28.5.06

Xurxo Souto conduce "A noite do acordeón"

O antigo compoñente do grupo "Os Diplomáticos de Monte Alto" acudirá a Fene o venres dia 2 de xuño para participar no acto denominado "A Noite do Acordeón". O escritor, locutor e aminador cultural conducirá unha velada adicada a ese instrumento musical, onde tamén se achegarán a tocar as súas pezas acordeonistas de Fene como Serafín Santamariña, o duo formado por Tamara e Sabela, Jorge Vázquez e Manuel Cociña. Trátase de rendir tributo ao acordeón, como nexo de confluencia entre múltiples xeneracións. "A noite do acordeón" comezará o venres dia 2 de xuño ás 20,30 horas no local social Alborada, na Avenida Naturais de Fene, 41-43, traseira. Trátase dun acto aberto a todas as persoas interesadas.

24.5.06

Fene debia baixar á segunda categoria, segundo a antiga interventora municipal

Martina Folgueira, antiga interventora do Concello de Fene: “Fene deberia ser un Concello de segunda categoría, e non de primeira como está agora catalogado. Pese a que houbo un acordo plenario inicial que posibilitaba ese acordo e abría as posibilidades ao concurso ao que podería, coa inferior categoria, optar a interventora, o Bloque finalmente se opuxo”. Son manifestacións textuais da antiga interventora municipal Martina Manteiga no periódico El Limpiafarolas de San Bartolomé, nas Illas Canarias.

Martina Manteiga defende os seus intereses de conservar o seu emprego en Fene, ainda recoñecendo que non tiña categoría para concursar a esta praza con carácter definitivo. Pode ser lexítimo o seu interese, pero o que se desprende da citada entrevista son os verdadeiros motivos que levaron ao PP e ao PSOE para votar a favor de rebaixar a categoría do Concello de Fene. Para favorecer intereses persoais –das persoas que daquela ocupaban as prazas de secretaría e intervención- esqueceron o seu deber de defender o progreso da comunidade, e de buscar sempre o mellor para Fene.

23.5.06

Xa está na rúa un novo número de Fenicia

Xa está na rúa un novo número de Fenicia, o boletín en papel do Bloque Nacionalista Galego de Fene. Desta volta, editáronse 7.000 exemplares que se enviaron á totalidade dos domicilios da localidade. Nel incluense artigos en lembranza das víctimas do franquismo, acerca da Escola Infantíl que se está a habilitar en Perlío e arredor do CD sobre sexualidade e afectividade editado polos Servizos Sociais do Concello de Fene. Tamén se engade unha relación das obras que o municipio proxecta realizar ou está a acometer na actualidade.

10.5.06

O Senado pide máis traballo para Navantia Fene


O Senado pide máis traballo para o estaleiro de Fene. A Cámara Alta aprobou na tarde de onte unha resolución na que se insta ao Goberno central a dotar a Navantia Fene dunha carteira estabel de pedidos que incluia a contratación de proxectos propios.
Tamén se insta ao executivo a que “realice as xestións necesarias ante a Unión Europea para que se superen as actuais limitacións á construcción naval civil”. Ademais, a moción do BNG propón que a empresa pública NAVANTIA “modifique o criterio que utiliza para determinar o grao de ocupación dos seus centros, de maneira que teña en conta as infraestruturas, as capacidades e as potencialidades de cada estaleiro”.

Francisco Jorquera incidiu na necesidade de que o estaleiro fenés conte cunha carteira estábel de pedidos que inclúa a contratación de proxectos propios “xa que na actualidade o estaleiro está funcionando na práctica como auxiliar do de Ferrol, o que implica o desprazamento de persoal e a infrautilización das capacidades do estaleiro”.

“Os criterios de reparto da carga de traballo que utiliza Navantia non son congruentes e danan a Fene”

O segundo ponto do moción do BNG aprobada polo Senado insta ao Goberno a que a empresa pública Navantia modifique os criterios que utiliza para determinar a carga de traballo dos seus centros, xa que segundo Jorquera “non son congruentes e danan a Fene”.

O senador do BNG puxo como exemplo a recente perda por parte do estaleiro de Fene a favor do de Puerto Real (Cádiz) dun contrato para construír tres cascos de buque para o estaleiro vigués Vulcano. A xustificación esgrimida pola dirección de Navantia, e confirmada nunha interpelación do BNG o pasado 26 de abril polo ministro de Economía, Pedro
Solbes, era que se debe a unha razón de custos, pois a ocupación de Puerto Real era dun 51 por cento e a de Fene dun 98 por cento.

Isto é así porque o grao de ocupación do estaleiro de Fene calculouno Navantia utilizado como único baremo o seu actual cadro de persoal, un criterio que para Jorquera “é como o conto da pescada que se morde a cola”.

“Un estaleiro que tiña a comezos dos oitenta máis de 5.000 traballadores de cadro de persoal, que froito das sucesivas reconversións viu recortado o mesmo até a mínima expresión, resulta que non pode ter carga de traballo que vaia máis alá de realizar tarefas auxiliares, porque do contrario obrigaría a subcontratar persoal, co conseguinte impacto nos custos”, denunciou esta tarde o senador nacionalista.

Francisco Jorquera preguntouse se “acaso non representa un custo manter sen carga efectiva de traballo unhas instalacións como as de Navantia-Fene”. Neste sentido, demandou que, á hora de valorar e calcular o grao de ocupación dun estaleiro, “deben ser tidas en conta a capacidade do estaleiro e a súa infraestrutura”.

“O Goberno ten que negociar coa UE para defender un sector estratéxico da economía galega”
Por último, a moción do BNG insta ao Goberno Central a que “faga as xestións necesarias ante a Unión Europea para que se superen as actuais limitacións á construcción naval civil, renegociando coa UE os termos do actual acordo”. Neste ponto, Francisco Jorquera aceitou unha emenda do PNV na que se pedía que esta renegociación non se limite a NAVANTIA senón que se amplíe a todo o sector.

O senador do BNG mostrou a súa preocupación porque “nun momento no que a construcción naval está vivindo un ciclo alcista”, cun aumento da demanda en todo o mundo, “o estaleiro de Fene teña unhas instalacións, con 80.000 metros cadrados de superficie, totalmente infrautlizadas”

“Fene ten as instalacións, a tecnoloxía e o saber facer necesario para aproveitar este cenário de oportunidades e revitalizar un sector vital para a economía da comarca”, subliñou

Por último, Francisco Jorquera lamentou a falta de apoio do grupo do PSOE a esta iniciativa. Lembroulles que a crise do estaleiro de Fene “debeuse a decisións políticas xa que foi o único da UE a que se lle prohibiu participar na construcción naval civil e posteriormente se lle prohibiu construir plataformas petrolíferas”. O resultado da votación foi de 134 a favor ( BNG, PP, CiU, PNV,CC, EA) e 94 en contra (PSOE).