15.9.07

Os usos da Casa da Maleta de Barallobre


Un centro de interpretación da arquitectura indiana ou un Museo da Emigración, poderían constituir algunhas das utilidades da "Casa da Maleta" de Barallobre, segundo asegura o Bloque Nacionalista Galego de Fene nun comunicado. A formación nacionalista pregunta ao Partido Popular "cales son os motivos agora para a urxencia da súa iniciativa de adquirir un edificio que leva en venda dende o 2004, cando naquela ocasión os populares opuxéronse a iniciar os trámites de compra, e agora entroulles unha presa insólita tanto na Deputación como no Concello de Fene". Para o BNG, "unha vez que o Pleno do Concello de Fene facultou ao alcalde para desenvolver os trámites, é preciso retomar o traballo iniciado pola anterior Corporación". Os nacionalistas xa se dirixiron á Consellería de Cultura e á Consellería de Vivenda da Xunta que inicialmente ven con bós ollos a proposta. Igualmente persoas do Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega visitaron a edificación de Barallobre, e loubaron a súa singularidade. O Bloque propón de xeito paralelo ao inicio das xestións para estudar a adquisición do inmoble, encargar un proxecto de usos e unhas perspectivas de financiamento da instalación a medio prazo.
Edificio singular
António Fernández Fernández, coñecido como o "Adriano" construiu o edificio da "Casa da Maleta" en 1921. "El trabajo es mi Dios y el mundo mi tumba" era un dos seus lemas, gravados en pracas de mármore no interior da vivenda. A edificación responde a un orixinal deseño realizado integramente polo propio promotor. Un home na cúpula sostén un facho de luz, e unha maleta. Mira ao horizonte, como símbolo e homenaxe ao emigrante que se ve forzado a abandonar a súa patria. O orixinal deseño da vivenda, a cúpula nervada e a estatua que a coroa, xeneraron dende a súa construcción expectación e curiosidade. Na década dos anos 20 a revista "Blanco y Negro" editada en Madrid adicoulle unha reportaxe dunha plana a este chalé ubicado no Camiño da Vrea (Barallobre- Fene - A Coruña).

1 Comments:

At 11:41, Anonymous Anónimo said...

Este comentário foi removido por um gestor do blogue.

 

Enviar um comentário

<< Home