28.4.11

A candidatura do BNG de Fene preséntase en sociedade cun acto festivo

Na Casa da Cultura soará a música en vivo este venres 29 a partir das 19:45

O BNG de Fene presenta á sociedade unha candidatura renovada, encabezada por Juventino Trigo e composta por 11 homes e 11 mulleres entre os que a media de idade non supera os 40 anos. Unha candidatura formada por persoas diversas e dispostas a pór a disposición da veciñanza de Fene a súa profesionalidade e capacidade de traballo.

Na presentación, mañá venres 29 de abril, intervirán o candidato maior (Francisco Permuy, de 60 anos e veciño de Magalofes), o máis novo (Néstor Fernández, de 20 anos e veciño de Perlío) e máis os cinco primeiros/as (Xusto Martínez Ardá -Fene-, Inés Roca -Maniños-, Manuel Polo -Perlío-, Rita Couto -Maniños- e Juventino Trigo -Perlío-), e o acto estará amenizado por unha repichoca de músicos feneses.

A candidatura do BNG de Fene compóñena homes e mulleres preparados e preparadas para gobernar e con novas enerxías para afrontar un goberno con moitas cousas por facer despois de catro anos de parálise.

Encabezadas por Juventino Trigo, home independente e profesional da xestión, na candidatura aparecen caras novas e tamén outras xa coñecidas entre a sociedade polo seu bo facer como concelleiros/as de goberno e tamén de oposición. En definitiva, o equipo que devolverá a Fene o lugar que lle corresponde na comarca como Concello dinámico, que escoita aos veciños e veciñas e que destaca pola súa actividade cultural, deportiva, de igualdade e de xeración de emprego.

A festa continuará nunha cea no restaurante Tortoni de Fene onde teñen confirmada a asistencia un cento de simpatizantes e militantes nacionalistas.

27.4.11

Juventino Trigo e Ana Pontón informarán en Fene sobre a paralización da segunda escola infantil e do centro de día para maiores

A charla terá lugar o xoves na Casa da Cultura a partir das 19:30 horas

O Bloque Nacionalista Galego quere informar á sociedade de Fene da situación de parálise na que se atopa o Concello no eido dos servizos sociais desde que o Partido Popular goberna na Xunta de Galiza. O candidato á alcaldía, Juventino Trigo, a deputada parlamentar, Ana Pontón, explicarán este xoves aos veciños e veciñas por que non está feita a segunda Galescola en Barallobre, ou o Centro de Día para persoas maiores. Dúas infraestruturas que a Xunta gobernada polo bipartito, a través das xestións da entón concelleira de Benestar Social, a nacionalista Rita Couto, deixara preparadas para executar e que, a día de hoxe, dous anos despois, continúan no mesmo punto. Por outra banda o delegado da CIG do centro para discapacitados adultos Souto de Leixa, Adriano Castet, explicara cun caso práctico o tipo de políticas privatizadoras da Xunta de Feijoo.

Ademais, Trigo e Pontón falarán do desenvolvemento da Lei de Dependencia en Galiza e en Fene en particular, ademais do funcionamento de outros servizos como a axuda a domicilio ou o programa Xantar na Casa ou o transporte adaptado, posto en marcha tamén pola concellería de Benestar de Fene, rexentada entón polo BNG, en colaboración coa Xunta de Galiza.

Uns servizos sociais públicos e de calidade son, para o BNG, un dos alicerces básicos nos que se apoia o benestar e a calidade de vida das persoas. Tal e como recoñece a Lei de Dependencia, as políticas sociais son un dereito universal das persoas e non un acto de beneficencia, polo tanto, relegar a un segundo plano a dotación de servizos sociais ás persoas que viven nun concello é negarlles os seus dereitos.

Así o entende o BNG e, para explicalo e dar a coñecer as súas propostas de cara á nova lexislatura municipal que se achega, convida a todos os veciños e veciñas a acudir mañá xoves 28, ás 19:30 horas, á Casa da Cultura de Fene.

