O Concello de Fene debe máis dun millón de euros a empresas e entidades
O goberno socialista só poderá aprobar facturas por 473.000, deixando a deber parte das do ano 2009 e todo o 2010, que ascenden a máis de 600.000€
O Concello de Fene conta con facturas pendentes de pago dende o ano 2008 que ascenden a 1.099.000 €, a meirande parte delas adebedadas a pequenos provedores do municipio. Para o BNG, segundo declarou o candidato á alcaldía, Juventino Trigo, “é intolerábel a total improvisación na xestión económica do Concello, que trae consigo serios problemas para a pequena e mediana empresa nestes tempos de crise”.
O informe da intervención municipal indica que o actual goberno factura obras e servizos sen contrato e sen control algún, e que cada concellaría encarga traballos sen saber se dispón de diñeiro para pagalos, sen pedir orzamentos e sen xestionar o seu pagamento. Para Juventino Trigo “non se pode entender que haxa tantas empresas pendentes de cobrar dende 2008 e que, por riba, nin se expliquen os contidos dos gastos”.
Ademais desta situación anormal, o Concello segue sen orzamento municipal para 2011, o que complica máis o pagamento de gastos comprometidos. A herdanza para a vindeira corporación será de 600.000 € en facturas pendentes de pago e de 3.000.000 € en créditos, o orzamento prorrogado e uns ingresos inferiores aos de 2007. Para o candidato nacionalista supón “un punto de partida complicado pero que ten solución cunha xestión adecuada e co traballo dun equipo competente coma o do BNG de Fene”.
Como dato obxectivo e comprobábel temos que no ano 2007 pechouse o exercicio cunha cantidade de 25.000 € pendentes de pago para 2008. Desde ese ano, o goberno de Puentes só foi capaz de aprobar os orzamentos de 2008 e 2010, ambos no verán con 8 meses de retraso sobre as datas legais, obstruíndo na práctica todo tipo de pagamentos por falla de tempo.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home