Topónimos de Fene (I): O Río Ba
Comezamos con este texto unha serie de artigos que nos levarán a afondar na orixe dalgúns topónimos ou nomes de lugar do noso Concello.
Fene foi un dos tres concellos galegos pioneiros en ter un servizo de normalización lingüística, e a preocupación dos sucesivos gobernos do BNG por esta materia está fóra de toda dúbida, malia a inserirnos nunha comarca, a de Ferrolterra, cada vez máis castelanizada. Como parte desta política normalizadora e cultural levouse a cabo xa hai anos unha revisión da toponimia e do rueiro municipal, instalando a correspondente sinaléctica, todo baixo un modelo que logo moitos outros concellos seguirían. Outros concellos, pola contra, aínda manteñen rueiros franquistas.
Hoxe imos falar do polémico hidrónimo do Río Ba. Polémico, porque toda a vida foi transcrito e escrito con -b-, ou Baa, que é unha forma máis próxima da orixinal e que facilita retrotraernos ás súas orixes. Mais, con ocasión dunha serie de proxectos dirixidos á necesaria recuperación das beiras do Río, como a do Parque fluvial sito na parroquia de Maniños, algún erudito ou estudoso deu en afirmar que o correcto era grafalo con -v-: Río Va, e así ten aparecido nalgunha publicación municipal.
Neste caso, a disquisición entre -b- e -v- non ten nada que ver con eses numerosos casos nos que a indiferenciación fonética propia do galego-portugués norteño (no Norte de Portugal acontece o mesmo e só máis a Sur é cando comeza a distinguirse un fonema do outro). Estamos a falar de topónimos como Vrea/Brea ou Vao/Bao, Valón/Balón, Covas/Cobas -en todos os casos a forma correcta etimoloxicamente falando é a primeira, con -v-, todos eles presentes na nosa toponimia comarcal. Neste caso, a razón é outra.
O topónimo Baa/Vaa ten dúas posíbeis orixes, cada unha coa súa letra, de feito que, dependendo de que etimoloxía sexa a correcta, haberá que grafalo dun xeito ou doutro. A toponimia non é unha ciencia exacta, e ten un aquel de arqueoloxía, na que cómpre reconstruir a historia atendendo aos restos, as pegadas, a evolución ao longo do tempo do topónimo, da fala e da linguaxe culta.
Baa
Baa viría dunha raíz céltica bod-, relacionada con auga, braña ou fonte, raíz emparentada con outras como bed- e, nesta hipótese, bad-.
Topónimos comúns á raíz bod- son numerosísimos, sendo algúns dos máis comúns Boedo -e a súa evolución Bueu-, Boeiro, Ríoboo, Budiño, Bodaño e Buazo.
Coa raíz bed- temos os casos da praia do Beo no concello de Malpica, Bedrobe -ou mellor Bedobre como en O Grove/Ogrobe ou Bembrive/Bembibre- na parroquia de San Xián de Cabaleiros en Tordoia, Bedús en San Pedro de Vilalvite en Friol, O Bede en Santa María de Rubín na Estrada, Bedán en San Xián da Pereiriña en Cee, Os Bedugos en Santa María de Presedo en Abegondo, e A Bedoxa en Santa María do Sequeiro, do concello de Valdoviño -o mesmo que o Bedoya que podemos atopar fóra de Galiza-.
Coa raíz bad- temos os casos: Bade, nas parroquias de Santa María de Vilamaior no concello de Sarria e de San Bieito en Gondomar; Badón na parroquia de Santa María das Pontes de García Rodríguez, Badernado -vao areado?- en San Xoán de Serres no concello de Muros, Badoucos en Santa Mariña de Arcos da Condesa en Caldas de Reis, Badoi en Santa Baia de Burgás en Xermade, e Badarra -raíz céltica bad- e -ar(ra), raíz relacionada con moitos lugares nos que se encontran ríos, regatos ou canles- na parroquia de Santiago de Mens en Malpica. O Nomenclátor do Instituto Nacional de Estatística, aínda non correxido e normalizado en moitos casos, recolle algúns destes topónimos grafados con -v-.
No resto do Estado temos os topónimos Badajoz, Badalona, Badalejos, ou os máis transparentes Badaguas, Badarroyo, Badarán, Badaín, Badames e tamén Bada, estes últimos situados todos no N e NO peninsular.
Pero o caso que nos interesa é o do Río Baa, topónimo idéntico ao existente no lugar de Baa -novamente no concello de Malpica-, e que tamén está atravesado por un río homónimo.
A relación entre nome de lugar e corrente de auga está clara, e ponse aínda máis de manifesto se temos en conta que na mesma parroquia de Maniños existe o lugar chamado do Boado, cuxa raíz ten unha orixe outra volta relacionada co mesmo río.
Tamén existen cando menos cinco lugares e unha parroquia en Galiza chamados Baamonde, topónimos moitas veces grafados con -v- e cun inventado -h- intervocálico que só serve para marcar a existencia do hiato -aa- derivado das dúas sílabas orixinais.
Este topónimo é de orixe discutida, pois hai estudosos que o retrotraen a antropónimos ou nomes de propietarios de vilas ou explotacións agropecuarias típicas da época altomedieval, cuxa existencia está documentada en antigas escrituras. Con todo, e sen entrar a discutir se foi primeiro o ovo ou a galiña, o topónimo ou o antropónimo -velaí o caso paradigmáico de Valdoviño, Val(e) do Aviño ou Baldovinus?-, non resulta descamiñado pensar nunha palabra composta da mesma raíz Baa- e do sufixo xermánico -monde ou -mundo, que ten o curioso significado de lugar ou asentamento humano -como en Mundín, na parroquia de Perlío.
