17.5.07

Empresas de base tecnolóxica para Vilar do Colo


A instalación dun viveiro de empresas de base tecnolóxica en Vilar do Colo, foi unha das propostas que presentou o candidato a alcaldia do BNG de Fene Xose María Rivera no acto celebrado na Sociedade Agarimo de Sillobre. A instalación de firmas relacionadas co sector naval é outra das posibilidades baralladas na actualidade, sempre no camiño da especialización que aproveite sinerxias e xenere emprego, segundo a formación nacionalista. Rivera Arnoso insistiu na urxencia de acometer a terceira fase do parque empresarial, unha vez agotado o chan dispoñible na primeira e segunda fase da instalación. "Se a SEPES continua coas súas reticencias para ampliar Vilar do Colo, recurriremos a XESTUR para que execute esa actuación tan necesaria" manifestou o actual alcalde e candidato nacionalista. O Bloque tamén propuxo aplicar a normativa da Sociedade Estatal, e anular o contrato asinado con aquelas empresas que adquiriron parcelas, e, sen causa xustificada, seguen coas súas propiedades abandonadas.
O BNG está a repartir a domicilio papeletas de votación e programas dende o comezo da campaña electoral. Antes do domingo 27, os candidatos nacionalistas visitarán todas as vivendas de Fene, solicitando o apoio da cidadanía e demandando tamén propostas e suxerencias para a actuación municipal. Dentro a campaña de actos na totalidade das parróquias, o Bloque acude mañán venres a Magalofes. No local social falarán ás oito da tarde, Olegario Otero, Inés Roca, Manolo Pico e Xose María Rivera.

Fene, a 17 de maio do 2007.

5.5.07

Francisco Jorquera: "Pancho Allegue foi un exemplo de traballo"


"Francisco Allegue foi un exemplo de traballo e honestidade, unha mostra da entrega cara á sociedade, que os concelleiros do BNG amosan e deben continuar amosando no seu labor diario". Afirmouno así o senador nacionalista Francisco Jorquera no acto de presentación da candidatura do Bloque de Fene, celebrado nun establecemento de hostelería do parque empresarial de Vilar do Colo.
A lembranza ao tenente de alcalde falecido en setembro do 2005 xenerou os prolongados aplausos dos asistentes que abarrotaban o local. Jorquera tamén arrincou as palmas do público cando se referiu a Navantia Fene, indicando que “se as competencias do sector naval correspondesen a Galicia, tede por seguro que as gradas do estaleiro non estarían valeiras”. O senador reiterou o compromiso do BNG para conseguir a reactivación da antiga Astano. Referiuse asimesmo a Fene, como un Concello de referencia en Ferrolterra e en Galicia "en materia de equipamentos deportivos, comunitarios e de oferta cultural".
O actual alcalde e candidato á reelección Xose María Rivera avanzou algunhas liñas do programa electoral, indicando que a candidatura do BNG conxuga equilibrio entre continuidade e renovación.