31.8.11

Non a esta reforma da constitución!!!


NON A ESTA REFORMA DA CONSTITUCIÓN

As decisións tomadas desde que se iniciou o actual período de crise económica, alén de afectar o benestar das maiorías sociais, están a situar ao pé dos cabalos a democracia e o dereito á soberanía e o autogoberno dos pobos.

O acordo alcanzado para acometer unha reforma constitucional “exprés” vén precedido dunha actividade especulativa desmedida contra as emisións de débeda pública, e de requirimentos formulados desde o Banco Central Europeo, unha institución monetaria cuxo funcionamento e sistema de escolla dos seus representantes carecen de lexitimidade e control democráticos.

Ao longo dos últimos anos vimos sufrindo as consecuencias que a ríxida política de redución do gasto público provoca ás persoas en situación máis desfavorecida e no deterioro de servizos públicos básicos, como a sanidade, os servizos sociais ou o ensino, ben como á nula contribución para a recuperación económica.

Agora xa non se pretende que esa política sexa unha escolla, senón unha obrigación contida nun mandato constitucional, que limitará a capacidade de financiamento necesario para manter e mellorar os servizos públicos e sociais básicos.

O autogoberno da Galiza vese así severamente limitado, ao ser sometido á asunción obrigatoria de regras inspiradas en dogmas económicos fracasados, cuxa maior preocupación é satisfacer a cobiza de lucros ilimitados en vez de procurar a redución das desigualdades sociais.

Alén diso, semella unha burla á cidadanía que os mesmos que sempre negaron a posibilidade de reformas constitucionais democratizadoras, que permitisen o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado e, por tanto, o exercicio do dereito das nacións ao pleno autogoberno, sexan os que agora promoven esta mudanza regresiva e antipopular.

Ao intenso ataque ás conquistas sociais atinxidas, vén sumarse unha agresión á democracia, ao consolidar legalmente un único pensamento económico e facelo sen transparencia, nin a necesaria reflexión, amplo debate e, finalmente, consulta pública con todas as garantías de que se respecte a vontade democrática dos pobos.

En atención a todo o anteriormente exposto, propomos este manifesto á cidadanía galega.

Os abaixo asinantes dirixímonos aos Presidentes do Congreso dos Deputados e do Senado, EXIXINDO:

A RETIRADA DO ACTUAL PROPOSTA DE REFORMA CONSTITUCIONAL PACTADA POLO GOBERNO CENTRAL, PSOE E PP

A CELEBRACIÓN DUNHA CONSULTA PÚBLICA SOBRE OS LÍMITES DO GASTO PÚBLICO

A CAPACIDADE DE DECIDIR, EN DEFENSA DA SOBERANÍA E O AUTOGOBERNO DOS POBOS, DA DEMOCRACIA, E DOS DEREITOS SOCIAIS

OUTRA POLÍTICA ECONÓMICA A PROL DAS MAIORÍAS SOCIAIS E NON DOS MERCADOS.