26.1.06

O sistema de financiamento autonómico (I)

Frecuente e reiteradamente se nos fai chegar a través das altas instancias mediáticas e políticas estatais que Galiza é unha economía subsidiada. O nacionalismo ten contrarrestado historicamente tales afirmacións con teorías primeiro e con datos despois.

No entanto a cidadania galega parece máis dacordo coa propaganda que vén de fóra que co razoamento que xeramos desde dentro. Porque algo hai de inxustiza neste debate. Vexamos.

Para entender que acontece co sistema de financiamento de Galiza no marco estatal hai que pensar en dous planos distintos pero complementarios: o ámbito territorial ou do País e o plano individual ou das persoas.

Ámbito territorial

Existen datos producidos pola propia Administración do Estado que demostran que Galiza, como País, envía a Madrid máis diñeiro do que recibe a cambio en retorno.

No 2003 o Estado recadou en Galiza 7.600 millóns de euros (M€), mentres que Galiza só recibiu, dun lado, 2.900 M€ en concepto de impostos cedidos (que non teñen en conta a demanda histórica de que as grandes empresas con establecementos no País tributen aquí a parte que lles corresponde), e, doutro lado, 2.800 M€ en concepto de fondo de suficiencia e garantía sanitaria (un fondo compensatorio aprobado despois da nefasta negociación que fixera o PP cando se transferiu a Sanidade ás competencias do Estado á Xunta de Galiza).

Como se ve, isto produce un saldo negativo de 1.900 M€ para Galiza fronte ao Estado. Galiza é sustentadora neta do funcionamento do aparato da Administración do Estado. Primeiro dato.

Plano individual

Mentres o dato deficitario anterior, que se repite sistematicamente ano tras ano, se acala e se aparta dos debates, se fala máis da conta e até con certo nivel de hipocresía da solidariedade entre territorios. A primeira incorrección é falar de territorio nun ámbito no que o que hai é, en todo caso, solidariedade entre persoas que residen en diferentes lugares, pero no que a solidariedade, de habela, dáse en función das diferenzas de riqueza entre unhas persoas e outras, e non entre as que residen nun e noutro lugar.

Neste plano da redistribución da riqueza entre as persoas máis ricas e as máis pobres acontece efectivamente que os individuos que residen en Galiza, reciben, pero non en condición de cidadáns galegos senón en condición de persoas con recursos escasos, máis do que cotizan. Os últimos datos din que os galegos e as galegas cotizamos por valor de 3.800 M€ e que recibimos pensións contributivas por valor de 4.700 M€.

As persoas que residimos en Galiza mantemos un saldo neto positivo de 900 M€ coas persoas con máis recursos que residen no resto do Estado. A nosa renda, por ser inferior á media, convértenos en receptores netos de pensións contributivas. Segundo dato.

Ben, e cal é a diferenza?

A diferenza é que, se dun lado perdemos 1.900 M€ e doutro lado gañamos 900 M€, en definitiva Galiza e a súa cidadanía perdemos 1.000 M€ cada ano que se leva o Estado.

Para termos unha idea do que significa esta cantidade abonda dicir que é aproximadamente todo o investimento real da Xunta de Galiza no ano 2006. Ou o equivalente a deitar unha autoestrada que cruzara Galiza de N a S ou de O a E, se o queremos medir en cemento.

O que acontece, pois, é que por baixo da mensaxe demagóxica da solidariedade interterritorial o que subxace é que Galiza perde diñeiro que vai a lexitimar a propia existencia do Estado, a súa acción e a súa propia razón de ser.

Fiando máis fino

Se a isto sumamos a tributación centralizada de moitas empresas en Madrid, ou o que significa a emigración galega a drenaxe financeira que sufrimos Galiza e a cidadania galega é aínda máis patente.

É por iso que o BNG propugna un modelo de financiamento distinto, baseado nunha concepción federal do Estado que nos devolva o que é noso e que nos deixe a nós decidir como quremos gastar ou redistribuir a nosa riqueza.

25.1.06

«Ábrese un novo cenario político», afirma Jorquera

O senador e coordenador da executiva do BNG Francisco Jorquera afirmou que a distinción entre nacionalidades históricas e rexións terá efectos políticos prácticos positivos para o noso País.

No auditorio do local do Bloque de Fene, ateigado con máis de 80 afiliados/as e simpatizantes nacionalistas e que ficou pequeno para a ocasión, o político ferrolán pronunciou na tarde de onte unha charla na que salientou o novo cenario político que se abre a partir do acordo do Estatuto de Cataluña.

Perante esta novo cenario o BNG propugna a inmediata constitución da ponencia parlamentaria para a redacción do novo Estatuto de Autonomía. Os grupos políticos, pero tamén o tecido social, deben participar nese proceso, segundo Francisco Jorquera.

