15.9.07

Os usos da Casa da Maleta de Barallobre


Un centro de interpretación da arquitectura indiana ou un Museo da Emigración, poderían constituir algunhas das utilidades da "Casa da Maleta" de Barallobre, segundo asegura o Bloque Nacionalista Galego de Fene nun comunicado. A formación nacionalista pregunta ao Partido Popular "cales son os motivos agora para a urxencia da súa iniciativa de adquirir un edificio que leva en venda dende o 2004, cando naquela ocasión os populares opuxéronse a iniciar os trámites de compra, e agora entroulles unha presa insólita tanto na Deputación como no Concello de Fene". Para o BNG, "unha vez que o Pleno do Concello de Fene facultou ao alcalde para desenvolver os trámites, é preciso retomar o traballo iniciado pola anterior Corporación". Os nacionalistas xa se dirixiron á Consellería de Cultura e á Consellería de Vivenda da Xunta que inicialmente ven con bós ollos a proposta. Igualmente persoas do Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega visitaron a edificación de Barallobre, e loubaron a súa singularidade. O Bloque propón de xeito paralelo ao inicio das xestións para estudar a adquisición do inmoble, encargar un proxecto de usos e unhas perspectivas de financiamento da instalación a medio prazo.
Edificio singular
António Fernández Fernández, coñecido como o "Adriano" construiu o edificio da "Casa da Maleta" en 1921. "El trabajo es mi Dios y el mundo mi tumba" era un dos seus lemas, gravados en pracas de mármore no interior da vivenda. A edificación responde a un orixinal deseño realizado integramente polo propio promotor. Un home na cúpula sostén un facho de luz, e unha maleta. Mira ao horizonte, como símbolo e homenaxe ao emigrante que se ve forzado a abandonar a súa patria. O orixinal deseño da vivenda, a cúpula nervada e a estatua que a coroa, xeneraron dende a súa construcción expectación e curiosidade. Na década dos anos 20 a revista "Blanco y Negro" editada en Madrid adicoulle unha reportaxe dunha plana a este chalé ubicado no Camiño da Vrea (Barallobre- Fene - A Coruña).

14.9.07

A Xunta prometeu as beirarruas de Conces no 2007




O ex-delegado provincial da Consellería de Política Territorial Jacinto Parga comprometérase no seu dia co anterior goberno municipal de Fene a iniciar a construcción de beirarruas na AC 122 entre Fene e Neda neste ano 2007. O Bloque Nacionalista Galego de Fene reclama agora o cumprimento dese compromiso "cada vez máis urxente dada a elevada cantidade de vehiculos e as altas velocidades ás que circulan por este vial". A recente repavimentación da estrada e a conseguinte mellora do firme pode provocar un incremento das velocidades medias, co conseguinte aumento da perigosidade para os numerosos peóns que circulan pola zona, segundo os nacionalistas. O BNG lembra a existencia de edificacións colectivas, "como as vivendas sociais de Conces e as casas de Pedro Pena" para xustificar a necesidade das aceiras, ao tempo que pide sinalización vertical e horizontal de limitación da velocidade "que lembre aos automobilistas o carácter de travesia urbana da via". Para o Bloque, a estrada entre Fene e Neda ven rexistrando un aumento paulatino do tráfico, especialmente visible dende a apertura da Autopista entre Fene e Ferrol o 15 de decembro do 2003, e a entrada en funcionamento do enlace de Neda.

8.9.07

Reclaman beirarruas en Chamoso, Rego da Moa e Santa Ana


A construcción de beirarruas, de aceiras, na Nacional 651 ao seu paso por Chamoso é a demanda que formula o Bloque Nacionalista Galego de Fene a través dun comunicado. O BNG reclama a conversión nun "boulevard" deste tramo de via entre a gasolineira de Fene e a curva de Santa Ana. Os nacionalistas aseguran que esa actuación convírtese nunha necesidade urxente para a protección dos peóns, dada a elevada velocidade dos vehículos que atravesan a zona. Tamén urxe a urbanización da zona do Rego da Moa, "diante da inminente entrada en servizo do vial que comunica Fonfria con Vilar do Colo, e o conseguinte incremento de paso de vehículos por este punto".
O Bloque lembra que o xefe do Servizo de Planeamento, Proxectos e Obras da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Fomento Eduardo Toba se comprometera co goberno local anterior "a realizar as beirarruas, de xeito simultáneo á repavimentación do vial". Como queira que nestes dias se procede a botarlle unha capa de "slurry" a este tramo de estrada, a formación nacionalista reclama o cumprimento do compromiso completo e a realización desa actuación. O Bloque demanda asimesmo sinalización vertical e horizontal de reducción de velocidade na "curva de Santa Ana", lugar onde se teñen producido innumerabeis accidentes.

1.9.07

Anxela Bugallo intervén o martes na homenaxe a Pancho Allegue


A Conselleira de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia Anxela Bugallo intervirá en Fene no acto de lembranza a Pancho Allegue, concelleiro do BNG falecido o 4 de setembro do 2005. O recordo ao edil nacionalista terá lugar o vindeiro martes ás 6 da tarde no Parque Castelao, diante da placa que as sociedades de Fene adicaron o pasado ano a Allegue.
Nese acto organizado polo Bloque Nacionalista Galego, daráse a coñecer a iniciativa cidadán de formar unha entidade co nome de Pancho Allegue. A asociación instituirá anualmente un Premio co nome do concelleiro de Fene, que se otorgará a persoas, colectivos ou institucións que destaquen no eido do municipalismo e do sindicalismo. Entre os promotores da asociación “Pancho Allegue” se encontra o ex-concelleiro de Fene Andrés González Vizoso.
Pancho formou parte da Corporación de Fene durante 18 anos, e no momento da súa morte ocupaba o posto de primeiro tenente de alcalde. Con anterioridade participara de xeito activo na loita contra a reconversión naval nos anos 80, sendo referente do sindicalismo nacionalista no seo do comité de empresa de Astano. Ademais presidiu a Asociación de Viciños de Fene entre 1984 e 1987. A súa morte repentina aos 46 anos de idade, debido a un infarto de miocardio, causou unha fonda impresión no Concello de Fene e no conxunto de Ferrolterra. O seu multitudinario sepelio no cemiterio veciñal de Sillobre convertiuse nunha manifestación xeneralizada do agradecemento da povoación ao labor de compromiso de Francisco Allegue. O ano pasado, no seu cabodano, igualmente os cidadáns encheron a Praza do Concello de Fene nun acto institucional no que se presentou o libro “Pancho Allegue. Historia dun compromiso” de Maria Xesús Arias, Henrique Sanfiz e Manuel Mera. O vicepresidente da Xunta Anxo Quintana interveu nese acto loubando a xenerosidade e a entrega á causa nacionalista do edil falecido.




Fene, a 1 de setembro do 2007.