Tamén podemos encontrar a parroquia de Santa María de Baamorto no concello de Monforte de Lemos, que designaría un río seco ou un río a carón dunha orografía rochosa e escarpada.
Se vamos buscar topónimos semellantes en Portugal, cousa que sempre axuda a esclarecer a orixe dos nomes de lugar da Galiza, moitas veces de forma definitiva, encontraremos varios topónimos como Badana, que é unha redundancia formada por bad- e a palabra latina amnio e que significa río-río -como en Guadiana.
Vaa
Esta outra posibilidade de orixe do topónimo, que veu a romper a tranquilidade do costume e da tradición, como adoita acontecer nestes casos, unhas veces con razón e outras sen ela.
Esta interpretación baséase na existencia do topónimo Vao -forma correcta etimoloxicamente de Bao-, que deriva do latín vadu- ou lugar por onde era posíbel cruzar un río a pé, e que daría lugar, dalgún xeito, a Vada, que é un topónimo que se conseva en Vega de Liébana en Cantabria. Sería posíbel que esta palabra rematase na forma apocopada Va.
O Nomenclátor oficial da Xunta de Galiza, elaborado pola Comisión de Toponímia, fálanos da existencia dun Va de Porco, na parroquia de San Pedro da Ponte do Porto en Camariñas, dun Vadebois na parroquia de San Mamede de Carnota, nese mesmo concello, e un Vachao na parroquia de San Xoán de Fecha, en Santiago de Compostela. Pero como se ve, en todos os casos o topónimo é composto, o que permite deducir a primeira partícula como vao, e este non é o caso no topónimo fenés.
En Portugal encontramos catro topónimos Vá, que poderían moi ben derivar de Vaa, aínda que até onde alcanzamos eu e máis a internet non puidemos verificar con que xeografía están relacionados, nin sequera se existe un río ou un vao perto. Acontece, ademais, que tamén en Portugal podemos encontrar varios topónimos como Vã, que suxiren que a palabra contiña algún -n terminal ou intervocálico ou algún elemento de nasalidade na fonética. Iso abriría a posibilidade de se tratar do étimo latino vanu -van-, o que viría a introducir máis confusión na análise.
Resumindo...
Se tivéramos que inclinarnos por unha forma o outra, parece haber máis argumentos a prol da primeira, pero como hai razóns que avalan a ambas as dúas pensamos que o correcto é manter a forma tradiciónal do hidrónimo, tal e como chegou a nós, Río Ba. Podería ser tamén Baa, pero é erto que o principio de economía lingüística acabará impondo o uso e a transmisión cun só -a-, e iso non nos parece mal, porque así é como evolúen as linguas. As que están vivas. Como a nosa.
En calquero caso, o debate non está pechado, e convidámoste a deixar aquí a túa opinión. Porque tamén falando sobre a lingua axudamos a mantela viva.
5 Comments:
olá. obrigado pelo convite para vir a este blogue.
quanto à questão posta neste interessantissimo artigo, aceito que "Ba", "Bade" e "Vade" são variações dialectais de "Abad"/"Abade", sendo que o "Vade" português deverá ser uma hipercorrecção de origem erudita em lugar de "Bade".
o problema é mais complexo do que parece porque pode haver contributos linguísticos muito diversos para resultados idênticos. no actual euskera "ibai" significa "ribeira" tem origem num anterior "bai", não sei se o mesmo que o "Bad". há qem veja esta raiz no topónimo "Baiona".
voltarei ao assunto
Tenho -lhe lido esse argumento acerca das formas Abad- e semelhantes, identificando-as com rio, já várias vezes. E goste dele.
Mas em ceiltiberia.net há alguém que afirma a identidade dessas formas com o étimo latino, e nom com umha forma anterior.
Desconheço quais som os argumentos para defender a sua teoria, além da simples obsevaçom empírica.
Tem mais dados sobre isto?
Também lim que a forma Baio (concelho de Zas -Saas-) pode estar relacionada com a Baiona galega e mais com a Bayonne basco-francesa.
a toponimia é assim. há sempre alguém que encontra uma língua qualquer para um determinado topónimo. a questão é a antiguidade e a difusão do topónimo em si. o latim não é o pai de toda a toponimia galego-portuguesa. tamém já houve quem quisesse ver toponímia fenícia por todo o lado. as homofonias prestam-se a isso. o melhor é observar o lugar e tirar daí as teimas. mas às vezes nem assim.
quanto a "abad" acho o assunto pacífico...
ah, existe uma ribeira da Abadia com uma notável coincidência: fica nos domínios de uma Abadia...
entretanto passei o fim-de-semana longe da rede e deixei a conversa a metade. quanto a "bai"/"baio", estamos de acordo: é pré-indoeuropeu e está relacionado com "ribeira".
sobre nomes de rios com origem directa no latim...será difícil: os rios já tinham todos nome quando cá chegaram os romanos.
nota: acabo de encontrar uma "ribeira do minho" na Beira Baixa. para juntar ao vosso "rio miñor"
No gaélico há esta restra de palavras para referirem-se ao rio.
ab
aub oub ob abh abinn abuind abainn abae haba abhai aibne aibni aibnib aba abann abhann haband habhana abuindaib aband
As coincidências som evidentes:
Desde os rios: Ave, Abade, e os topônimos como Aboim, o mesmo rio Avinho ...
http://www.dil.ie/index.asp, este é o endereço do dicionário
Enviar um comentário
<< Home