Con este acto, o Bloque Nacionalista Galego de Fene iniciou a posta en práctica do seu Plano Estratéxico aprobado hai varias semanas pola Asemblea Local.

17.1.06

Acto con Francisco Jorquera

O senador e coordenador da Executiva do BNG Francisco Jorquera acudirá a Fene o vindeiro martes dia 24. Pronunciará unha charla ás 20 horas nos locais do BNG aberta a toda a cidadanía. Disertará sobre a proposta de novo Estatuto de nación que defende o Bloque.

16.1.06

A renda familiar en Fene (I)

O Instituto Galego de Estatística vén de publicar uns datos sobre a riqueza das familias galegas. O importantes destas estimacións da Renda Familiar Bruta Dispoñíbel por habitante (RFBDh) é que presenta datos para todos os concellos galegos.

Este traballo, por moi aproximado e estimativo que poida ser, fornece unha información valiosísima para a cidadania e para a política fiscal dos concellos. Para a veciñanza, porque permite mirarse no espello doutros concellos, non só para ver o nivel de servizos que teñen, senón para ver o esforzo fiscal que realizan para custealos. Para a política, porque permite debatir e criticar sobre datos certos, e introducir na xestión financeira dos concellos un elemento de obxectividade e xustiza financeira que sen o concurso deses datos non pasaría da simple demagoxia.


Estes son os datos da RFBDh para Fene e a súa evolución ao longo dos anos. Na metodoloxía da estatística presentada esta semana, referida ao trienio 2000-2002, advírtese das dificultades de comparar estas informacións coas precedentes, relativas ao ano 1996, pero nós pensamos que é mellor ter esa visión comparativa que non tela, daí que ofrezamos toda a información conxuntamente:

Primeira conclusión: Fene é un concello algo máis rico que a media galega. Hai 10 anos xa estábamos no 104% da media galega, e os últimos datos dispoñíbeis para 2002 indican que estamos no 107%, que supón algo máis de 1.600.000 das antigas pesetas.

Segunda conclusión: Fene é un concello máis rico que a media dos concellos do seu tamaño e características, que agrupamos como os concellos con máis de 10 mil habitantes exceptuando as cidades (máis de 50 mil). Nesta comparación Fene mantense de forma moi estábel en torno ao 109% da media destes concellos.

É ben certo que a media é un indicador que non describe como está distribuída a renda entre os habitantes, pero a priori podemos supoñer que existen menos diferenzas de renda no ámbito municipal fenés que as que podemos encontrar entre diferenteas zonas de Galiza, por exemplo o rural do interior e as áreas metropolitanas. Tampouco se pode afirmar, coñecendo minimamente o concello, que Fene sexa un lugar onde as diferenzas e a exclusión social sexan maiores que por exemplo en calquera das sete cidades. Non queremos dicir que non existan eses problemas, que os hai por desgraza, senón que no caso de Fene a renda media é un indicador máis fiable do que noutros concellos.

11.1.06

O BNG prepara un Plano Estratéxico

O nacionalismo en Fene prepara un Plano Estratéxico que pretende servir como revulsivo interno e externo do Bloque Nacionalista Galego. O obxectivo é situarnos en mellor posición para afrontar as eleccións municipais do 2007. Aspiramos a renovar a confianza da cidadanía de Fene e coidamos que o nacionalismo é garantia de xestión honesta e eficaz na defensa da industria e da economía.

Queremos aproveitar en beneficio dos viciños e viciñas de Fene a nova etapa política aberta en Galiza, a ilusión xerada coa entrada no goberno autonómico do BNG. Con esa finalidade, este venres a asamblea do BNG de Fene debaterá e aprobará, se procede, ese documento que concreta en 10 medidas a actuación do Bloque nos vindeiros meses.

10.1.06

Topónimos de Fene (I): O Río Ba

Comezamos con este texto unha serie de artigos que nos levarán a afondar na orixe dalgúns topónimos ou nomes de lugar do noso Concello.

Fene foi un dos tres concellos galegos pioneiros en ter un servizo de normalización lingüística, e a preocupación dos sucesivos gobernos do BNG por esta materia está fóra de toda dúbida, malia a inserirnos nunha comarca, a de Ferrolterra, cada vez máis castelanizada. Como parte desta política normalizadora e cultural levouse a cabo xa hai anos unha revisión da toponimia e do rueiro municipal, instalando a correspondente sinaléctica, todo baixo un modelo que logo moitos outros concellos seguirían. Outros concellos, pola contra, aínda manteñen rueiros franquistas.

