19.11.07

Limpando fontes e lavadeiros nos 12 rios de Fene




Un total de 40 lavadeiros e 35 fontes figuran no inventario municipal do Concello de Fene. Esas construccións comezaron a repararse, limparse e adecentarse esta mañá, segundo comunica a concelleira de Servizos, a nacionalista Inés Roca. Unha parella de traballadores municipais empreganse na limpeza, pintado e mantemento de fontes e lavadeiros. O Concello de Fene xa ten acometido estes labores noutras ocasións, pero na actualidade algún lavadeiro presenta un mal estado evidente.

Lavadeiros e fontes por parróquias:


Fene: 3 lavadeiros e 3 fontes.
Perlío: 5 lavadeiros e 5 fontes.
Maniños: 9 lavadeiros e 5 fontes.
Barallobre: 11 lavadeiros e 9 fontes.
Magalofes: 5 lavadeiros e 5 fontes.
Limodre: 2 lavadeiros e 3 fontes.
Sillobre: 10 lavadeiros e 4 fontes.
San Valentin: 1 fonte.



Rios:
12 rios e regatos atravesan os 27 quilómetros cadrados do término municipal de Fene. Son en concreto o Xarrón, do Porto e Belelle en Sillobre, Magalofes na parróquia do mesmo nome, Cádavo en Fene, Cádavo e Magalofes en Perlío, Bispo e Abeleira en Barallobre, As Arangas e o rio Ba en Maniños e os Rios do Picho, Castro e Sandeo en Limodre. O rio do Picho nace en Limodre ainda que logo discurre por Maniños. Tamén nesta parróquia desemboca o rio do Bispo, adquirindo na desembocadura a denominación de río da ribeira.
Eses canles fluviais representaron unha notable riqueza para o municipio. Neles funcionaron máis de 60 muiños a un tempo (segundo se reflexa no Catastro de Ensenada de 1752) e grazas a eles, boa parte da roupa de Ferrol se lavaba en Fene, especialmente na parróquia de Sillobre, onde residian e traballaban numerosas lavandeiras.

As lavandeiras
Segundo indica Maria Rivera no seu libro “Sillobre ven de antigo” (Concello de Fene.2000) “nos comezos do século XX a lavandeira facía as viaxes a Ferrol o domingo, levando un “cesto da roupa” e percorría as casas para as que lavaba, recollendo a “roupa lixada” (que era sobre todo, roupa de cama, almofadas, colchas,...) e logo co cesto na cabeza, regresaba a casa. O dia de lavar a roupa era o luns. A primeiras horas da madrugada (á unha ou duas da mañá) as mulleres erguíanse para lavar as pezas. Axudadas cun candil, alumeaban o lavadeiro e lavaban a roupa con xabrón,, fregábana, batíana, torcíana e dábanlle contra as laxes; despois poñíana a “clareo”, tendéndoa ao sol nun campo e regandoa con auga durante ese dia. A roupa pasaba alí a noite e o martes recollíanse as pezas para facer a “bogada”, que consistía en meter a roupa nunha tina, poñéndolle por riba un mandil ou sabenla vella; nun pote poñían a ferver auga con cinza e xabrón e cando fervía un pouco, botábaselle por riba: feito isto a roupa pasábana de novo por auga limpa, xabrón e por un novo clareo. Máis tarde tendíana para secala no “enxugadoiro” formado por toxos. Unha vez seca, a lavandeira recollía e dobraba a roupa e normalmente a entregaba os mércores.


Quédate con Dios Betanzos
Coas tuas betanceiras
Eu voume para Sillobre
Xunto ás miñas lavandeiras.

Lavandeira de Sillobre,
Ai garrida lavandeira
Teño dir a San Ramón
Lavaima a miña monteira.