28.6.11


A Asemblea do BNG de Fene está a informar por carta a todos os veciños e veciñas de Fene dos motivos do seu voto no pleno de investidura do goberno do pasado 11 de xuño. Posto que durante o pleno non tivemos a palabra, cremos necesario explicar a proposta do BNG e o proceso seguido desde o día das eleccións ata o do pleno.

23.6.11

O BNG QUERE QUE O CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN ATENDA AS DEMANDAS DE FENE

O Grupo municipal do BNG a través da concelleira Rita Mª Couto ven de rexistrar unha solicitude ao Alcalde de Fene para que á maior brevidade se cumpran os acordos da moción aprobada polo Concello Pleno o pasado 17 de xuño e que xestione unha xuntanza cos representantes do CIFP de Fene e os partidos políticos co Conselleiro de Educación para revertir a situación publicada no DOG de 15 de xuño na que se eliminan os ciclos formativos de grao superior deste centro fenés. No mesmo escrito, os nacionalistas tamén instan ao alcalde a que xestione unha xuntanza cos representantes das ANPAS de Barallobre e Os Casais e os grupos políticos co Conselleiro de Educación para arranxar os problemas que se están a xerar coa reducción de profesorado nestes centros. A consecuencia máis relevante é a agrupación de diferentes cursos nunha mesma aula.

Para o BNG a Consellería de Educación está a actuar dun xeito autoritarío e sen argumentos pedagóxicos nin técnicos. Son recortes no sistema público de ensino no noso concello sen comparación a ningún outro.

Ante esta situación hai que pasar das palabras aos feitos e actuar na defensa dos intereses dos nosos veciños e veciñas.

17.6.11

Carta aberta á sociedade de Juventino Trigo


Cada día estou máis sorprendido, e ao mesmo tempo, máis contrariado.

Na miña presentación como candidato a alcaldía de Fene, o pasado 11 de marzo, dixen que un dos motivos que me levaron a presentarme a estas eleccións era que estaba farto dos políticos que din unha cousa e logo fan outra.

Durante a campaña electoral, sempre que se nos preguntou sobre posibles pactos, fomos cautos, e fixemos saber que a nosa decisión estaba moi condicionada polo modelo de traballo do PSOE de Fene ao longo dos catro anos que acababan de pasar. A pesar diso, os nosos militantes/simpatizantes, e os veciños e veciñas de Fene serían fundamentais na nosa decisión.

Pasadas as eleccións, o resultado está aí. Gran parte do pobo de Fene deulle as costas ao alcalde e o seu goberno avaliando moi negativamente o traballo realizado durante o mandato.

Dende que fixemos a Asemblea Local da que derivou o acordo, comunicamos publicamente que íamos presentar a nosa propia candidatura á alcaldía.

Esa información trasladóuselle ao resto dos grupos, e fíxose pública na prensa, redes sociais, blog, etc. Mantivéronse reunións e negociouse con todos os partidos. As posturas non se achegaron. Baralláronse varias alternativas, pero non foi posible o acordo. O PSOE quería a alcaldía ou nada.

Agora, algunhas persoas sorpréndense porque cumprimos a nosa palabra; tanto os que nos apoian e felicitan efusivamente coma os que se “escandalizan”. ¡Xa ninguén cre nos políticos! Parécelles incríbel que algúns políticos cumpramos o que dicimos. Pero como afirmamos durante toda a campaña, ¡non todos somos iguais!

O peor de todo é a actitude de quen perde as eleccións. A culpa é de todos menos deles.

Autocrítica e sinceridade, son dous elementos imprescindíbeis para avanzar en todas as facetas da vida, tamén na política e no persoal. Aprender iso é mellor que calquera resultado electoral.

O ex-alcalde de Fene, coa súa actitude caprichosa, demostra que aínda non entendeu a mensaxe que lle deu o pobo de Fene. O mesmo pobo que quixo a Pepe Rivera 28 anos quedou farto de Ivan Puentes en 4. No BNG estamos co pobo.


Juventino Trigo
Candidato a Alcaldía de Fene polo BNG
Venres, 17 de xuño de 2011

4.6.11

Juventino Trigo será proposto como alcalde de Fene no vindeiro pleno de conformación de goberno


Por decisión da Asemblea Local celebrada este venres 3 de xuño, os cinco concelleiros/as acadados polo BNG nas pasadas eleccións do 22 de maio proporán a investidura do seu propio candidato á alcaldía, Juventino Trigo, e buscarán o apoio das demais forzas para esta fin. Unha vez analizados os resultados electorais, nos que o BNG mantivo a súa representación e aumentou a porcentaxe de voto e o Partido Socialista perdeu 8 puntos e 2 concelleiros, o empate a 5 coloca ao BNG nunha posición de responsabilidade para presentar a súa candidatura. Unha candidatura que é a única con capacidade para liderar un goberno alternativo ao do Partido Popular.

Así o decidiu a Asemblea Local reunida este venres 3 de xuño. Unha asemblea na que destacou a participación –acudiron unhas oitenta persoas- e a postura case unánime de non apoiar ningún tipo de pacto co PSOE, dado que este foi o partido claramente perdedor das pasadas eleccións, baixando a súa representación en 2 concelleiros, perdendo máis de 800 votos e recibindo o castigo da veciñanza despois dun goberno inactivo, distante e alonxado da cidadanía.

Canto ao Partido Popular, que acadou 6 concelleiros/as, conta cun programa de goberno que foi ocultado durante a campaña e que vai conlevar o peche de tres colexios públicos (Os Casais, Limodre e Sillobre) e do centro de saúde de Maniños, así como a implantación de políticas de dereitas e totalmente contrarias ás políticas sociais e para as persoas que definen ao BNG.

O BNG, pola súa parte, conta cun equipo moi capacitado para gobernar e cun programa de goberno claro e definido, elaborado coa colaboración de todo o tecido asociativo de Fene. Un proxecto de futuro e ilusionante que, por decisión de militantes e simpatizantes do BNG, será presentado ás demais forzas políticas como proposta de goberno para o Concello nos vindeiros catro anos.

Unha proposta que, de saír adiante, traducirase nun goberno baseado no diálogo e no consenso con todas as forzas, tal e como nos ten marcado a cidadanía cos resultados electorais do pasado 22 de maio.