23.6.11

O BNG QUERE QUE O CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN ATENDA AS DEMANDAS DE FENE

O Grupo municipal do BNG a través da concelleira Rita Mª Couto ven de rexistrar unha solicitude ao Alcalde de Fene para que á maior brevidade se cumpran os acordos da moción aprobada polo Concello Pleno o pasado 17 de xuño e que xestione unha xuntanza cos representantes do CIFP de Fene e os partidos políticos co Conselleiro de Educación para revertir a situación publicada no DOG de 15 de xuño na que se eliminan os ciclos formativos de grao superior deste centro fenés. No mesmo escrito, os nacionalistas tamén instan ao alcalde a que xestione unha xuntanza cos representantes das ANPAS de Barallobre e Os Casais e os grupos políticos co Conselleiro de Educación para arranxar os problemas que se están a xerar coa reducción de profesorado nestes centros. A consecuencia máis relevante é a agrupación de diferentes cursos nunha mesma aula.

Para o BNG a Consellería de Educación está a actuar dun xeito autoritarío e sen argumentos pedagóxicos nin técnicos. Son recortes no sistema público de ensino no noso concello sen comparación a ningún outro.

Ante esta situación hai que pasar das palabras aos feitos e actuar na defensa dos intereses dos nosos veciños e veciñas.