20.1.08

O muro da vergoña en Perlío



Os 59 nenos e nenas da Galescola de Perlío en Fene ven a saida do seu centro practicamente "tapiada" por un muro duns tres metros de alto e situado apenas a uns catro metros de distancia. O muro fecha unha parcela propiedade de Navantia, pero totalmente inservible para o estaleiro na actualidade.O Consello local do Bloque Nacionalista Galego urxe da dirección deNavantia a cesión da parcela ao Concello de Fene, para evitar o"castigo visual" ao que se somete aos pequenos e pequenas. O municipio ten xa solicitado en numerosas ocasións o cambio de titularidade dos terreos e o derribo do muro, pero, ata o momento a dirección de Navantia e da SEPI fixeron caso omiso. O anterior goberno municipal iniciou contactos coa dirección daquela de Izar e a negociación marchaba por bó camiño, pero o BNG sinala agora que coa entrada en funcionamento da galescola, preséntase como máis urxente o derribo do muro. A parcela en cuestión ten uns 300 metros cadrados e forma triangular,separando o edificio da Galescola da Rúa da Torre.
A Galescola de Fene abriu as súas portas o pasado 15 de outubro, e conta con 59 prazas ocupadas (34 nenas e 25 nenos) repartidas en catro unidades, unha de 0 a 1 anos, outra de 1 a 2 e dúas de 2 a 3 anos. No centro, que ten horario de 7,30 da mañá a 21,30 horas, traballan 14 profesionais. A Vicepresidencia investiu na construción e equipamento da Galescola de Fene 318.000 euros. Anxo Quintana sinalou nunha visita á Galescola o pasado 24 de outubro que o mantemento anual do centro ascenderá a uns 329.400 euros, dos que o consorcio financiará o 40%. Neste senso, o vicepresidente salientou que este sistema de coxestión das Galescolas, a través do Consorcio, é un "modelo de cooperación institucional aberto pola Vicepresidencia para facilitar aos concellos a xestión destes centros".