O BNG solicita un Pleno extraordinario pedindo o apoio á fola xeral
Fene, 10 de setembro de 2010.-Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal do BNG, ao abeiro da lexislación vixente, veñen de solicitar a convocatoria dun Pleno extraordinario previo ao día 29 de setembro, día da Folga Xeral, cun único punto na orde do día;
ÚNICO.- MOCIÓN DE APOIO Á FOLGA XERAL DO 29 DE SETEMBRO
Desde o BNG queremos recordar que o 25% da corporación pode pedir un Pleno extraordinario, tendo esta capacidade o grupo municipal do BNG. O Alcalde ten agora 15 días para convocar o Pleno.
Para os nacionalistas as últimas decisións en materia laboral do goberno central veñen a a xustificar máis, se cadra, esta convocatoria de folga. A análise que propiciou as medidas que se recollen na reforma laboral parten dunha concepción errónea. Nela responsabilízase ao mercado de traballo do alto nivel e forte crecemento do desemprego. Non obstante, a dinámica de creación e destrución do emprego depende doutros factores, ligados principalmente ao dinamismo económico. Efectivamente, as causas do gran incremento do desemprego en Galiza radican no esgotamento dun modelo produtivo que tivo os seus principais eixos na baixa produtividade e na especialización en actividades de escaso valor engadido, cuxo exemplo máis claro é a creación dunha burbulla ao redor da actividade construtiva e inmobiliaria. A isto, únense outros factores, como a falta de competencias e existencia de vetos a Galiza para poder desenvolver completamente os seus sectores produtivos, como ocorre no sector naval e a Fene e a comarca.
Ante esta reforma laboral é necesaria unha forte contestación social e política, como a convocatoria de folga xeral o vindeiro 29 de setembro, que desde o Bloque Nacionalista Galego apoiamos para que se muden as políticas económicas contrarias aos intereses de traballadores e traballadoras e da sociedade en xeral, ao tempo de defender un modelo económico que garanta prioritariamente o benestar das persoas a través da súa estabilidade nos empregos e o acceso a servizos públicos de calidade.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home