18.10.11

O DEPUTADO DO BNG FERNANDO BRANCO REÚNESE COAS ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS QUE DEMANDAN A TRAÍDA DE AUGA

Os concelleiros nacionalistas, Manuel Polo e Juventino Trigo xunto co parlamentario Fernando Branco, reuniranse mañá martes na sede do BNG de Fene coas AAVV de Santo Marco, Sillobre e Magalofes e a Mancomunidade de montes de Marraxón para tratar a situación da traída da auga e o saneamento a toda a zona alta do concello.

Os nacionalistas proporemos unha actuación coordenada en todos os frentes para rematar con estas obras.

Para o BNG vai sendo hora de concretar finanzamento e prazos de actuación para acometer estas obras.

Dende o Concello proporemos o reinicio dos traballos da mesa de participación veciñal que funcionou no mandato anterior e na se chegara ao acordo de incluir unha partida de 45.000€ cada ano e que o PP incumpreu no seu primeiro orzamento. Ademais pediremos explicacións sobre a situación administrativa dos terreos que xa levan varios anos cedidos por parte dun particular para a instalación dos depósitos de auga.

Dende o Parlamento de Galiza demandaremos a sinatura dun convenio antes do remate do ano, para dar inicio ás obras no primeiro trimestre de 2012.

Neste sentido Branco Parga explicará cal ten sido a actuación da Xunta de Feijoo noutros concellos en materia de auga e saneamento.