Hoxe imos falar do polémico hidrónimo do Río Ba. Polémico, porque toda a vida foi transcrito e escrito con -b-, ou Baa, que é unha forma máis próxima da orixinal e que facilita retrotraernos ás súas orixes. Mais, con ocasión dunha serie de proxectos dirixidos á necesaria recuperación das beiras do Río, como a do Parque fluvial sito na parroquia de Maniños, algún erudito ou estudoso deu en afirmar que o correcto era grafalo con -v-: Río Va, e así ten aparecido nalgunha publicación municipal.

Neste caso, a disquisición entre -b- e -v- non ten nada que ver con eses numerosos casos nos que a indiferenciación fonética propia do galego-portugués norteño (no Norte de Portugal acontece o mesmo e só máis a Sur é cando comeza a distinguirse un fonema do outro). Estamos a falar de topónimos como Vrea/Brea ou Vao/Bao, Valón/Balón, Covas/Cobas -en todos os casos a forma correcta etimoloxicamente falando é a primeira, con -v-, todos eles presentes na nosa toponimia comarcal. Neste caso, a razón é outra.

O topónimo Baa/Vaa ten dúas posíbeis orixes, cada unha coa súa letra, de feito que, dependendo de que etimoloxía sexa a correcta, haberá que grafalo dun xeito ou doutro. A toponimia non é unha ciencia exacta, e ten un aquel de arqueoloxía, na que cómpre reconstruir a historia atendendo aos restos, as pegadas, a evolución ao longo do tempo do topónimo, da fala e da linguaxe culta.

Baa

Baa viría dunha raíz céltica bod-, relacionada con auga, braña ou fonte, raíz emparentada con outras como bed- e, nesta hipótese, bad-.

Topónimos comúns á raíz bod- son numerosísimos, sendo algúns dos máis comúns Boedo -e a súa evolución Bueu-, Boeiro, Ríoboo, Budiño, Bodaño e Buazo.

Coa raíz bed- temos os casos da praia do Beo no concello de Malpica, Bedrobe -ou mellor Bedobre como en O Grove/Ogrobe ou Bembrive/Bembibre- na parroquia de San Xián de Cabaleiros en Tordoia, Bedús en San Pedro de Vilalvite en Friol, O Bede en Santa María de Rubín na Estrada, Bedán en San Xián da Pereiriña en Cee, Os Bedugos en Santa María de Presedo en Abegondo, e A Bedoxa en Santa María do Sequeiro, do concello de Valdoviño -o mesmo que o Bedoya que podemos atopar fóra de Galiza-.

Coa raíz bad- temos os casos: Bade, nas parroquias de Santa María de Vilamaior no concello de Sarria e de San Bieito en Gondomar; Badón na parroquia de Santa María das Pontes de García Rodríguez, Badernado -vao areado?- en San Xoán de Serres no concello de Muros, Badoucos en Santa Mariña de Arcos da Condesa en Caldas de Reis, Badoi en Santa Baia de Burgás en Xermade, e Badarra -raíz céltica bad- e -ar(ra), raíz relacionada con moitos lugares nos que se encontran ríos, regatos ou canles- na parroquia de Santiago de Mens en Malpica. O Nomenclátor do Instituto Nacional de Estatística, aínda non correxido e normalizado en moitos casos, recolle algúns destes topónimos grafados con -v-.

No resto do Estado temos os topónimos Badajoz, Badalona, Badalejos, ou os máis transparentes Badaguas, Badarroyo, Badarán, Badaín, Badames e tamén Bada, estes últimos situados todos no N e NO peninsular.

Pero o caso que nos interesa é o do Río Baa, topónimo idéntico ao existente no lugar de Baa -novamente no concello de Malpica-, e que tamén está atravesado por un río homónimo.

A relación entre nome de lugar e corrente de auga está clara, e ponse aínda máis de manifesto se temos en conta que na mesma parroquia de Maniños existe o lugar chamado do Boado, cuxa raíz ten unha orixe outra volta relacionada co mesmo río.

Tamén existen cando menos cinco lugares e unha parroquia en Galiza chamados Baamonde, topónimos moitas veces grafados con -v- e cun inventado -h- intervocálico que só serve para marcar a existencia do hiato -aa- derivado das dúas sílabas orixinais.

Este topónimo é de orixe discutida, pois hai estudosos que o retrotraen a antropónimos ou nomes de propietarios de vilas ou explotacións agropecuarias típicas da época altomedieval, cuxa existencia está documentada en antigas escrituras. Con todo, e sen entrar a discutir se foi primeiro o ovo ou a galiña, o topónimo ou o antropónimo -velaí o caso paradigmáico de Valdoviño, Val(e) do Aviño ou Baldovinus?-, non resulta descamiñado pensar nunha palabra composta da mesma raíz Baa- e do sufixo xermánico -monde ou -mundo, que ten o curioso significado de lugar ou asentamento humano -como en Mundín, na parroquia de Perlío.

