasto en teléfonos volve a ser de 78.511,49 € , que lonxe de supor un aforro nas contas municipais, supón un incremento dun 40% con respecto a lexislatura anterior. .

Para o candidato á alcaldía do BNG, Juventino Trigo, evidéncianse dúas cuestións. A primeira é que o goberno do PSOE é incapaz de xestionar un aforro en gasto corrente no Concello, e a segunda é que, a pesar de non ter iniciado ningunha obra dos plans provinciais desde que chegaron ao goberno, si que se fan chamadas telefónicas que, claramente, non son para xestionar servizos para os veciños e veciñas de Fene.

23.3.11

O BNG de Fene instará á corporación municipal a posicionarse en contra das nucleares

Fene declarouse zona desnuclearizada en 1983

O grupo municipal do BNG de Fene levará ao vindeiro pleno unha moción na que solicita a todos os grupos políticos a que se posicionen en contra do fomento da enerxía nuclear en Galiza como fonte de recursos alternativa.

O Concello de Fene declarouse zona desnuclearizada en outubro de 1983 ao aprobar a Corporación unha moción presentada polo BNG. Para os nacionalistas, toda Galiza debera ser declarada zona desnuclearizada, evitando así posíbeis intentos de implantación de centrais ou cemiterios nucleares no país.

Por isto, e ante a reapertura do debate nuclear derivada da catástrofe ocorrida en Xapón, o BNG instará á corporación fenesa, no pleno ordinario do 7 de abril, a adoptar o seguinte acordo:

1. Reafirmar a declaración do noso concello como zona desnuclearizada.

2. Adherírmonos como Corporación municipal ao acordo do Parlamento de Galiza de 6 de setembro de 2006,

Instando á Xunta de Galiza a que:

2.1.-Se dirixa ao goberno do Estado para que se leven adiante as actuacións necesarias co fin de que Galiza sexa de maneira efectiva territorio desnuclearizado.

2.2-.O alcance desta declaración implicará:

· A prohibición de localizar no territorio galego un cemiterio nuclear ou depósitos de almacenamento de residuos nucleares.

· A prohibición de que en Galiza se constrúan centrais nucleares.

· Continuar co impulso de políticas de aforro e eficiencia enerxética, ademais de incrementar o uso de enerxías renovábeis no noso modelo enerxético.

3. Comunicar este acordo aos grupos parlamentares de Galiza

Para o BNG, Galiza non necesita ningunha central nuclear. O noso país exporta na actualidade máis da terceira parte da electricidade que xera. Os galegos e galegas poderiamos satisfacer as nosas necesidades de electricidade cun baixo impacto ambiental promovendo o aforro e a eficiencia enerxética, desenvolvendo con garantías de respecto ao medio natural as enerxías renovábeis.

A enerxía nuclear non é o futuro e atópase en declive practicamente en todo o mundo, e non representa unha enerxía respectuosa co medio ambiente e coa saúde das persoas. As centrais nucleares contaminan en todas as fases e supoñen un risco evidente e contrastado para a saúde das persoas, sobre todo en caso de accidentes. O problema de tratamento dos residuos segue pendente, dado que manteñen a súa radiactividade e perigo durante 250.000 anos.

É falso que a enerxía nuclear sexa un medio máis barato para a produción de enerxía eléctrica. É preciso calcular o custe incluíndo todo o proceso, que vai desde a extracción do uranio, o seu enriquecemento, as propias centrais nucleares, o reprocesamento do combustíbel e a xestión de residuos.

16.3.11

O BNG propón ao goberno de Fene que invista o superávit en atención ás persoas

En 2010, os ingresos do Concello ascenderon a 11.240.758 euros e os gastos a 10.768.909

A liquidación do orzamento 2010 do Concello Fene deu como resultado un superávit de 105.746 euros, segundo os datos da oficina de intervención. O alcalde e mailo concelleiro de facenda presumían estes días deste resultado e felicitábanse pola “boa xestión dos recursos públicos e financeiros do Concello en tempos de crise”. Porén, o goberno local ten varias opcións para investir os cartos que, ao parecer, non foron quen de gastar durante o exercicio.

O BNG propón varias opcións. A primeira, ampliar a atención a persoas con dependencia. Os niveis de Fene están moi por baixo de concellos máis pequenos como Valdoviño, Mugardos, San Sadurniño ou Ares. Os servizos socias municipais atópanse estancados e sen un impulso real na aplicación da Lei da Dependencia.

A formación e o emprego é outra necesidade evidente do concello de Fene, que ten sobre 1300 persoas desempregadas, cando hai catro anos estaba nas 850. Neste sentido, o concello pode recuperar os talleres ocupacionais, que levan dous anos inactivos e que funcionaron durante máis de 20 anos formando a centos de mozos e mozas dos que moitos conseguiron un emprego.

Por último, o concello pode facer un bo plan de rebacheos, posto que todo o municipio presenta deficiencias neste sentido ao non ter investido nin un euro dos 2 millóns que deu a Deputación para obras e servizos básicos.

