14.3.11

Juventino Trigo subliña que “o BNG sabe, pode e quere gobernar en Fene”

Fene, 11 marzo 2011. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou hoxe en Fene que nas vindeiras eleccións municipais “o BNG vai a por todas, co ánimo der parar ao PP e de combater a crise dende os concellos”.

Guillerme participou este serán na presentación da candidatura do BNG á alcaldía de Fene, unha lista liderada por Juventino Trigo. O acto, que se celebrou no Círculo Cultural e Recreativo de Perlío, congregou a numerosos veciños e veciñas e representantes do BNG.

A única forza que defende os sectores produtivos de Galiza e Fene

Na súa intervención, o portavoz nacional do BNG salientou que “somos a única forza política que defende o dereito de Galiza a producir, a única que cuestiona a efectos prácticos o veto que pesa sobre Astano e a única que combate politicamente o Decreto do Carbón".

Neste sentido, Guillerme preguntouse "como con 250.000 parados e paradas en Galiza que nos diga o PP como e en que sectores pensa criar emprego, e que nos diga o Goberno do Estado como podemos criar emprego se non fai nada por levantar o veto de Astano e se impulsa un Decreto do Carbón que resolve os problemas de emprego en Asturias e León a costa de destruír postos de traballo en Galiza".

“Cada vez máis xente ten claro que o futuro de Galiza pasa polo BNG”

Por iso, amosouse convencido de que “cada vez máis xente ten claro que o futuro do País pasa por apostar polo BNG, a única forza política que ten o seu centro de decisión en Galiza, a única que non ten que chamar por teléfono a Madrid para saber que facer".

Guillerme concluíu subliñando que “o BNG é a alternativa real ás políticas antisociais que promoven o PP desde o Goberno galego e o PSOE desde o Goberno do Estado, pero temos tamén un balance contrastado de Goberno, temos demostrado alí onde gobernamos que poñemos os concellos ao servizo das maiorías sociais e non dos poderosos".

Juventino Trigo: “O BNG sabe, quere e pode gobernar Fene”

Pola súa parte, o candidato do BNG á alcaldía, Juventino Trigo, fixo fincapé en que “o BNG sabe, quere e pode gobernar en Fene”.

Ademais, denunciou “os incumprimentos e as mentiras do goberno local e do PSOE e do PP con Fene, que xa nos teñen habituados a dicirlle unha cousa aos veciños e veciñas e facer totalmente o contrario”.

Fronte a iso, contrapuxo o proxecto do BNG, “un proxecto que se fixo contando coa participación da sociedade de Fene, e por iso o proxecto do BNG é o proxecto dos veciños e veciñas de Fene”.