10.8.11

O goberno estuda a posibilidade de chegar a un convenio co Concello de Fene polo radar fixo das Pías


Na resposta ao deputado nacionalista Francisco Jorquera tamén indican que o aparello sumou 51.933 multas nos anos 2008, 2009 e 2010.

O goberno descoñece a canto ascende a recadación.

Os nacionalistas de Fene instarán por escrito ao alcalde que acelere os trámites para chegar a un acordo co Ministerio do Interior na xestión do radar fixo.

Desde o BNG lamentamos que o anterior alcalde fenés Ivan Puentes non tivera feito nada ao respecto da invasión de competencias da DGT no noso concello ao situar o radar nun tramo urbano tal e como sinala a sentencia emitida a principios deste ano por un xulgado da Coruña.

Puentes foi coñecedor da discrepancia de competencias no ano 2009 cando se inicou o expediente do recurso á multa xa que o denunciado se dirixiu ao concello para coñecer a titularidade e as características da vía na que se sitúa o radar.

Para o BNG tal e como xa dixera na campaña electoral Juventino Trigo “ é necesario que o concello chegue a un acordo coa DGT e investir parte da recadación en melloras nas estradas e camiños de Fene, comezando pola propia N-651 que carece de beirarrúas dende a Porta do Sol ao cuartel da Garda Civil”.

Hai que lembrar que esta estrada foi durante moitos anos a única vía de acceso á parte norte da ría sufrindo a xente de Fene un tráfico inmenso. É tempo de mudar a situación e que a Avenida das Pías e a Avenida Naturais e a Porta do Sol sexan na práctica espazos para os veciños con beirarrúas, aparcamento e seguridade viaria propias dunha zona urbana.