Tamén podemos encontrar a parroquia de Santa María de Baamorto no concello de Monforte de Lemos, que designaría un río seco ou un río a carón dunha orografía rochosa e escarpada.

Se vamos buscar topónimos semellantes en Portugal, cousa que sempre axuda a esclarecer a orixe dos nomes de lugar da Galiza, moitas veces de forma definitiva, encontraremos varios topónimos como Badana, que é unha redundancia formada por bad- e a palabra latina amnio e que significa río-río -como en Guadiana.

Vaa

Esta outra posibilidade de orixe do topónimo, que veu a romper a tranquilidade do costume e da tradición, como adoita acontecer nestes casos, unhas veces con razón e outras sen ela.

Esta interpretación baséase na existencia do topónimo Vao -forma correcta etimoloxicamente de Bao-, que deriva do latín vadu- ou lugar por onde era posíbel cruzar un río a pé, e que daría lugar, dalgún xeito, a Vada, que é un topónimo que se conseva en Vega de Liébana en Cantabria. Sería posíbel que esta palabra rematase na forma apocopada Va.

O Nomenclátor oficial da Xunta de Galiza, elaborado pola Comisión de Toponímia, fálanos da existencia dun Va de Porco, na parroquia de San Pedro da Ponte do Porto en Camariñas, dun Vadebois na parroquia de San Mamede de Carnota, nese mesmo concello, e un Vachao na parroquia de San Xoán de Fecha, en Santiago de Compostela. Pero como se ve, en todos os casos o topónimo é composto, o que permite deducir a primeira partícula como vao, e este non é o caso no topónimo fenés.

En Portugal encontramos catro topónimos , que poderían moi ben derivar de Vaa, aínda que até onde alcanzamos eu e máis a internet non puidemos verificar con que xeografía están relacionados, nin sequera se existe un río ou un vao perto. Acontece, ademais, que tamén en Portugal podemos encontrar varios topónimos como , que suxiren que a palabra contiña algún -n terminal ou intervocálico ou algún elemento de nasalidade na fonética. Iso abriría a posibilidade de se tratar do étimo latino vanu -van-, o que viría a introducir máis confusión na análise.

Resumindo...

Se tivéramos que inclinarnos por unha forma o outra, parece haber máis argumentos a prol da primeira, pero como hai razóns que avalan a ambas as dúas pensamos que o correcto é manter a forma tradiciónal do hidrónimo, tal e como chegou a nós, Río Ba. Podería ser tamén Baa, pero é erto que o principio de economía lingüística acabará impondo o uso e a transmisión cun só -a-, e iso non nos parece mal, porque así é como evolúen as linguas. As que están vivas. Como a nosa.

En calquero caso, o debate non está pechado, e convidámoste a deixar aquí a túa opinión. Porque tamén falando sobre a lingua axudamos a mantela viva.

3.1.06

Fondos europeos para o Belelle

O Concello de Fene acondicionará os accesos á fervenza do Belelle. Representantes municipais presentaron o proxecto, cun presuposto que supera os 230.000 euros.A Unión Europea financiará o 70% do investimento a través do Plan Proder. A obra comezará a executarse en canto conte co visto bó da Asociación Costa Artabra, algo que o Concello da por feito. Recuperaránse os máis de 1.500 metros que separan a aldea de Marraxón do pé da fervenza. Poderánse apreciar os exemplares de flora autóctona que abundan pola zona, salientando as abeleiras, os loureiros, carballos, silvas e fentos. Instalaránse barandas de protección, unha pérgola de madeira na zona das ruinas do merendeiro e paneis explicativos do funcionamento dunha central eléctrica. Con esta iniciativa preténdese potenciar e divulgar unha singular paisaxe natural, así como a espectacular caida das augas do Belelle. Trátase de favorecer o acceso da xente a unha zona de gran riqueza natural, como método para insistir na necesidade de respetar o medio ambiente.

1.1.06

Cea do BNG de Fene

Militantes, simpatizantes do BNG e representantes do movemento asociativo deronse cita nos locais do Bloque de Fene. En palabras do alcalde Xose María Rivera, brindaron por que no exercicio do 2006 se concrete toda a ilusión xenerada pola entrada na Xunta de Galicia do nacionalismo. "Traballaremos para que a cidadanía comece a percibir as realidades dun goberno diferente, cun claro matiz progresista e de defensa dos intereses do país" afirmou Rivera Arnoso.