18.11.10

O BNG ABANDONA A COMISIÓN INFORMATIVA DE FACENDA POLA FALTA DE INFORMACIÓN DO ALCALDE

Fene 18 de novembro de 2010.- O grupo municipal do BNG cumpriu a palabra comprometida no Pleno ordinario deste mes de novembro. Neste Pleno o portavoz municipal do BNG, Manuel Polo, advertiu ao Alcalde de que si non se entregaban as actas da Xunta de Goberno Local e do Pleno os nacionalistas deixarían de participar nas comisións informativas. O alcalde comprometeuse á saída do Pleno de entregar as actas pendentes desde xaneiro do 2010 da xunta de goberno local e de ver que problema había coas actas do Pleno pendentes dende agosto.

No BNG lamentamos ter que chegar a unha posición de forza máxima abandonando un órgano colexiado como é unha comisión informativa, pero é o único xeito que atopamos para que o Alcalde tome en serio as nosas peticións de información.

Os nacionalistas vimos denunciando a falla de transparencia do goberno socialista que no último ano tráducese na non contestación de ducias de preguntas por escrito ademais da omisión da entrega das copias das actas dos óganos colexiados.

No concello de Fene nunca se viron, nos últimos 30 anos, actitudes tan pouco comprometidas coa participación e o dereito á información que temos os cargos electos. Desde o noso punto de vista isto non é máis que a punta dun xeito de xestión errática e de costas á xente.