6.4.07

BNG en Rede

Avanzamos un chanzo máis no servizo de rede social do nacionalismo galego que encetamos hai agora tres meses.

Baixo o nome de BNG en Rede podedes atopar na barra lateral da páxina principal deste blogue un cadro que reúne as anotacións sindicadas escritas por máis de 100 blogues galegos vinculados dunha forma ou outra ao BNG.

Grazas a todas estas persoas e colectivos, a partir de xa pódese utilizar varios fluxos RSS para colocar estes contidos no teu blogue ou páxina, ou para te subscribir a eles a través dun agregador de noticias sindicadas.

A sindicación de contidos é unha posibilidade que acaba de pórse en funcionamento na nosa web nacional, mais que non atinxe, polo de agora, ás localidades e comarcas alí aloxadas. Se es responsábel dunha web do BNG recomendámosche que introduzas o cadro das noticias sindicadas do BNG en rede na túa páxina.

O noso consello é que os militantes, afiliados e simpatizantes que o desexen migren directamente cara unha plataforma de publicación que permita a sindicación de contidos e a interacción entre editores e usuarios, sendo os exemplos máis sinxelos e espallados os diversos xestores de blogues que existen ao longo e largo e rede.

Os blogues e a sindicación de contidos permítennos camiñarmos na dirección dunha verdadeira rede sociopolítica horizontal. Persoas falando con persoas. Conversando, dialogando, debatindo e criticando. Facendo uso da nosa liberdade de expresión e tirando proveito das novas tecnoloxías.

Desde aquí animámoste a empregar este servizo e a difundilo. Non deixes de avisarnos a través dos comentarios de calquera idea ou suxerencia que teñas.

Graciñas pola túa atención.

3 Comments:

At 18:19, Blogger Paula Verao said...

Ola, son Paula, a Responsable Local de Sober.
Con respecto ó teu comentario sobre a necesidade de organizar a presenza do BNG na Rede direiche que non teño moita idea de Internet, e non sei que é nin como se configura unha "páxina web que reunise e publicase todas as noticias
que tod@s publicamos en cada unha das nosas páxinas", pero que estou de acordo: temos que aproveitar máis as posibilidades da Rede. Precisamente, no próximo Consello Comarcal ía propoñer facer unha páxina web comarcal, con ligazóns ás locais.
Á xornada de traballo en Santiago non poderei ir, pois teño exames en Xaneiro e Febreiro, pero comentarei o asunto nunha Asemblea de Galiza Nova de Lugo-Sur que temos mañá.
De momento, incluirei no noso blog as ligazóns que recopilastes no blog do BNG de Fene (por certo, encántame o nome).
Un saúdo.

 
At 03:05, Blogger Xosé Manuel López Trelles said...

En primeiro lugar agradecerche que nos inluiras na lista. Non dispoñemos dunha persoa que teña os coñecementos necesarios para manexar esto con xeito, polo que agradeceriamos moito a tua colaboración para millorarlo, incorporalo á rede, e incorporar todas as informacións ao noso blog.
Unha aperta dende estas terras de revolución bolivariana.

 
At 08:52, Anonymous Anónimo said...

Aínda acabo de aprender, tarde como é costume na miña persoa, de que me meteras na vosa rede social polo que desexo transmitirvos o meu agradecemento por tal honra.
E penso aproveitar, na miña condición de votante do BNG, para "meterlle presión" ós responsables locais de Barreiros para que dean ese salto á rede tan necesario para coñecer as actividades, os proxectos e as ilusións da xente nacionalista máis próxima.
Agardemos co traballo do BNG de Fene sexa un espello no que se miren o resto de concellos para emprender ese troco municipal tan necesario no noso país.
Un saúdo.

 

Enviar um comentário

<< Home