20.4.11

UN EQUIPO DE PRIMEIRA PREPARADO PARA GOBERNAR

O BNG de Fene presenta á sociedade unha candidatura renovada na que a media de idade non supera os 40 anos. Unha candidatura formada por persoas diversas e dispostas a pór a disposición da veciñanza de Fene a súa profesionalidade e capacidade de traballo. Homes e mulleres preparados e preparadas para gobernar e con novas enerxías para afrontar un goberno con moitas cousas por facer despois de catro anos de parálise. Encabezadas por Juventino Trigo, home independente e profesional da xestión, na candidatura aparecen caras novas e tamén outras xa coñecidas entre a sociedade polo seu bo facer como concelleiros/as de goberno e tamén de oposición. En definitiva, o equipo que devolverá a Fene o lugar que lle corresponde na comarca como Concello dinámico, que escoita aos veciños e veciñas e que destaca pola súa actividade cultural, deportiva, de igualdade e de xeración de emprego.

Candidatos/as:

1.- JUVENTINO JOSE TRIGO REY

2.- RITA MARIA COUTO SEIJIDO

3.- MANUEL POLO GUNDIN

4.- INES ROCA REQUEIJO

5.- JUSTO MARTINEZ ARDA

6.- ALEJANDRA PERMUY MEIZOSO

7.- ALBERTO LUIS MACEIRAS PEDREIRA

8.- JOSEFINA LOPEZ PICO

9.- EDGAR ANTONIO VIGO LOPEZ

10.- MARIA DIGNA FARALDO PURRIÑOS

11.- FRANCISCO JAVIER RIVEIRO LOPEZ

12.- PAULA GONZALEZ PAZOS

13.- FRANCISCO MANUEL PERMUY GOMEZ

14.- FRANCISCA RODRIGUEZ PEREIRA

15.- DOMINGO BERNARDO ANTON SANCHEZ

16.- MARIA PILAR FREIJOMIL PEREZ

17.- NESTOR FERNANDEZ FARALDO

Suplentes:

1.- MARIA DE LA O ROMERO CASTRO

2.- JOSE ANTONIO GARCIA BELLO

3.- JOSEFA VICENTA LEAL CASAL

4.- MANUEL VIDAL ARDAO

5.- ANA ISABEL SANTIAGO LOPEZ

18.4.11

Trigo e Lobeira falarán en Barallobre sobre a ría de Ferrol

O candidato á alcaldía de Fene, Juventino Trigo, acompañarase do deputado Bieito Lobeira para informar aos veciños e veciñas sobre a situación na que se atopa a nosa ría, unha das máis perxudicadas pola contaminación, que afecta de xeito directo ao sector marisqueiro, do que viven centos de familias fenesas.

Ás oito da tarde, no local da Liga de Amigos de Barallobre, dará comezo esta charla informativa na que tamén vai estar presente o biólogo da Confraría de pescadores de Barallobre, Joam Luís Ferreiro Caramés.

A recuperación da salubridade da ría e a inmediata posta en marcha da depuradora foron e van seguir sendo obxectivos prioritarios no traballo do BNG, que entende a defensa dos sectores produtivos e do medio ambiente como garantía de futuro, riqueza natural e saúde para a comarca e para Galiza en xeral.

Juventino Trigo confirmará así o seu compromiso co sector marisqueiro para as vindeiras eleccións municipais, un dos sectores máis importantes de Fene dado que da súa explotación viven centos de familias. Ademais, trátase dunha actividade que podería medrar e dar vida a máis familias se a ría lograra recuperar as súas condicións naturais e deixara de estar catalogada como zona C, algo que depende en gran medida dunha decisión política que poña en marcha por fin a depuración.

8.4.11

O Concello de Fene debe máis dun millón de euros a empresas e entidades

O goberno socialista só poderá aprobar facturas por 473.000, deixando a deber parte das do ano 2009 e todo o 2010, que ascenden a máis de 600.000€

O Concello de Fene conta con facturas pendentes de pago dende o ano 2008 que ascenden a 1.099.000 €, a meirande parte delas adebedadas a pequenos provedores do municipio. Para o BNG, segundo declarou o candidato á alcaldía, Juventino Trigo, “é intolerábel a total improvisación na xestión económica do Concello, que trae consigo serios problemas para a pequena e mediana empresa nestes tempos de crise”.

