2.9.06

Anxo Quintana intervirá na homenaxe a Pancho Allegue


O Vicepresidente da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia Anxo Quintana desprazaráse o luns a Fene para participar no acto de homenaxe a Pancho Allegue, organizado polo Concello de Fene. A lembranza ao concelleiro nacionalista, falecido de xeito repentino o 4 de setembro do 2005, comezará ás seis e media da tarde na Praza do Concello de Fene.
Ao remate do acto do luns, repartiránse entre o público asistente, exemplares do libro “Pancho Allegue, historia dun compromiso” elaborado por Maria Xesús Arias, Henrique Sanfiz e Manuel Mera. O volume recolle unha ampla reportaxe fotográfica sobre o tenente de alcalde de Fene, unha reseña biográfica e unha escolma dos artigos periodísticos publicados a raíz do seu falecemento.
No acto do luns intervirá o secretario xeral da CIG Xesús Seixo, e o presidente da Asociación de Viciños de Limodre Xesús Bello, en representación do vizoso movemento asociativo fenés. Tamén falarán os voceiros dos grupos políticos presentes na Corporación, e os autores do libro sobre Allegue, o sindicalista Manuel Mera e a xornalista María Xesús Arias. Igualmente tomará a palabra o alcalde de Fene Xose María Rivera, e o premiado gaiteiro Daniel Bellón interpretará xunto co acordeonista Diego Maceiras distintas pezas musicais. Teñen confirmado tamén a súa presencia no acto a conselleira de Cultura e Deporte Anxela Bugallo e os vicepresidentes da Deputación de A Coruña Celestino Poza e Xaime Bello. O acto desenvolveráse na Praza do Concello de Fene, cuberta xa cunha gran carpa na que se colocarán 500 sillas. A Policia municipal preparará un dispositivo de tráfico prohibindo o tráfico e o estacionamento na tarde do luns na Rúa do Concello.
“Historia dun compromiso”
Francisco Allegue Tenreiro “Pancho” naceu en Magalofes (Fene) o 7 de xuño de 1959. Morreu de xeito repentino, victima dun infarto de miocardio, no seu domicilio o 4 de setembro de 2005. Eses 46 anos foron un exemplo de compromiso coa sociedade que lle tocou vivir, pero especialmente cos máis desfavorecidos, coas victimas das inxustizas. Formou parte do comité de empresa de Astano
(antes consello de delegados) dende 1978 e durante máis dunha década. Presidiu a Asociación de Viciños de Fene dende 1984 ata 1987. Entrou a formar parte da Corporación local en 1987 e ocupou distintos postos no Concello ata o seu falecemento.
No seu posto do comité de empresa de Astano defendeu con enerxia os postos de traballo no estaleiro, ao longo de todo o proceso da reconversión naval. Máis tarde, xa na Corporación Local, a criación de emprego e de expectativas para a xuventude foi tamén unha das súas principais metas. As sucesivas Escolas Obradoiro, os Talleres Ocupacionais e as múltiples ofertas formativas tiveron en Pancho Allegue a un dos seus impulsores fundamentais.


Fene, a 2 de setembro do 2006.