23.8.09

O Concello de Fene perde 3 cursos de formación ocupacional xa concedidos


O Bloque Nacionalista Galego de Fene vai presentar un escrito dirixido á alcaldía solicitando información acerca dos cursos de formación do Plan FIP concedidos pola Xunta de Galicia ao Concello de Fene no pasado mes de maio. Trátase de 3 cursos -1 de albanelería, 1 de encofrado e 1 de cachotería- aprobados no seu dia. A xunta local de goberno aprobou o pasado 11 de xuño as bases de contratación de monitores, con anuncio en prensa publicado o 14 do mesmo mes. No mesmo mes de xuño seleccionouse ao alumnado, que alcanza as 45 persoas, que recibirían unha bolsa axuda como mínimo de 125 euros ao mes. Esas persoas xa seleccionadas viven con certa intranquilidade a falla de noticias, e máis cando parece que a Xunta de Galicia lle retirou os cursos ao Concello de Fene, por non ter realizado a tempo a selección dos monitores. O BNG lembra que foi no ano 1986 cando o Concello de Fene planificou o primeiro proxecto de Formación Ocupacional. Dous anos despois o Instituto Nacional de Emprego (INEM) concedeu a Fene a categoría de centro colaborador e homologa a maior parte das especialidades que se impartían nos primeiros cursos de Formación Ocupacional. Fene convertérase, xunto con Arteixo, Cambre, Carballo, Culleredo e Corcubión, nun dos municipios da provincia, innovadores nesta área. Foron moitos anos de esforzo por dar unha oportunidade formativa e laboral a milleiros de xoves que estaban abocados a seguir sumando as taxas de paro. En 1991 o INEM aproba a creación da Escola Obradoiro de Fene, un proxecto máis completo de tres anos de duración, ás que seguiron outras iniciativas similares, impulsadas en boa medida polo concelleiro do BNG Francisco Allegue, falecido o 4 de setembro do 2005.

16.8.09

A ampliación do Instituto é urxente, para o BNG

O Bloque Nacionalista Galego de Fene insta ao alcalde da localidade,o socialista Iván Puentes, a executar sen máis demora o acordo plenario adoptado en novembro do 2007 polo que se cedía unha parcela á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para acometer unha ampliación do centro educativo.S egundo os nacionalistas, "van cumprirse dous anos do citado Pleno, e ainda non se executou o acordo, escudandose o alcalde en problemas técnicos de medición e segregación das parcelas". O Bloque afirma que a medición da parcela e a súa correcta inscrición no Rexistro da Propiedade é un trámite que en ningún caso xustifica un retraso de 20 meses desde a adopción do acordo". Por iso, o BNG manifesta a súa perplexidade pola actitude do PSOE no último pleno da Corporación, votando en contra da urxencia da moción que pedía celeridade nos trámites. Para os nacionalistas, "os ediles de todos os grupos temos que acudir á Xunta de Galicia para reclamar ese investimento, esgrimindo compromisos anteriores, xa que, desgraciadamente, a comunidade educativa do Instituto de Fene, está a pagar a inoperancia, inactividade e deixación do goberno local".

Adxúntase o texto da moción:

GRUPO MUNICIPAL DO BNG NO CONCELLO DE FENE


Manuel Polo Gundín portavoz do GM do BNG no Concello de Fene, ao abeiro da lexislación vixente presenta a seguinte Moción:

SOBRE A AMPLIACIÓN DO IES DE FENE
Exposición de motivos:

A comunidade educativa de Fene ten manifestado en reiteradas ocasións a necesaria ampliación do centro educativo ubicado no lugar do Pazo en Barallobre (Fene) para unha mellor prestacion das súas potencialidades pedagóxicas. Esa necesidade fíxose máis urxente a raiz da segregación de centros entre o Instituto de Ensino Secundario e o Centro Integrado de Formación Profisional. Vense obrigados a compartir espazos e instalacións coa conseguinte merma na calidade educativa. O Pleno do Concello de Fene aprobou en novembro do 2007 a cesión dunha parcela á Consellería de Educación para facilitar a ampliación das instalacións e a desconxestión dos servizos educativos. A aparición de atrancos técnicos no Rexistro da Propiedade, levou á alcaldía de Fene a aparcar o expediente nun recuncho do seu despacho, sen pescudar solucións para resolver o problema. Iso a pesar dos rogos e insistencias do daquela concelleiro de Educación Edgar Vigo López.

Diante de todo isto, proponse ao CONCELLO PLENO a adopción dos seguintes
ACORDOS:

1.-Instar á alcaldía a executar o acordo plenario de novembro de 2007 e solventar os atrancos que poidan existir para ceder a parcela en cuestión á Consellería de Educación.
2.-Formar unha comisión con representantes de todos os partidos políticos, e das direccións do IES e do CEIFP de Fene e solicitar unha entrevista co Conselleiro de Educación para trasladarlle esta problemática.
3º.- Dar conta deste acordo á comunidade educativa dos dous centros afectados, ao delegado territorial da Xunta de Galiza, á Consellaría de Educación, e aos portavoces dos grupos parlamentarios do Parlamento galego.

Fene, a 15 de xullo do 2009

SR.ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE FENE