14.9.07

A Xunta prometeu as beirarruas de Conces no 2007




O ex-delegado provincial da Consellería de Política Territorial Jacinto Parga comprometérase no seu dia co anterior goberno municipal de Fene a iniciar a construcción de beirarruas na AC 122 entre Fene e Neda neste ano 2007. O Bloque Nacionalista Galego de Fene reclama agora o cumprimento dese compromiso "cada vez máis urxente dada a elevada cantidade de vehiculos e as altas velocidades ás que circulan por este vial". A recente repavimentación da estrada e a conseguinte mellora do firme pode provocar un incremento das velocidades medias, co conseguinte aumento da perigosidade para os numerosos peóns que circulan pola zona, segundo os nacionalistas. O BNG lembra a existencia de edificacións colectivas, "como as vivendas sociais de Conces e as casas de Pedro Pena" para xustificar a necesidade das aceiras, ao tempo que pide sinalización vertical e horizontal de limitación da velocidade "que lembre aos automobilistas o carácter de travesia urbana da via". Para o Bloque, a estrada entre Fene e Neda ven rexistrando un aumento paulatino do tráfico, especialmente visible dende a apertura da Autopista entre Fene e Ferrol o 15 de decembro do 2003, e a entrada en funcionamento do enlace de Neda.