O informe da intervención municipal indica que o actual goberno factura obras e servizos sen contrato e sen control algún, e que cada concellaría encarga traballos sen saber se dispón de diñeiro para pagalos, sen pedir orzamentos e sen xestionar o seu pagamento. Para Juventino Trigo “non se pode entender que haxa tantas empresas pendentes de cobrar dende 2008 e que, por riba, nin se expliquen os contidos dos gastos”.

Ademais desta situación anormal, o Concello segue sen orzamento municipal para 2011, o que complica máis o pagamento de gastos comprometidos. A herdanza para a vindeira corporación será de 600.000 € en facturas pendentes de pago e de 3.000.000 € en créditos, o orzamento prorrogado e uns ingresos inferiores aos de 2007. Para o candidato nacionalista supón “un punto de partida complicado pero que ten solución cunha xestión adecuada e co traballo dun equipo competente coma o do BNG de Fene”.

Como dato obxectivo e comprobábel temos que no ano 2007 pechouse o exercicio cunha cantidade de 25.000 € pendentes de pago para 2008. Desde ese ano, o goberno de Puentes só foi capaz de aprobar os orzamentos de 2008 e 2010, ambos no verán con 8 meses de retraso sobre as datas legais, obstruíndo na práctica todo tipo de pagamentos por falla de tempo.

6.4.11

O BNG pregunta por escrito desde cando coñecía Puentes os problemas do radar das Pías

Para os nacionalistas de Fene, o radar debera ser xestionado polo propio Concello

A concelleira nacionalista Rita Couto vén de rexistrar un escrito onde pregunta ao alcalde de Fene, Iván Puentes, desde cando ten coñecemento da existencia dos problemas de instrución dos expedientes sancionadores emitidos pola DGT en base aos controis de velocidade efectuados polo radar fixo das Pías.

Ademais, no mesmo documento se pregunta ao alcalde se fixo algunha xestión co Ministerio do Interior relativa a este asunto ou se tratou o tema nalgunha Xunta Local de Seguridade.

Para os nacionalistas de Fene a Xunta Local de Seguridade está precisamente para delimitar traballos e competencias no ámbito territorial do concello, ademais de procurar a colaboración en temas como o tráfico ou a seguridade cidadá.

Por último desde o BNG lamentamos un novo episodio de desinformación do alcalde de Fene, xa que, unha vez máis, coñecemos este problema a través dos medios de comunicación e non polo propio goberno local, o que demostra unha actitude de pasotismo absoluto nun tema de tanta importancia.

Para o BNG, tal e como declarou o candidato á alcaldía, Juventino Trigo, o radar das Pías debera ser xestionado polo Concello a través dun acordo co Ministerio, de tal xeito que “ou recada para Fene, ou non recada”.

5.4.11

Juventino Trigo aposta por xestionar o radar das Pías desde o Concello

O candidato á alcladía de Fene polo BNG, Juventino Trigo, sabe o que quere facer co radar de tráfico situado na Avenida das Pías. Lonxe de facer seguidismo do Ministerio do Interior, como o alcalde socialista, Trigo ten claro

que o radar de control de velocidade, “ou recada para as arcas municipais, ou non recada”.

Tal e como declarou o o candidato do BNG, “non é tolerable que desde os diferentes ministerios se trate ao concello de Fene como unha administración menor”. A estrada N-651 é de competencia estatal, pero o mantemento da mediana e das beirarrúas é municipal, así como a competencia de control do tráfico, da seguridade viaria e da regulación e a asistencia no caso de accidentes.

Ante unha evidencia deste calibre, que vén de ser confirmada pola recente sentencia a favor dun automobilista que declarou incompetente ao Ministerio do Interior para ter un radar na Avda.das Pías, desde o BNG entendemos que o radar ten que ser unha ferramenta positiva para o Concello e non un mero elemento recadatorio do Ministerio (hai que ter en conta que é un dos que máis recadan de todo o Estado).


Juventino Trigo asegura que “cunha boa xestión, os veciños e veciñas de Fene poden saír beneficiados dun acordo entre Concello de Fene e Ministerio do Interior en pé de iguladade”.