"Cuida a mamá" díxome meu pai cando o ian fusilar
“Ferrol Terra Nosa Memoria” danme hoxe a oportunidade de falar aquí de Manuel Serantes Iglesias , dun home que xa non está ; e mergullándome no máis profundo da miña memoria , desa memoria que viaxa agora neste barco , só atopei dúas imaxes para rescatar das miñas propias lembranzas.
A primeira é unha imaxe leda ,chea de risas e de cor.A imaxe dese home , Manuel Serantes , un home novo , chegando do traballo , erguendo nos seus brazos a un meniño loiro, o máis pequecho dos seus catro fillos, para sentalo no alto do armario e darlle os caramelos que traía para repartir cos seus irmáns baixo o ollar garimoso da nai.
É a outra unha imaxe gris e de desconcerto. O desconcerto dese pequeño cando , xogando pola mañá nas rúas de Pontedeume , pasa o seu pai , Manuel Serantes , levado por outros homes e lle di ó pasar , sen que lle deixen parar a despedirse :”Cuida a mamá”. Foi esa a derradeira vez que viu ó seu pai.
Manuel Serantes era meu pai e eu , ese pequeño a quen , con catro anos recén cumpridos, roubáronlle ó pai e , co pai , tantas posibilidades nun futuro no que o seu pai confiaba .
O resto das lembranzas que do meu pai teño non son propias , son das poucas cousas que fun sabendo. Poucas porque se impuxo un escuro silencio , unha abafante brétema de medo que logo de tantos anos de democracia empeza a esparexer e clarexar dende hai tan poucos gracias ó traballo dunha pouca xente como a que hoxe nos da a oportunidade de estar eiquí , falando daqueles e aquelas a quenes asasinaron , torturaron , exiliaron ,encarcearon…
Así , gracias as lembranzas alleas , soupen que meu pai , nado en San Martiño de Covas , ingresou na Marina en Cádiz, e estivo destinado en varios portos ata chegar a celador de porto en Pontedeume.
Que foi en Pontedeume onde se xuntaba na rebotica da Farmacia para conversar daqueles temas que lles interesaban e inquedaban (Canto me gustaría ter ido con el de mozo).
Que foi en Pontedeume onde gañou algún enemigo como Pilar Franco , a quen , como celador de porto,esixíalle cumprir as normas ,como a calquer persoa que saíse ó mar. Ou o armador que pediu que declarase como testemuña nun conflicto laboral con suposta sabotaxe , e el declarou , si , sen faltar á verdade, pero a favor dos mariñeiros .
Non puiden saber cando se fixo de Izquierda Republicana,en Marín,en Luarca, en Pontedeume?
Sei que foi en Pontedeume, onde vivíamos, cando o foron deter ó traballo,o 23 de xullo do 36,cando me pedíu na rúa,camiño do cárcere “Cuida a mamá”, cinco días despois do alzamento,sendo aínda a República saída das urnas a que gobernaba no estado español.
E que foi dous días máis tarde , o 25 de xullo do 36 , cando o asasinaron , porque asasinato foi , na canteira de Ombre, xunto a Juan Prieto Balsa e Felipe Tejedor Tovío. Tiña 41 anos. A min , roubáronme ó pai. A eles roubáronlles a vida polas súas ideas, polo seu compromiso cun goberno legal. Hoxe , a quen así asasinan, chámaselles terroristas e daquela o líder supremo deles entraba baixo palio nas igrexas porque era un “Caudillo por la gracia de Dios”.
Nada podo engadir dun pai do que apenas disfrutei , só a fonda dor e soedade que provocou esa incomprensible morte no noso fogar , especialmente na miña nai que se viu soa con catro pequenos e co sinal de por vida,pois morreu nova, de ser viúva de “paseado”.
Tampouco engadir dunha historia que outros e outras están a escribir por todos nós, por aqueles e aquelas a quen nos secuestraron a voz , as ilusións, o futuro.Grazas a todos eles, historiadores, historiadoras, novelistas, periodistas .Grazas a quenes hoxe fan bogar este barco da memoria polo mar da verdade e do recoñecemento . Grazas a quenes hoxe nos deron a oportunidade de estar eiquí, a falar en voz alta daquilo que antes só podiamos facer con medo,agochados,na clandestinidade. Grazas por estares hoxe neste lugar a escoitarme falar do meu pai.A homenaxe que nunca antes lle puiden adicar.
Moitas grazas.
Ferrol,23.agosto.2006
Testemuña lida por Xose Luis Serantes, viciño de Fene, no acto do "Barco da Memoria" celebrado o 23 de agosto do 2006 no Porto de Ferrol para honrar as víctimas da represión franquista. Organizou o acto a comisión da "Memoria Histórica" contando coa colaboración da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galiza.
1 Comments:
Señor Serantes.Tantos anos vendoo por San Valentin e sen saber que vostede era protagonista desta emocionante historia.
Enviar um comentário
<< Home