Estas demandas forman parte do documento que o BNG ten presentado o pasado mes de novembro para a confección dos orzamentos 2011, e do que seguimos agardando resposta.

Fene, 15 de marzo de 2010

14.3.11

Juventino Trigo subliña que “o BNG sabe, pode e quere gobernar en Fene”

Fene, 11 marzo 2011. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou hoxe en Fene que nas vindeiras eleccións municipais “o BNG vai a por todas, co ánimo der parar ao PP e de combater a crise dende os concellos”.

Guillerme participou este serán na presentación da candidatura do BNG á alcaldía de Fene, unha lista liderada por Juventino Trigo. O acto, que se celebrou no Círculo Cultural e Recreativo de Perlío, congregou a numerosos veciños e veciñas e representantes do BNG.

A única forza que defende os sectores produtivos de Galiza e Fene

Na súa intervención, o portavoz nacional do BNG salientou que “somos a única forza política que defende o dereito de Galiza a producir, a única que cuestiona a efectos prácticos o veto que pesa sobre Astano e a única que combate politicamente o Decreto do Carbón".

Neste sentido, Guillerme preguntouse "como con 250.000 parados e paradas en Galiza que nos diga o PP como e en que sectores pensa criar emprego, e que nos diga o Goberno do Estado como podemos criar emprego se non fai nada por levantar o veto de Astano e se impulsa un Decreto do Carbón que resolve os problemas de emprego en Asturias e León a costa de destruír postos de traballo en Galiza".

“Cada vez máis xente ten claro que o futuro de Galiza pasa polo BNG”

Por iso, amosouse convencido de que “cada vez máis xente ten claro que o futuro do País pasa por apostar polo BNG, a única forza política que ten o seu centro de decisión en Galiza, a única que non ten que chamar por teléfono a Madrid para saber que facer".

Guillerme concluíu subliñando que “o BNG é a alternativa real ás políticas antisociais que promoven o PP desde o Goberno galego e o PSOE desde o Goberno do Estado, pero temos tamén un balance contrastado de Goberno, temos demostrado alí onde gobernamos que poñemos os concellos ao servizo das maiorías sociais e non dos poderosos".

Juventino Trigo: “O BNG sabe, quere e pode gobernar Fene”

Pola súa parte, o candidato do BNG á alcaldía, Juventino Trigo, fixo fincapé en que “o BNG sabe, quere e pode gobernar en Fene”.

Ademais, denunciou “os incumprimentos e as mentiras do goberno local e do PSOE e do PP con Fene, que xa nos teñen habituados a dicirlle unha cousa aos veciños e veciñas e facer totalmente o contrario”.

Fronte a iso, contrapuxo o proxecto do BNG, “un proxecto que se fixo contando coa participación da sociedade de Fene, e por iso o proxecto do BNG é o proxecto dos veciños e veciñas de Fene”.

1.3.11

Emprego e dependencia, obxectivos do BNG para os orzamentos 2011

O bng de Fene vén de presentar unha proposta de mellora do documento presentado polo goberno

No BNG apostamos por un orzamento de combate do desemprego e de apoio ás persoas máis desfavorecidas. O actual contexto de crise e a redución en máis de 1.7 millóns de euros do orzamento de ingresos para 2011 fai evidente que o pior da crise está por vir. As medidas adoptadas polos gobernos central e autonómico veñen a castigar máis as economías municipais. Os recortes nas achegas do estado, sumados as devolucións a realizar nos próximos catro anos, agravan máis a situación. Por outra banda, a Xunta non adianta, tal e como prometeu, as achegas para a atención á dependencia.

O documento presentando aos grupos municipais o pasado 3 de febreiro polo goberno de Fene non conta con explicacións políticas suficientes. As intencións do mesmo son rutineiras e carecen de obxectivos, máis alá de someterse ás restricións económicas existentes. Visto que no documento económico de gastos e ingresos só se introducen parte dos nosos criterios e propostas, e logo da xuntanza mantida con alcalde e co concelleiro de facenda, concluímos que, para o BNG, a xestión económica municipal ten que pasar por un rigor, control e seriedade moito maior.

Por isto, propoñemos:

1.-Que se tomen as medidas oportunas para realizar o pagamento de todas as facturas pendentes de exercicios anteriores.

2.-Que se paguen as subvencións a entidades pendentes de anos anteriores.

3.-Que se incrementen as partidas de dependencia vía bolsa de emprego municipal en 100.00€ para atender unhas 30 persoas dependentes máis ao ano.

4.-Que se incremente un 50% a partida e emerxencia social xa que figura conxelada dende 2008 en 39.000 €.

5.- Crear unha partida de 110.000 € para a dotación dunha bolsa de emprego para a contratación de peonaxe de servizos municipal a través dun programa de promoción local do emprego.

6.- Que se axusten os gastos en 248.000 €, fundamentalmente no Capítulo II, mediante axustes nas adxudicacións de servizos e a eliminación de gastos superfluos ou non obrigatorios.