A renda familiar en Fene (I)
O Instituto Galego de Estatística vén de publicar uns datos sobre a riqueza das familias galegas. O importantes destas estimacións da Renda Familiar Bruta Dispoñíbel por habitante (RFBDh) é que presenta datos para todos os concellos galegos.
Este traballo, por moi aproximado e estimativo que poida ser, fornece unha información valiosísima para a cidadania e para a política fiscal dos concellos. Para a veciñanza, porque permite mirarse no espello doutros concellos, non só para ver o nivel de servizos que teñen, senón para ver o esforzo fiscal que realizan para custealos. Para a política, porque permite debatir e criticar sobre datos certos, e introducir na xestión financeira dos concellos un elemento de obxectividade e xustiza financeira que sen o concurso deses datos non pasaría da simple demagoxia.
Estes son os datos da RFBDh para Fene e a súa evolución ao longo dos anos. Na metodoloxía da estatística presentada esta semana, referida ao trienio 2000-2002, advírtese das dificultades de comparar estas informacións coas precedentes, relativas ao ano 1996, pero nós pensamos que é mellor ter esa visión comparativa que non tela, daí que ofrezamos toda a información conxuntamente:
Primeira conclusión: Fene é un concello algo máis rico que a media galega. Hai 10 anos xa estábamos no 104% da media galega, e os últimos datos dispoñíbeis para 2002 indican que estamos no 107%, que supón algo máis de 1.600.000 das antigas pesetas.
Segunda conclusión: Fene é un concello máis rico que a media dos concellos do seu tamaño e características, que agrupamos como os concellos con máis de 10 mil habitantes exceptuando as cidades (máis de 50 mil). Nesta comparación Fene mantense de forma moi estábel en torno ao 109% da media destes concellos.
É ben certo que a media é un indicador que non describe como está distribuída a renda entre os habitantes, pero a priori podemos supoñer que existen menos diferenzas de renda no ámbito municipal fenés que as que podemos encontrar entre diferenteas zonas de Galiza, por exemplo o rural do interior e as áreas metropolitanas. Tampouco se pode afirmar, coñecendo minimamente o concello, que Fene sexa un lugar onde as diferenzas e a exclusión social sexan maiores que por exemplo en calquera das sete cidades. Non queremos dicir que non existan eses problemas, que os hai por desgraza, senón que no caso de Fene a renda media é un indicador máis fiable do que noutros concellos.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home