28.2.11

O alcalde de Fene é o máis incompetente da provincia da Coruña

O Pleno da Deputación da Coruña, celebrado opasado venres 25 de febreiro, non puido completar a aprobación do Plan de Obras e Servizos 2011 para o Concello de Fene por faltar cinco documentos imprescindíbeis para o comezo das actuacións. Un ano máis, Fene é Concello con peor expediente administrativo, o que volve retrasar a execución de obras básicas e de vital importancia para as veciñas e os veciños.

O Plan de Obras e Servizos, aprobado polo pleno provincial de onte, achega investimentos á meirande parte dos Concellos, sendo as bases comúns para todos eles. O gorberno socialista de Fene é o máis incapaz da provincia, xa que non envía toda a documentación precisa para a aprobación destas partidas, como por exemplo, a memoria das obras a realizar neste Plan.

O POS 2011 foi aprobado por todos os grupos, sendo o BNG, un ano máis, o promotor da proposta de actuacións a realizar. Neste Plan contémplanse diversos saneamentos e acometidas de auga potábel en diferentes puntos do concello por un valor de 269.214,89 €.

Por outra banda o Pleno do ente provincial tamén aprobou as obras o Plan de Cooperación cos Concellos relativas ao concello fenés valoradas en 506.978,32€, e que teñen como obxeto a renovación da traída de augas na Avenida Naturais, na Rúa da Fraga, na Rúa Alta e na Rúa da Torre. Este programa PCC foi impulsado pola Deputación para o período 2008-2011, e novamente, o Concello de Fene completa a documentación “in extremis” perxudicando aos veciños polo tempo transcorrido debido a tan deficiente xestión.

POS 2007

As obras pendentes de executar dende o ano 2007, que foran aprobadas polo Pleno provincial o 22 de febreiro do 2007, por fin lograron ter toda a documentación en regra. No BNG lamentamos que, a pesar da nosa insistencia, estas obras non teñen comezado antes. Estamos a falar de 243.464,72 € de achega da Deputación provincial para arranxar varios camiños, así como para realizar a acometida de auga a Almieiras, en Limodre.