23.1.07

Fernando Blanco presenta o proxecto de novo estaleiro para Fene

As xestións da Consellaría de Industria, dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, xunto coa presión parlamentaria do BNG, desembocaron no proxecto que presentou o Conselleiro en compañía do Presidente de Barreras. O proxecto será financiado conxuntamente polo estaleiro vigués e as dúas caixas galegas. Terá carácter totalmente privado e por tanto non se vería afectado polos vetos negociados coa UE polo PSOE e ratificados polos gobernos ulteriores.

Barreras aspira a comprarlle á SEPI os terreos desaproveitados por Navantia e a ocupar aos traballadores inactivos, xerando 300 empregos directos e 2000 indirectos. Portos de Galicia considera a opción de retirarlle a concesión dos terreos a Navantia se incumpren os termos da cesión, isto é, a falta de actividade.

Minutos máis tarde do anuncio, a SEPI, sociedad estatal propietaria de Navantia, e principal escollo non político para a revitalización industrial da comarca de Ferrolterra, apresurouse a cualificar de sorprendente e irrealizable o proxecto, sen tempo para analizalo.

O alcalde de Fene e candidato á reelección declarou hoxe que non se entende como desde Madrid se poñen trabas unha e outra vez aos proxectos en positivo de desenvolvemento económico da Comarca. Este comportamento obstaculizador imita ao que a SEPI levou a cabo coa ampliación da terceira fase do Polígono de Vilar do Colo.

Os axentes económicos, por voz do presidente da Cámara de Comercio de Ferrol, xa deron o seu visto bo a esta iniciativa de desenvolvemento industrial.

Sorprende o tratamento informativo que La Voz de Galicia lle dá a esta noticia. Na versión electrónica do caderno comarcal non aparece ningunha nova relacionado con isto, e nas páxinas galegas destaca como titular a reacción negativa da SEPI antes que a noticia do proxecto.

A noticia podese ler aquí , aquí e máis aquí.

A sucesión dos acontecementos en tres pasos: 1, 2 e 3.

13.1.07

Rivera Arnoso, cabeza de lista ás eleccións municipais

A asamblea do BNG de Fene elexiu onte por unanimidade a Xose María Rivera Arnoso, como cabeza de lista da formación nacionalista ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Na asamblea salientouse a importancia da nova etapa que se abre para o relanzamento no municipio, dada a existencia na Deputación Provincial e na Xunta de Galicia, de gobernos que non discriminan aos Concellos pola súa afiliación ideolóxica. A recuperación do sector naval e a definición de novas actuacións dirixidas a promover o benestar de viciños e viciñas serán as liñas mestras do programa de goberno nacionalista. Ademais continuaráse a pular a lingua e a cultura galega percurando un maior achegamento á xuventude. Nas vindeiras semanas o BNG comezará a traballar na elaboración da candidatura completa e máis do programa electoral. O Bloque goberna en Fene dende1979 e aspira a revalidar a confianza da povoación na vindeira cita coas urnas.