31.8.11

Non a esta reforma da constitución!!!


NON A ESTA REFORMA DA CONSTITUCIÓN

As decisións tomadas desde que se iniciou o actual período de crise económica, alén de afectar o benestar das maiorías sociais, están a situar ao pé dos cabalos a democracia e o dereito á soberanía e o autogoberno dos pobos.

O acordo alcanzado para acometer unha reforma constitucional “exprés” vén precedido dunha actividade especulativa desmedida contra as emisións de débeda pública, e de requirimentos formulados desde o Banco Central Europeo, unha institución monetaria cuxo funcionamento e sistema de escolla dos seus representantes carecen de lexitimidade e control democráticos.

Ao longo dos últimos anos vimos sufrindo as consecuencias que a ríxida política de redución do gasto público provoca ás persoas en situación máis desfavorecida e no deterioro de servizos públicos básicos, como a sanidade, os servizos sociais ou o ensino, ben como á nula contribución para a recuperación económica.

Agora xa non se pretende que esa política sexa unha escolla, senón unha obrigación contida nun mandato constitucional, que limitará a capacidade de financiamento necesario para manter e mellorar os servizos públicos e sociais básicos.

O autogoberno da Galiza vese así severamente limitado, ao ser sometido á asunción obrigatoria de regras inspiradas en dogmas económicos fracasados, cuxa maior preocupación é satisfacer a cobiza de lucros ilimitados en vez de procurar a redución das desigualdades sociais.

Alén diso, semella unha burla á cidadanía que os mesmos que sempre negaron a posibilidade de reformas constitucionais democratizadoras, que permitisen o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado e, por tanto, o exercicio do dereito das nacións ao pleno autogoberno, sexan os que agora promoven esta mudanza regresiva e antipopular.

Ao intenso ataque ás conquistas sociais atinxidas, vén sumarse unha agresión á democracia, ao consolidar legalmente un único pensamento económico e facelo sen transparencia, nin a necesaria reflexión, amplo debate e, finalmente, consulta pública con todas as garantías de que se respecte a vontade democrática dos pobos.

En atención a todo o anteriormente exposto, propomos este manifesto á cidadanía galega.

Os abaixo asinantes dirixímonos aos Presidentes do Congreso dos Deputados e do Senado, EXIXINDO:

A RETIRADA DO ACTUAL PROPOSTA DE REFORMA CONSTITUCIONAL PACTADA POLO GOBERNO CENTRAL, PSOE E PP

A CELEBRACIÓN DUNHA CONSULTA PÚBLICA SOBRE OS LÍMITES DO GASTO PÚBLICO

A CAPACIDADE DE DECIDIR, EN DEFENSA DA SOBERANÍA E O AUTOGOBERNO DOS POBOS, DA DEMOCRACIA, E DOS DEREITOS SOCIAIS

OUTRA POLÍTICA ECONÓMICA A PROL DAS MAIORÍAS SOCIAIS E NON DOS MERCADOS.

18.8.11

O BNG DEMANDA UN USO AXEITADO DA PÁXINA WEB MUNICIPAL

“A opinión do PP non é información, e o espazo web www.fenecidadan.net é do pobo de Fene”

Os nacionalistas de Fene veñen de rexistrar un escrito no que reclaman ao Alcalde, o popular Gumersindo Galego, que non fagan do espazo de Novas da Web municipal un lugar de opinión partidaria.

A páxina www.fenecidadan.net está concevida como un lugar de comunicación onde os propios partidos temos un espazo propio para facer as nosas achegas.

Para o BNG non é de recibo que se utilice o espazo das novas para criticar a postura do BNG fronte aos orzamentos mentras gaban a PSOE e IU.

O PP conta co seu espazo na web para dar todo tipo de opinións e propostas, que deben estar loxicamente diferenciadas do que é información á cidadanía.

O portavoz do BNG, Manuel Polo lamenta “que o PP caiga no mesmo que lle criticou na pasada lexislatura ao PSOE, algo que nunca se lle poido achacar ao BNG mentres estivo no goberno”.

Ademais desde o Grupo municipal tamén solicitamos a actualización do espazo Web das Actas e Acordos que se atopan paralizados e nos que se pode acceder aos debates municipais sen interpretacións de parte.

http://www.fenecidadan.net/actualidade/nova.php?id=2076&lg=gal

10.8.11

O goberno estuda a posibilidade de chegar a un convenio co Concello de Fene polo radar fixo das Pías


Na resposta ao deputado nacionalista Francisco Jorquera tamén indican que o aparello sumou 51.933 multas nos anos 2008, 2009 e 2010.

O goberno descoñece a canto ascende a recadación.

Os nacionalistas de Fene instarán por escrito ao alcalde que acelere os trámites para chegar a un acordo co Ministerio do Interior na xestión do radar fixo.

Desde o BNG lamentamos que o anterior alcalde fenés Ivan Puentes non tivera feito nada ao respecto da invasión de competencias da DGT no noso concello ao situar o radar nun tramo urbano tal e como sinala a sentencia emitida a principios deste ano por un xulgado da Coruña.

Puentes foi coñecedor da discrepancia de competencias no ano 2009 cando se inicou o expediente do recurso á multa xa que o denunciado se dirixiu ao concello para coñecer a titularidade e as características da vía na que se sitúa o radar.

Para o BNG tal e como xa dixera na campaña electoral Juventino Trigo “ é necesario que o concello chegue a un acordo coa DGT e investir parte da recadación en melloras nas estradas e camiños de Fene, comezando pola propia N-651 que carece de beirarrúas dende a Porta do Sol ao cuartel da Garda Civil”.

