
Cada día estou máis sorprendido, e ao mesmo tempo, máis contrariado.
Na miña presentación como candidato a alcaldía de Fene, o pasado 11 de marzo, dixen que un dos motivos que me levaron a presentarme a estas eleccións era que
estaba farto dos políticos que din unha cousa e logo fan outra.Durante a campaña electoral, sempre que se nos preguntou sobre posibles pactos, fomos cautos, e fixemos saber que a nosa decisión estaba moi condicionada polo modelo de traballo do PSOE de Fene ao longo dos catro anos que acababan de pasar. A pesar diso, os nosos militantes/simpatizantes, e os veciños e veciñas de Fene serían fundamentais na nosa decisión.
Pasadas as eleccións, o resultado está aí. Gran parte do pobo de Fene deulle as costas ao alcalde e o seu goberno avaliando moi negativamente o traballo realizado durante o mandato.
Dende que fixemos a Asemblea Local da que derivou o acordo, comunicamos publicamente que íamos presentar a nosa propia candidatura á alcaldía.
Esa información trasladóuselle ao resto dos grupos, e fíxose pública na prensa, redes sociais, blog, etc. Mantivéronse reunións e negociouse con todos os partidos. As posturas non se achegaron. Baralláronse varias alternativas, pero non foi posible o acordo. O PSOE quería a alcaldía ou nada.
Agora, algunhas persoas sorpréndense porque
cumprimos a nosa palabra; tanto os que nos apoian e felicitan efusivamente coma os que se “escandalizan”.
¡Xa ninguén cre nos políticos! Parécelles incríbel que algúns políticos cumpramos o que dicimos. Pero como afirmamos durante toda a campaña,
¡non todos somos iguais!O peor de todo é a actitude de quen perde as eleccións.
A culpa é de todos menos deles.Autocrítica e sinceridade, son dous elementos imprescindíbeis para avanzar en todas as facetas da vida, tamén na política e no persoal. Aprender iso é mellor que calquera resultado electoral.
O ex-alcalde de Fene, coa súa actitude caprichosa, demostra que aínda non entendeu a mensaxe que lle deu o pobo de Fene. O mesmo pobo que quixo a Pepe Rivera 28 anos quedou farto de Ivan Puentes en 4. No BNG estamos co pobo.
Juventino Trigo
Candidato a Alcaldía de Fene polo BNG
Venres, 17 de xuño de 2011