10.5.06

O Senado pide máis traballo para Navantia Fene


O Senado pide máis traballo para o estaleiro de Fene. A Cámara Alta aprobou na tarde de onte unha resolución na que se insta ao Goberno central a dotar a Navantia Fene dunha carteira estabel de pedidos que incluia a contratación de proxectos propios.
Tamén se insta ao executivo a que “realice as xestións necesarias ante a Unión Europea para que se superen as actuais limitacións á construcción naval civil”. Ademais, a moción do BNG propón que a empresa pública NAVANTIA “modifique o criterio que utiliza para determinar o grao de ocupación dos seus centros, de maneira que teña en conta as infraestruturas, as capacidades e as potencialidades de cada estaleiro”.

Francisco Jorquera incidiu na necesidade de que o estaleiro fenés conte cunha carteira estábel de pedidos que inclúa a contratación de proxectos propios “xa que na actualidade o estaleiro está funcionando na práctica como auxiliar do de Ferrol, o que implica o desprazamento de persoal e a infrautilización das capacidades do estaleiro”.

“Os criterios de reparto da carga de traballo que utiliza Navantia non son congruentes e danan a Fene”

O segundo ponto do moción do BNG aprobada polo Senado insta ao Goberno a que a empresa pública Navantia modifique os criterios que utiliza para determinar a carga de traballo dos seus centros, xa que segundo Jorquera “non son congruentes e danan a Fene”.

O senador do BNG puxo como exemplo a recente perda por parte do estaleiro de Fene a favor do de Puerto Real (Cádiz) dun contrato para construír tres cascos de buque para o estaleiro vigués Vulcano. A xustificación esgrimida pola dirección de Navantia, e confirmada nunha interpelación do BNG o pasado 26 de abril polo ministro de Economía, Pedro
Solbes, era que se debe a unha razón de custos, pois a ocupación de Puerto Real era dun 51 por cento e a de Fene dun 98 por cento.

Isto é así porque o grao de ocupación do estaleiro de Fene calculouno Navantia utilizado como único baremo o seu actual cadro de persoal, un criterio que para Jorquera “é como o conto da pescada que se morde a cola”.

“Un estaleiro que tiña a comezos dos oitenta máis de 5.000 traballadores de cadro de persoal, que froito das sucesivas reconversións viu recortado o mesmo até a mínima expresión, resulta que non pode ter carga de traballo que vaia máis alá de realizar tarefas auxiliares, porque do contrario obrigaría a subcontratar persoal, co conseguinte impacto nos custos”, denunciou esta tarde o senador nacionalista.

Francisco Jorquera preguntouse se “acaso non representa un custo manter sen carga efectiva de traballo unhas instalacións como as de Navantia-Fene”. Neste sentido, demandou que, á hora de valorar e calcular o grao de ocupación dun estaleiro, “deben ser tidas en conta a capacidade do estaleiro e a súa infraestrutura”.

“O Goberno ten que negociar coa UE para defender un sector estratéxico da economía galega”
Por último, a moción do BNG insta ao Goberno Central a que “faga as xestións necesarias ante a Unión Europea para que se superen as actuais limitacións á construcción naval civil, renegociando coa UE os termos do actual acordo”. Neste ponto, Francisco Jorquera aceitou unha emenda do PNV na que se pedía que esta renegociación non se limite a NAVANTIA senón que se amplíe a todo o sector.

O senador do BNG mostrou a súa preocupación porque “nun momento no que a construcción naval está vivindo un ciclo alcista”, cun aumento da demanda en todo o mundo, “o estaleiro de Fene teña unhas instalacións, con 80.000 metros cadrados de superficie, totalmente infrautlizadas”

“Fene ten as instalacións, a tecnoloxía e o saber facer necesario para aproveitar este cenário de oportunidades e revitalizar un sector vital para a economía da comarca”, subliñou

Por último, Francisco Jorquera lamentou a falta de apoio do grupo do PSOE a esta iniciativa. Lembroulles que a crise do estaleiro de Fene “debeuse a decisións políticas xa que foi o único da UE a que se lle prohibiu participar na construcción naval civil e posteriormente se lle prohibiu construir plataformas petrolíferas”. O resultado da votación foi de 134 a favor ( BNG, PP, CiU, PNV,CC, EA) e 94 en contra (PSOE).

3 Comments:

At 13:54, Anonymous Anónimo said...

O PSOE dende sempre defendendo aos traballadores, e á industria da comarca. Ahi estamos, compañeiros socialistas!!!!

 
At 15:41, Anonymous Anónimo said...

Xa se ve como o PSOE nos toma o pelo aos traballadores da comarca e do País todo. Fai falta preparar politicamente unha votación como a de onte no Senado para que hoxe o gabinete de prensa de Navantia deite unha noticia para calmar ansiedades:

Información
Contrainformación

A única verdade é que o PSOE utiliza á xente de Fene e aos galegos para logo buscar votos e creando e promovendo industria noutros pagos:

Centro de I+D da enerxía eólica para Cádiz

 
At 15:43, Anonymous Anónimo said...

Por non falar do puteo á 3ª fase do polígono industrial en camarilla cos seus colegas do SEPES en Madrid e da alcaldesa de Cabanas !!!

 

Enviar um comentário

<< Home