Hai que lembrar que esta estrada foi durante moitos anos a única vía de acceso á parte norte da ría sufrindo a xente de Fene un tráfico inmenso. É tempo de mudar a situación e que a Avenida das Pías e a Avenida Naturais e a Porta do Sol sexan na práctica espazos para os veciños con beirarrúas, aparcamento e seguridade viaria propias dunha zona urbana.

9.8.11

O ORZAMENTO TEN QUE SERVIR AOS VECIÑOS E VECIÑAS

O Concello de Fene atópase co orzamento prorrogado do ano 2010

O PP leva a comisión de Facenda unha proposta de orzamnetos para este ano calcada á presentada no seu día polo PSOE.

Para o BNG, o orzamento ten que servir para extender servizos básicos como a rede de auga e saneamento, o arranxo de camiños e rúas, favorecer a creación de emprego e ampliar a atención ás persoas con dependencia, estas serán as nosas premisas.

O BNG, a través do seu portavoz Manuel Polo, demandou transparencia nas contas. “Xa que comenza un novo mandato que menos que saber como están as contas municipais”.

Os nacionalistas sabemos que hai 597.000 € en facturas de anos anteriores sen pagar. Por outro lado, descoñecemos os gastos realizados polo goberno de Puentes no primeiro cuatrimestre do ano, pero todo fai pensar que foi moi por riba do realmente consigando, polo que a débeda a provedeores pode estar realmente en máis de 700.000€.

O PP amosa a súa falla de proxecto asumindo con naturalidade o documento elaborado polo anterior goberno de Puentes.

5.8.11

PP e PSOE impiden o debate da moción sobre as comisións bancarias abusivas presentada polo BNG

No pleno ordinario de agosto, celebrado onte no concello de Fene, socialistas e populares sumaron os seus votos para impedir o debate da moción presentada polos nacionalistas. A paupérrima argumentación esgrimida foi que “carecía de urxencia”. No BNG, entendemos que a aplicación abusiva e unilateral das entidades financeiras sobre todo tipo de contas correntes e de aforro é algo urxente, que lle preocupa á xente, e que precisa unha resposta contundente por parte dos representantes da cidadanía.

Plenos coma o de onte reflicten cal vai ser a tónica futura do Concello de Fene. Unha sesión sen máis que dous asuntos ( aprobación de actas e un tema de persoal que viña votado por unanimidade da Comisión informativa) e que durou 37 minutos grazas ás preguntas e aos rogos do BNG e ao propio debate da urxencia da única moción presentada.

O alcalde, o popular Gumersindo Galego, amosa un talante moi pouco democrático e de escasa elegancia. No seu segundo Pleno ordinario impide o debate dunha moción presentada o mesmo día da convocatoria, 1 de agosto, e á que todos os grupos tiveran acceso e posibilidade de estudar.

Canto ao Partido Socialista, a súa actitude só pretende impedir que se visualice que o BNG leva a iniciativa no Pleno de Fene.

1.8.11

O BNG DE FENE REXISTRA UNHA MOCIÓN PARA O CONTROL DAS ABUSIVAS COMISIÓNS BANCARIAS

Os nacionalistas demandarán, no Pleno ordinario do vindeiro xoves, un control das administarcións dos abusos das entidades financieiras.

As comisións que as entidades financeiras repercuten aos usuarios e usuarias experimentaron unha subida significativa en plena crise económica, de maneira especial ao longo dos últimos meses. Ao tempo que as entidades bancarias seguen acumulando beneficios, que ascenderon a 3.174 millóns de euros no primeiro trimestre deste ano, tamén se detectou un notábel crecemento das comisións bancarias. As estatísticas do Banco de España reflicten un incremento medio de todas as comisións bancarias, que mesmo se acentuou en só un mes (desde maio a xuño deste ano), con incrementos que van desde o 6 ao 14,28%, comisións por mantemento de contas correntes ou de aforro que se están estandarizando ao redor dos 30 euros anuais, gravando mesmo con cantidades adicionais a contas de saldos medios inferiores a 2.000 euros.

Tamén coincide esta subida coa restrición no acceso ao crédito para a maioría de persoas, de dificultades para obter financiamento tanto por parte de empresas, emprendedores como particulares.

A subida das comisións bancarias, no caso do mantemento de contas correntes ou de aforro, que deberían estar exentas, convértense en abusivas polo feito de poder dispor as entidades do diñeiro depositado e con iso xerarlles beneficios.

A aplicación de cláusulas abusivas e inxustas por parte das entidades financeiras non pode ser consentida de maneira indefinida. A afectación e as consecuencias negativas que supoñen para millóns de persoas a continuidade desas prácticas bancarias ilegais, confírenlles un interese público e social que e obrigan a que as institucións competentes, tanto o Goberno Central, que exerce a supervisión de todo o sector financeiro, como a Xunta de Galiza, á que lle corresponde dita supervisión no ámbito das caixas de aforro, encaren a situación e adopten medidas con carácter urxente en defensa do devandito interese por iso, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza, e para que a súa vez inste, tamén, ao Goberno do Estado a:

1. Adoptar as medidas necesarias para impedir que mentres se manteña a situación de crise económica se produzan aumentos das comisións que aplican as entidades financeiras.

2. Realizar unha supervisión das comisións das entidades financeiras, estabelecendo límites máximos por cada comisión en función de parámetros obxectivos que teñan en conta o custo real do servizo prestado.

3. Obrigar ás entidades financeiras a ofrecer de forma transparente o importe das comisións polos distintos servizos.

4. Aprobar de forma inmediata as normas legais precisas para evitar que por parte das entidades financeiras se manteña o cobro abusivo en concepto de mantemento ou administración de contas correntes ou de aforro, e a obrigar á devolución das cantidades ingresadas en caso de persistir na dita práctica.