28.4.11

A candidatura do BNG de Fene preséntase en sociedade cun acto festivo

Na Casa da Cultura soará a música en vivo este venres 29 a partir das 19:45

O BNG de Fene presenta á sociedade unha candidatura renovada, encabezada por Juventino Trigo e composta por 11 homes e 11 mulleres entre os que a media de idade non supera os 40 anos. Unha candidatura formada por persoas diversas e dispostas a pór a disposición da veciñanza de Fene a súa profesionalidade e capacidade de traballo.

Na presentación, mañá venres 29 de abril, intervirán o candidato maior (Francisco Permuy, de 60 anos e veciño de Magalofes), o máis novo (Néstor Fernández, de 20 anos e veciño de Perlío) e máis os cinco primeiros/as (Xusto Martínez Ardá -Fene-, Inés Roca -Maniños-, Manuel Polo -Perlío-, Rita Couto -Maniños- e Juventino Trigo -Perlío-), e o acto estará amenizado por unha repichoca de músicos feneses.

A candidatura do BNG de Fene compóñena homes e mulleres preparados e preparadas para gobernar e con novas enerxías para afrontar un goberno con moitas cousas por facer despois de catro anos de parálise.

Encabezadas por Juventino Trigo, home independente e profesional da xestión, na candidatura aparecen caras novas e tamén outras xa coñecidas entre a sociedade polo seu bo facer como concelleiros/as de goberno e tamén de oposición. En definitiva, o equipo que devolverá a Fene o lugar que lle corresponde na comarca como Concello dinámico, que escoita aos veciños e veciñas e que destaca pola súa actividade cultural, deportiva, de igualdade e de xeración de emprego.

A festa continuará nunha cea no restaurante Tortoni de Fene onde teñen confirmada a asistencia un cento de simpatizantes e militantes nacionalistas.