28.2.11

O alcalde de Fene é o máis incompetente da provincia da Coruña

O Pleno da Deputación da Coruña, celebrado opasado venres 25 de febreiro, non puido completar a aprobación do Plan de Obras e Servizos 2011 para o Concello de Fene por faltar cinco documentos imprescindíbeis para o comezo das actuacións. Un ano máis, Fene é Concello con peor expediente administrativo, o que volve retrasar a execución de obras básicas e de vital importancia para as veciñas e os veciños.

O Plan de Obras e Servizos, aprobado polo pleno provincial de onte, achega investimentos á meirande parte dos Concellos, sendo as bases comúns para todos eles. O gorberno socialista de Fene é o máis incapaz da provincia, xa que non envía toda a documentación precisa para a aprobación destas partidas, como por exemplo, a memoria das obras a realizar neste Plan.

O POS 2011 foi aprobado por todos os grupos, sendo o BNG, un ano máis, o promotor da proposta de actuacións a realizar. Neste Plan contémplanse diversos saneamentos e acometidas de auga potábel en diferentes puntos do concello por un valor de 269.214,89 €.

Por outra banda o Pleno do ente provincial tamén aprobou as obras o Plan de Cooperación cos Concellos relativas ao concello fenés valoradas en 506.978,32€, e que teñen como obxeto a renovación da traída de augas na Avenida Naturais, na Rúa da Fraga, na Rúa Alta e na Rúa da Torre. Este programa PCC foi impulsado pola Deputación para o período 2008-2011, e novamente, o Concello de Fene completa a documentación “in extremis” perxudicando aos veciños polo tempo transcorrido debido a tan deficiente xestión.

POS 2007

As obras pendentes de executar dende o ano 2007, que foran aprobadas polo Pleno provincial o 22 de febreiro do 2007, por fin lograron ter toda a documentación en regra. No BNG lamentamos que, a pesar da nosa insistencia, estas obras non teñen comezado antes. Estamos a falar de 243.464,72 € de achega da Deputación provincial para arranxar varios camiños, así como para realizar a acometida de auga a Almieiras, en Limodre.

17.2.11

O BNG condiciona un posible acordo sobre o orzamento a que o Concello asuma o pagamento das débedas comprometidas

O documento de proposta de orzamento do goberno local para o Concello de Fene atópase nunha fase moi verde, e ten que mellorar diversos aspectos para podermos chegar a algún tipo de acordo. É a principal conclusión que o grupo municipal do BNG tira da reunión mantida, o venres pasado,co alcalde e o concelleiro de Facenda, primeira reunión convocada para escoitar as propostas do goberno no relativo ao orzamento do ano 2011.

A situación económica do concello non foi desvelada polos socialistas, pero desde o BNG sabemos que milleiros de euros seguen sen pagarse dos exercicios anteriores -2009 e 2010-, facturas a provedores de obras e servizos e subvencións pendentes de pago ao movemento asociativo. Esta queixa está sendo unánime entre as entides fenesas que visitamos na rolda de contactos que está a realizar o candidato nacionalista á alcaldía, Juventino Trigo.
No último Pleno acordouse por unanimidade pagar as facturas pendentes á Cooperativa de transporte Vieiro. Desde aquela data non se ten tomado iniciativa ningunha para cumprir o acordo.
Dende o BNG afirmamos que a nosa acción no goberno sempre pasará por cumprir os acordos adoptados.