Multitudinaria lembranza a Pancho Allegue
O emprego foi unha das obsesións vitais de Pancho Allegue. Pola defensa do emprego participou durante máis dunha década no comité de empresa de Astano. Sempre estivo en primeira liña nas loitas e batallas contra a reconversión naval. Para os traballadores e traballadoras do estaleiro, Pancho era unha das referencias máis significativas do sindicalismo nacionalista. El sabía que a defensa deses postos de traballo era moito máis que a digna pelexa polo mantemento duns recursos económicos básicos para os empregados da factoría. Porque calquera viciño desta zona capta que a marcha da hostelería, dos concesionarios de automobiles, o ritmo xeral da economia da comarca, depende do pulso da construcción naval. Como o emprego era unha das preocupacións fundamentais de Pancho Allegue, ao entrar na Corporación local de Fene en 1987, colleu con agarimo, tempo e dedicación, a responsabilidade da área de formación. A buscar expectativas de emprego e de futuro para a xuventude adicou boa parte dos seus esforzos no Concello, convertindo a Fene nunha das localidades pioneiras en Galicia no terreo da formación ocupacional. Por iso, cobra hoxe máis sentido que nunca denominar esa área de formación como “Pancho Allegue”. Para que sirva como homenaxe da cidadanía de Fene á súa adicación. Para que se convirta en exemplo para as novas xeneracións. Pero podemos dicir xa con fachenda que o seu esforzo non foi inutil. Estes dias apañamos as patacas nos terreos, e sachando un pouco na terra aparece o prezado tubérculo que medrou oculto nos pasados meses. Así tamén aparece o froito do traballo de Pancho Allegue. Hai unhas semanas falábamos cun vicerreitor da Universidade de Santiago para que acudise a un acto do BNG en Fene. El respondíanos que atravesaba unha dificil situación persoal e familiar para desprazarse ata aquí. Ao remate díxonos: Vou facer un esforzo e ir a Fene. Por todos vós, e sobor de todo: Por Pancho. A masiva asistencia ao seu sepelio hai agora un ano, xa era a resposta da cidadanía de Fene á entrega dunha persoa. Máis alá das opcións políticas e partidistas, esta área de formación, o libro que se repartirá ao rematar o acto, ou a homenaxe que lle prepara o movemento asociativo de Fene para o vindeiro dia 14, son evidencias da productividade do labor de Pancho. Vaia para el, en nome do Bloque Nacionalista Galego de Fene, a nosa homenaxe, a nosa lembranza e o noso agarimo.
2 Comments:
Súmome dende Lugo á homenaxe a Pancho Allegue. Os parabéns a todos vós por organizar unha cousa ben fermosa.
Sabela Fernández.
Lugo
Hoxe lembreime moito de ti. Jastima que hai anos non te fixeras ca dirección comarcal do bng. hoxe os resultados serian outros. o teu exemploa inda nos debe levar a traballar mais que nunca porque triunfe o teu talante na organizacion.
Enviar um comentário
<< Home