14.3.06

Selo de calidade para as políticas de xénero

Implantar un "Selo de calidade" para as empresas que destaquen en políticas de xénero. Esa é unha das iniciativas nas que traballa o Servizo Galego da Igualdade da Xunta de Galiza, segundo adiantou en Fene a directora xeral do SGI Ana Luisa Bouza. Bouza salientou que esas firmas terán logo vantaxes á hora de concurrir a concursos públicos da comunidade autónoma. A directora do Servizo tamén anunciou a apertura dun centro para mulleres maltratadas con discapacidades físicas, e comunicou que ven de abrirse en Lugo unha casa de acollida para mulleres con doenzas mentais. Ana Luisa Bouza participou nun acto conmemorativo do Dia Internacional das Mulleres, organizado polas mulleres do BNG de Fene.

8.3.06

8-M Día internacional das mulleres

Sumámonos á celebración do Dia Internacional das Mulleres, coincidindo coa data do 8 de marzo. Para conmemorar a xornada, o BNG de Fene organiza unha charla da directora do Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galicia Ana Luisa Bouza. Disertará sobre a "Igualdade de xénero" ás 19,30 horas do vindeiro sábado dia 11 nos locais do Bloque. O acto finalizará cunha cea de mulleres aberta a todas as interesadas que desexen apuntarse.