26.12.06

Coas víctimas do franquismo

Eran algúns dos mellores homes de Fene. Referímonos ás máis de 60 persoas, paseadas ou fusiladas nos dias e meses posteriores ao 18 de xullo de 1936. Non eran persoas violentas, delincuentes nen asesinos. O seu único delito foi defender o réxime establecido, permanecer fidel á República ou participar activamente no tecido asociativo de Fene, na Sociedade Naturais de Fene, na Sociedad de Oficios Varios que tiña a súa sede no Penedo, na Sociedade agrícola La Necesaria, nos sindicatos e nos partidos políticos republicanos, galeguistas e de esquerda.

Eles recollían a tradición da Solidaridad Gallega que nos primeiros anos do século XX impulsou en Fene o farmaceútico Genaro Moreda, membro tamén das Irmandades da Fala e promotor do primeiro galeguismo. Asimesmo bebian dos desexos de liberdade e de progreso que traían os emigrantes retornados de América, fundamentalmente de Cuba e de Estados Unidos.

Homenaxear a estes “mártires da liberdade” é un deber cívico, se queremos que a historia non se repita, que a violencia irracional non volva a dominar a vida política, que poidamos expresar en democracia as arelas de liberdade para os traballadores e para Galiza.

Poderíamos dicir que a inmensa maioria da poboación de Fene da época foi víctima da represión franquista. As familias dos que perderon a vida por unhas ideas políticas, as interminabeis listas de cidadáns multados por “desafectos ao Movemento”, os que foron obrigados a traballar de xeito gratuito nas obras que determinaba a autoridade golpista, ...

Nenos e nenas orfos de pai de xeito prematuro, mulleres que se transformaron en viuvas e que se viron obrigadas a sacar adiante en solitario ás súas familias, pais que enterraron aos seus fillos en plena xuventude, familiares alcumados de “roxos” e que se vian obrigados a saudar ou baixar a cabeza diante da parafernalia falanxista. Todos eles vivieron un auténtico calvario nos anos da posguerra.

O BNG de Fene saúda á iniciativa da Conselleria de Cultura e Deporte de declarar este ano 2006 como ANO DA MEMORIA. Ponse así a primeira pedra dun acto de xustiza democrática.