7.9.10

O BNG pide a convocatoria urxente do Consello da Radio Municipal ante os cambios unilaterais do Alcalde

Fene, 7 de setembro de 2010.- O portavoz municipal do BNG, Manuel Polo, ven de solicitar por escrito ao Alcalde de Fene a convocatoria urxente do Consello da Radio. O Alcalde, Ivan Puentes, comunicoulle ao BNG o pasado venres, a súa intención de reducir de cinco a tres o número de traballadores da emisora municipal para que estes pasen a facer outras funcións dentro do Concello. O BNG solicitoulle nese mesmo intre que convocase o Consello da Radio, órgano de participación cidadán, técnico e político que asesora á Corporación no desenvolvemento da Radio municipal para que o Alcalde expuxese o seu proxecto para a emisora. A sorpresa salta cando no día de onte, dous traballadores non se incorporan ao seu posto de traballo e comezan a realizar outras funcións.

Hoxe, revisado o rexistro de entrada de documentos puidemos ver como hai un cruce de documentos entre a concelleira delegada Carmen Silvar e a propia emisora municipal, documentos que o BNG tamén solicitou por escrito, pero non vimos escrito algún dirixido aos traballadores afectados.

Pola información trasladada polo Alcalde é a súa vontade que a emisora reduza a súa programación, como por exemplo, coa desaparición do programa da fin de semana A Bancada.

O BNG sospeita que todo o procedemento pode ser irregular polo que, unha vez sexa examinada a documentación solicitada, consideraremos pedir informes xurídicos ao Secretario da Corporación de todo o procedemento.

Para o portavoz do BNG este xeito de actuar errático e ás presas débese ao gran nerviosismo instalado nas filas socialistas, xa que pasaron de non convocar Comisións informativas en agosto porque “non había asuntos” a actuar á lixeira e sen informar reproducindo o lamentábel episodio de cambio de director da radio que como todo o mundo sabe quedou en nada por ser absolutamente irregular e sen fundamento xurídico algún.