19.11.07

Limpando fontes e lavadeiros nos 12 rios de Fene




Un total de 40 lavadeiros e 35 fontes figuran no inventario municipal do Concello de Fene. Esas construccións comezaron a repararse, limparse e adecentarse esta mañá, segundo comunica a concelleira de Servizos, a nacionalista Inés Roca. Unha parella de traballadores municipais empreganse na limpeza, pintado e mantemento de fontes e lavadeiros. O Concello de Fene xa ten acometido estes labores noutras ocasións, pero na actualidade algún lavadeiro presenta un mal estado evidente.

Lavadeiros e fontes por parróquias:


Fene: 3 lavadeiros e 3 fontes.
Perlío: 5 lavadeiros e 5 fontes.
Maniños: 9 lavadeiros e 5 fontes.
Barallobre: 11 lavadeiros e 9 fontes.
Magalofes: 5 lavadeiros e 5 fontes.
Limodre: 2 lavadeiros e 3 fontes.
Sillobre: 10 lavadeiros e 4 fontes.
San Valentin: 1 fonte.



Rios:
12 rios e regatos atravesan os 27 quilómetros cadrados do término municipal de Fene. Son en concreto o Xarrón, do Porto e Belelle en Sillobre, Magalofes na parróquia do mesmo nome, Cádavo en Fene, Cádavo e Magalofes en Perlío, Bispo e Abeleira en Barallobre, As Arangas e o rio Ba en Maniños e os Rios do Picho, Castro e Sandeo en Limodre. O rio do Picho nace en Limodre ainda que logo discurre por Maniños. Tamén nesta parróquia desemboca o rio do Bispo, adquirindo na desembocadura a denominación de río da ribeira.
Eses canles fluviais representaron unha notable riqueza para o municipio. Neles funcionaron máis de 60 muiños a un tempo (segundo se reflexa no Catastro de Ensenada de 1752) e grazas a eles, boa parte da roupa de Ferrol se lavaba en Fene, especialmente na parróquia de Sillobre, onde residian e traballaban numerosas lavandeiras.

As lavandeiras
Segundo indica Maria Rivera no seu libro “Sillobre ven de antigo” (Concello de Fene.2000) “nos comezos do século XX a lavandeira facía as viaxes a Ferrol o domingo, levando un “cesto da roupa” e percorría as casas para as que lavaba, recollendo a “roupa lixada” (que era sobre todo, roupa de cama, almofadas, colchas,...) e logo co cesto na cabeza, regresaba a casa. O dia de lavar a roupa era o luns. A primeiras horas da madrugada (á unha ou duas da mañá) as mulleres erguíanse para lavar as pezas. Axudadas cun candil, alumeaban o lavadeiro e lavaban a roupa con xabrón,, fregábana, batíana, torcíana e dábanlle contra as laxes; despois poñíana a “clareo”, tendéndoa ao sol nun campo e regandoa con auga durante ese dia. A roupa pasaba alí a noite e o martes recollíanse as pezas para facer a “bogada”, que consistía en meter a roupa nunha tina, poñéndolle por riba un mandil ou sabenla vella; nun pote poñían a ferver auga con cinza e xabrón e cando fervía un pouco, botábaselle por riba: feito isto a roupa pasábana de novo por auga limpa, xabrón e por un novo clareo. Máis tarde tendíana para secala no “enxugadoiro” formado por toxos. Unha vez seca, a lavandeira recollía e dobraba a roupa e normalmente a entregaba os mércores.


Quédate con Dios Betanzos
Coas tuas betanceiras
Eu voume para Sillobre
Xunto ás miñas lavandeiras.

Lavandeira de Sillobre,
Ai garrida lavandeira
Teño dir a San Ramón
Lavaima a miña monteira.

15.11.07

Fene apoiará o sector productivo no sector primario

A concellería de Promoción Económica de Fene que dirixe o nacionalista Manuel Polo apoiará proxectos productivos no sector primario, dacordo coas novas directrices da Consellería de Medio Rural que é a que distribúe os fondos dos Programas da Unión Europea (Leader) que pretende primar esas liñas de actuación. Con ese obxectivo, o edil do BNG mantivo sendas reunións coa xunta directiva da cooperativa do mel A Queiroga e máis coa xunta xestora dos comuneiros do monte Marraxón. Nesta zona da parroquia de Sillobre barállase a posibilidade de planificar unha explotación forestal nas 22 hectáreas de terreo dispoñibles. En relación coa Queiroga, as accións poderíanse enfocar na ampliación do mercado do mel e máis no desenvolvemento de outros productos derivados da actividade apícola, tais como o propóleo,o pole, a cera, etcétera. Segundo manifestou Manuel Polo, "nos vindeiros meses haberá que redactar e precisar eses proxectos para logo solicitar as correspondentes axudas". Os cambios nas directrices poderán incluso conlevarmodificacións na estructura da asociación Costa Artabra, coa incorporación de máis entidades relacionadas co sector primario, que ata o momento xestionaba en Ferrolterra ese tipo de programas.