Juventino Trigo e Ana Pontón informarán en Fene sobre a paralización da segunda escola infantil e do centro de día para maiores
A charla terá lugar o xoves na Casa da Cultura a partir das 19:30 horas
O Bloque Nacionalista Galego quere informar á sociedade de Fene da situación de parálise na que se atopa o Concello no eido dos servizos sociais desde que o Partido Popular goberna na Xunta de Galiza. O candidato á alcaldía, Juventino Trigo, a deputada parlamentar, Ana Pontón, explicarán este xoves aos veciños e veciñas por que non está feita a segunda Galescola en Barallobre, ou o Centro de Día para persoas maiores. Dúas infraestruturas que a Xunta gobernada polo bipartito, a través das xestións da entón concelleira de Benestar Social, a nacionalista Rita Couto, deixara preparadas para executar e que, a día de hoxe, dous anos despois, continúan no mesmo punto. Por outra banda o delegado da CIG do centro para discapacitados adultos Souto de Leixa, Adriano Castet, explicara cun caso práctico o tipo de políticas privatizadoras da Xunta de Feijoo.
Ademais, Trigo e Pontón falarán do desenvolvemento da Lei de Dependencia en Galiza e en Fene en particular, ademais do funcionamento de outros servizos como a axuda a domicilio ou o programa Xantar na Casa ou o transporte adaptado, posto en marcha tamén pola concellería de Benestar de Fene, rexentada entón polo BNG, en colaboración coa Xunta de Galiza.
Uns servizos sociais públicos e de calidade son, para o BNG, un dos alicerces básicos nos que se apoia o benestar e a calidade de vida das persoas. Tal e como recoñece a Lei de Dependencia, as políticas sociais son un dereito universal das persoas e non un acto de beneficencia, polo tanto, relegar a un segundo plano a dotación de servizos sociais ás persoas que viven nun concello é negarlles os seus dereitos.
Así o entende o BNG e, para explicalo e dar a coñecer as súas propostas de cara á nova lexislatura municipal que se achega, convida a todos os veciños e veciñas a acudir mañá xoves 28, ás 19:30 horas, á Casa da Cultura de Fene.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home