26.1.06

O sistema de financiamento autonómico (I)

Frecuente e reiteradamente se nos fai chegar a través das altas instancias mediáticas e políticas estatais que Galiza é unha economía subsidiada. O nacionalismo ten contrarrestado historicamente tales afirmacións con teorías primeiro e con datos despois.

No entanto a cidadania galega parece máis dacordo coa propaganda que vén de fóra que co razoamento que xeramos desde dentro. Porque algo hai de inxustiza neste debate. Vexamos.

Para entender que acontece co sistema de financiamento de Galiza no marco estatal hai que pensar en dous planos distintos pero complementarios: o ámbito territorial ou do País e o plano individual ou das persoas.

Ámbito territorial

Existen datos producidos pola propia Administración do Estado que demostran que Galiza, como País, envía a Madrid máis diñeiro do que recibe a cambio en retorno.

No 2003 o Estado recadou en Galiza 7.600 millóns de euros (M€), mentres que Galiza só recibiu, dun lado, 2.900 M€ en concepto de impostos cedidos (que non teñen en conta a demanda histórica de que as grandes empresas con establecementos no País tributen aquí a parte que lles corresponde), e, doutro lado, 2.800 M€ en concepto de fondo de suficiencia e garantía sanitaria (un fondo compensatorio aprobado despois da nefasta negociación que fixera o PP cando se transferiu a Sanidade ás competencias do Estado á Xunta de Galiza).

Como se ve, isto produce un saldo negativo de 1.900 M€ para Galiza fronte ao Estado. Galiza é sustentadora neta do funcionamento do aparato da Administración do Estado. Primeiro dato.

Plano individual

Mentres o dato deficitario anterior, que se repite sistematicamente ano tras ano, se acala e se aparta dos debates, se fala máis da conta e até con certo nivel de hipocresía da solidariedade entre territorios. A primeira incorrección é falar de territorio nun ámbito no que o que hai é, en todo caso, solidariedade entre persoas que residen en diferentes lugares, pero no que a solidariedade, de habela, dáse en función das diferenzas de riqueza entre unhas persoas e outras, e non entre as que residen nun e noutro lugar.

Neste plano da redistribución da riqueza entre as persoas máis ricas e as máis pobres acontece efectivamente que os individuos que residen en Galiza, reciben, pero non en condición de cidadáns galegos senón en condición de persoas con recursos escasos, máis do que cotizan. Os últimos datos din que os galegos e as galegas cotizamos por valor de 3.800 M€ e que recibimos pensións contributivas por valor de 4.700 M€.

As persoas que residimos en Galiza mantemos un saldo neto positivo de 900 M€ coas persoas con máis recursos que residen no resto do Estado. A nosa renda, por ser inferior á media, convértenos en receptores netos de pensións contributivas. Segundo dato.

Ben, e cal é a diferenza?

A diferenza é que, se dun lado perdemos 1.900 M€ e doutro lado gañamos 900 M€, en definitiva Galiza e a súa cidadanía perdemos 1.000 M€ cada ano que se leva o Estado.

Para termos unha idea do que significa esta cantidade abonda dicir que é aproximadamente todo o investimento real da Xunta de Galiza no ano 2006. Ou o equivalente a deitar unha autoestrada que cruzara Galiza de N a S ou de O a E, se o queremos medir en cemento.

O que acontece, pois, é que por baixo da mensaxe demagóxica da solidariedade interterritorial o que subxace é que Galiza perde diñeiro que vai a lexitimar a propia existencia do Estado, a súa acción e a súa propia razón de ser.

Fiando máis fino

Se a isto sumamos a tributación centralizada de moitas empresas en Madrid, ou o que significa a emigración galega a drenaxe financeira que sufrimos Galiza e a cidadania galega é aínda máis patente.

É por iso que o BNG propugna un modelo de financiamento distinto, baseado nunha concepción federal do Estado que nos devolva o que é noso e que nos deixe a nós decidir como quremos gastar ou redistribuir a nosa riqueza.