10.7.06

Roteiro pola historia e pola cultura

A escola de Limodre, edificada grazas ás achegas dos emigrantes no primeiro terzo do s.XX.

Un roteiro pola historia e pola cultura de Fene organízase para o vindeiro xoves 20 de xullo, dentro da campaña do Dia da Patria Galega e para conmemorar os 16 anos dende a inauguración dos locais do BNG de Fene. O roteiro seguirá o seguinte horario:
20 h. Monumento á Patria Galega. Parque Rio Cádavo. O economista Xose Diaz explica os primeiros pasos do sindicalismo en Astano na década dos 70.
20,15h. Monumento ao Pallaso. Parque Castelao. A escritora Medos Romero recita tres dos seus poemas de compromiso coa terra.
20,30 h. Diante do local do CMI Unidade de Fene. O alcalde Xosé María Rivera afonda na implicación do Concello na potenciación da cultura galega.
20,45 h. Diante do Xulgado de Paz de Fene. O profesor de Historia e vicerreitor da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto aborda a relación entre o agrarismo e o galeguismo de comezos do século XX, centrandose no papel da sociedade "La Necesaria".
21,00 h. Diante do local do BNG. A membra da executiva do BNG Encarna Otero contextualiza a celebración do dia da Patria Galega, aludindo tamén á contribución de Fene na conformación do nacionalismo contemporáneo.
Ao longo de todo o percorrido, acompañarános un grupo de gaiteiros. Ao remate convidaremos aos asistentes a un viño e a uns pinchos para repoñer forzas.

1.7.06

Cabodano do local social Alborada

O vindeiro 20 de xullo cúmprense 16 anos dende a inauguración da sede do BNG de Fene, denominada local social Alborada. O Bloque Nacionalista Galego adquiriu en 1989 un baixo situado na Avenida Naturais de Fene 41 - 43. Era o primeiro local en propiedade que o BNG mercaba en toda Galiza. Co esforzo e aportación persoal dos homes e mulleres da localidade, amañouse o baixo e habilitouse unha cafetería no baixo e unha ampla sala de reunións na primeira planta. O 20 de xullo de 1990 inaugurouse o local, nun acto que contou coa participación dos dirixentes do BNG Encarna Otero e Mario López Rico. O vindeiro 20 de xullo conmemoraráse aquela xornada.