O BNG DE FENE REXISTRA UNHA MOCIÓN PARA O CONTROL DAS ABUSIVAS COMISIÓNS BANCARIAS
As comisións que as entidades financeiras repercuten aos usuarios e usuarias experimentaron unha subida significativa en plena crise económica, de maneira especial ao longo dos últimos meses. Ao tempo que as entidades bancarias seguen acumulando beneficios, que ascenderon a 3.174 millóns de euros no primeiro trimestre deste ano, tamén se detectou un notábel crecemento das comisións bancarias. As estatísticas do Banco de España reflicten un incremento medio de todas as comisións bancarias, que mesmo se acentuou en só un mes (desde maio a xuño deste ano), con incrementos que van desde o 6 ao 14,28%, comisións por mantemento de contas correntes ou de aforro que se están estandarizando ao redor dos 30 euros anuais, gravando mesmo con cantidades adicionais a contas de saldos medios inferiores a 2.000 euros.
Tamén coincide esta subida coa restrición no acceso ao crédito para a maioría de persoas, de dificultades para obter financiamento tanto por parte de empresas, emprendedores como particulares.
A subida das comisións bancarias, no caso do mantemento de contas correntes ou de aforro, que deberían estar exentas, convértense en abusivas polo feito de poder dispor as entidades do diñeiro depositado e con iso xerarlles beneficios.
A aplicación de cláusulas abusivas e inxustas por parte das entidades financeiras non pode ser consentida de maneira indefinida. A afectación e as consecuencias negativas que supoñen para millóns de persoas a continuidade desas prácticas bancarias ilegais, confírenlles un interese público e social que e obrigan a que as institucións competentes, tanto o Goberno Central, que exerce a supervisión de todo o sector financeiro, como a Xunta de Galiza, á que lle corresponde dita supervisión no ámbito das caixas de aforro, encaren a situación e adopten medidas con carácter urxente en defensa do devandito interese por iso, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galiza, e para que a súa vez inste, tamén, ao Goberno do Estado a:
1. Adoptar as medidas necesarias para impedir que mentres se manteña a situación de crise económica se produzan aumentos das comisións que aplican as entidades financeiras.
2. Realizar unha supervisión das comisións das entidades financeiras, estabelecendo límites máximos por cada comisión en función de parámetros obxectivos que teñan en conta o custo real do servizo prestado.
3. Obrigar ás entidades financeiras a ofrecer de forma transparente o importe das comisións polos distintos servizos.
4. Aprobar de forma inmediata as normas legais precisas para evitar que por parte das entidades financeiras se manteña o cobro abusivo en concepto de mantemento ou administración de contas correntes ou de aforro, e a obrigar á devolución das cantidades ingresadas en caso de persistir na dita práctica.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home