O BNG de Fene instará á corporación municipal a posicionarse en contra das nucleares
Fene declarouse zona desnuclearizada en 1983
O grupo municipal do BNG de Fene levará ao vindeiro pleno unha moción na que solicita a todos os grupos políticos a que se posicionen en contra do fomento da enerxía nuclear en Galiza como fonte de recursos alternativa.
O Concello de Fene declarouse zona desnuclearizada en outubro de 1983 ao aprobar a Corporación unha moción presentada polo BNG. Para os nacionalistas, toda Galiza debera ser declarada zona desnuclearizada, evitando así posíbeis intentos de implantación de centrais ou cemiterios nucleares no país.
Por isto, e ante a reapertura do debate nuclear derivada da catástrofe ocorrida en Xapón, o BNG instará á corporación fenesa, no pleno ordinario do 7 de abril, a adoptar o seguinte acordo:
1. Reafirmar a declaración do noso concello como zona desnuclearizada.
2. Adherírmonos como Corporación municipal ao acordo do Parlamento de Galiza de 6 de setembro de 2006,
Instando á Xunta de Galiza a que:
2.1.-Se dirixa ao goberno do Estado para que se leven adiante as actuacións necesarias co fin de que Galiza sexa de maneira efectiva territorio desnuclearizado.
2.2-.O alcance desta declaración implicará:
· A prohibición de localizar no territorio galego un cemiterio nuclear ou depósitos de almacenamento de residuos nucleares.
· A prohibición de que en Galiza se constrúan centrais nucleares.
· Continuar co impulso de políticas de aforro e eficiencia enerxética, ademais de incrementar o uso de enerxías renovábeis no noso modelo enerxético.
3. Comunicar este acordo aos grupos parlamentares de Galiza
Para o BNG, Galiza non necesita ningunha central nuclear. O noso país exporta na actualidade máis da terceira parte da electricidade que xera. Os galegos e galegas poderiamos satisfacer as nosas necesidades de electricidade cun baixo impacto ambiental promovendo o aforro e a eficiencia enerxética, desenvolvendo con garantías de respecto ao medio natural as enerxías renovábeis.
A enerxía nuclear non é o futuro e atópase en declive practicamente en todo o mundo, e non representa unha enerxía respectuosa co medio ambiente e coa saúde das persoas. As centrais nucleares contaminan en todas as fases e supoñen un risco evidente e contrastado para a saúde das persoas, sobre todo en caso de accidentes. O problema de tratamento dos residuos segue pendente, dado que manteñen a súa radiactividade e perigo durante 250.000 anos.
É falso que a enerxía nuclear sexa un medio máis barato para a produción de enerxía eléctrica. É preciso calcular o custe incluíndo todo o proceso, que vai desde a extracción do uranio, o seu enriquecemento, as propias centrais nucleares, o reprocesamento do combustíbel e a xestión de residuos.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home