10.9.06

O tren sen sitio en Fene

Un grupo duns 70 rapaces e rapazas de Fene atopábanse o pasado sábado pola tarde no apeadeiro de Perlío para coller o tren e acudir ás festas das Peras en Pontedeume. Tan só uns 40 puideron subir ao ferrocarril das 20,30, xa que o mesmo circulaba cun único vagón. Tamén os autobuses de Arriva sofriron de “overbooking” e dende Maniños xa non puideron coller aos cidadáns que agardaban nas paradas marcadas. Tanto no tren como no autobus moitos pasaxeiros víronse obrigados a viaxar de pé e nas escaleiras co conseguinte risco en caso de accidente de tráfico.
O BNG de Fene considera estes feitos como síntoma dunha clara falla de previsión por parte da xerencia de Renfe e máis de Arriva, por non poñer os servizos necesarios para atender a demanda ante uns eventos previsibles como son as festas das Peras en Pontedeume. O Bloque tense dirixido ás direccións de Renfe e de Arriva reclamando que nesas situacións incrementen de xeito significativo os seus servizos. Así mellorarán os seus resultados económicos e tamén prestarán unha mellor atención á cidadanía. Esa necesidade faise máis evidente, cando os poderes públicos se atopan en campañas de potenciación do uso do transporte colectivo, como medida de aforro enerxético e de prevención fronte aos accidentes de tráfico nas noites da fin de semana.
Nese mesmo sentido o BNG apoia a continuidade ao longo do inverno do bus nocturno iniciado de xeito experimental na comarca nas noites dos venres e sábados no pasado verán. Asimesmo tamén veríamos con bós ollos o reforzamento dos servizos do tren de cercanias e a súa inclusión no Plan Metropolitano impulsado pola Xunta de Galicia e os Concellos da comarca.

6.9.06

Multitudinaria lembranza a Pancho Allegue















O emprego foi unha das obsesións vitais de Pancho Allegue. Pola defensa do emprego participou durante máis dunha década no comité de empresa de Astano. Sempre estivo en primeira liña nas loitas e batallas contra a reconversión naval. Para os traballadores e traballadoras do estaleiro, Pancho era unha das referencias máis significativas do sindicalismo nacionalista. El sabía que a defensa deses postos de traballo era moito máis que a digna pelexa polo mantemento duns recursos económicos básicos para os empregados da factoría. Porque calquera viciño desta zona capta que a marcha da hostelería, dos concesionarios de automobiles, o ritmo xeral da economia da comarca, depende do pulso da construcción naval. Como o emprego era unha das preocupacións fundamentais de Pancho Allegue, ao entrar na Corporación local de Fene en 1987, colleu con agarimo, tempo e dedicación, a responsabilidade da área de formación. A buscar expectativas de emprego e de futuro para a xuventude adicou boa parte dos seus esforzos no Concello, convertindo a Fene nunha das localidades pioneiras en Galicia no terreo da formación ocupacional. Por iso, cobra hoxe máis sentido que nunca denominar esa área de formación como “Pancho Allegue”. Para que sirva como homenaxe da cidadanía de Fene á súa adicación. Para que se convirta en exemplo para as novas xeneracións. Pero podemos dicir xa con fachenda que o seu esforzo non foi inutil. Estes dias apañamos as patacas nos terreos, e sachando un pouco na terra aparece o prezado tubérculo que medrou oculto nos pasados meses. Así tamén aparece o froito do traballo de Pancho Allegue. Hai unhas semanas falábamos cun vicerreitor da Universidade de Santiago para que acudise a un acto do BNG en Fene. El respondíanos que atravesaba unha dificil situación persoal e familiar para desprazarse ata aquí. Ao remate díxonos: Vou facer un esforzo e ir a Fene. Por todos vós, e sobor de todo: Por Pancho. A masiva asistencia ao seu sepelio hai agora un ano, xa era a resposta da cidadanía de Fene á entrega dunha persoa. Máis alá das opcións políticas e partidistas, esta área de formación, o libro que se repartirá ao rematar o acto, ou a homenaxe que lle prepara o movemento asociativo de Fene para o vindeiro dia 14, son evidencias da productividade do labor de Pancho. Vaia para el, en nome do Bloque Nacionalista Galego de Fene, a nosa homenaxe, a nosa lembranza e o noso agarimo.

2.9.06

Anxo Quintana intervirá na homenaxe a Pancho Allegue


O Vicepresidente da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia Anxo Quintana desprazaráse o luns a Fene para participar no acto de homenaxe a Pancho Allegue, organizado polo Concello de Fene. A lembranza ao concelleiro nacionalista, falecido de xeito repentino o 4 de setembro do 2005, comezará ás seis e media da tarde na Praza do Concello de Fene.
Ao remate do acto do luns, repartiránse entre o público asistente, exemplares do libro “Pancho Allegue, historia dun compromiso” elaborado por Maria Xesús Arias, Henrique Sanfiz e Manuel Mera. O volume recolle unha ampla reportaxe fotográfica sobre o tenente de alcalde de Fene, unha reseña biográfica e unha escolma dos artigos periodísticos publicados a raíz do seu falecemento.
No acto do luns intervirá o secretario xeral da CIG Xesús Seixo, e o presidente da Asociación de Viciños de Limodre Xesús Bello, en representación do vizoso movemento asociativo fenés. Tamén falarán os voceiros dos grupos políticos presentes na Corporación, e os autores do libro sobre Allegue, o sindicalista Manuel Mera e a xornalista María Xesús Arias. Igualmente tomará a palabra o alcalde de Fene Xose María Rivera, e o premiado gaiteiro Daniel Bellón interpretará xunto co acordeonista Diego Maceiras distintas pezas musicais. Teñen confirmado tamén a súa presencia no acto a conselleira de Cultura e Deporte Anxela Bugallo e os vicepresidentes da Deputación de A Coruña Celestino Poza e Xaime Bello. O acto desenvolveráse na Praza do Concello de Fene, cuberta xa cunha gran carpa na que se colocarán 500 sillas. A Policia municipal preparará un dispositivo de tráfico prohibindo o tráfico e o estacionamento na tarde do luns na Rúa do Concello.
“Historia dun compromiso”
Francisco Allegue Tenreiro “Pancho” naceu en Magalofes (Fene) o 7 de xuño de 1959. Morreu de xeito repentino, victima dun infarto de miocardio, no seu domicilio o 4 de setembro de 2005. Eses 46 anos foron un exemplo de compromiso coa sociedade que lle tocou vivir, pero especialmente cos máis desfavorecidos, coas victimas das inxustizas. Formou parte do comité de empresa de Astano
(antes consello de delegados) dende 1978 e durante máis dunha década. Presidiu a Asociación de Viciños de Fene dende 1984 ata 1987. Entrou a formar parte da Corporación local en 1987 e ocupou distintos postos no Concello ata o seu falecemento.
No seu posto do comité de empresa de Astano defendeu con enerxia os postos de traballo no estaleiro, ao longo de todo o proceso da reconversión naval. Máis tarde, xa na Corporación Local, a criación de emprego e de expectativas para a xuventude foi tamén unha das súas principais metas. As sucesivas Escolas Obradoiro, os Talleres Ocupacionais e as múltiples ofertas formativas tiveron en Pancho Allegue a un dos seus impulsores fundamentais.


Fene, a 2 de setembro do 2006.