28.1.11

PUENTES DEVOLVE UNHA SUBVENCIÓN DE 68.000 EUROS PARA IMPLANTAR FIBRA ÓPTICA EN VILAR DO COLO

28/01/11 .- O Concello de Fene ven de devolver unha subvención concedida polo Ministerio de Industria ao abeiro do Plan Ferrol para a instalación de fibra óptica no parque empresarial de Vilar do Colo. A axuda alcanzaba a cantidade de 68.000 euros, e o ente municipal debe agora tamén aportar os intereses desa cantidade dende que foi recibida ata a materialización da devolución. Segundo denuncia o Bloque Nacionalista Galego, o alcalde Iván Puentes amosouse incapaz de xestionar e executar a citada subvención polo que se veu obrigado a devolvela. A falla de eficacia provocou ademais que a devolución se teña que completar cos intereses bancarios.

O BNG considera "insólito que se deixe escapar unha axuda tan necesaria para acometer a modernización tecnolóxica de Vilar do Colo, algo reclamado insistentemente polas empresas instaladas no parque empresarial". Os nacionalistas indican que presentarán no vindeiro pleno unha moción, "instando a unha rápida constitución da asociación de empresas da superficie industrial, ente que se encargará do mantenemento dos viais de Vilar do Colo". O BNG tamén propoñerá xestionar coa Xunta de Galicia a cesión do tramo de vial que vai dende o enlace coa estrada das Pontes ata a denominada "via rápida" a Ares-Mugardos. Asimesmo reclamará a Audasa a reparación do tramo da saida da autopista, deteriorado como consecuencia do seu uso polos autobiles que saen da AP - 9.

22.1.11

O goberno de Fene devolve unha subvención de 8000 euros por non saber investila

O Concello de Fene devolveu á Deputación da Coruña preto de 8000 euros procedentes dunha subvención para equipamento do museo do humor. A Concellería de Cultura decidiu renunciar voluntariamente a unha axuda de 7.999 euros porque considerou prioritario xustificar outras dúas subvencións concedidas polo ente provincial para o seu departamento.

Nunha resposta escrita a unha pregunta formulada polo BNG, Cultura afirma que se investiu parte da subvencións en mesas e cadeiras, un televisor con equipo audiovisual e un computador portátil. Porén, unhas pantallas táctiles e un sistema antirroubo para os que se solicitara a subvención no se chegaron a mercar, sendo polo tanto imposible a xustificación do gasto.

O museo do humor de Fene conta con carencias de iluminación e equipamento, así como de praza de xestor, invalidada polo actual goberno trala xubilación do anterior. Porén, existen varios proxectos para relanzar a instalación e utilizala como elemento de dinamización pedagóxica e cultural, así como de captación de turismo.

O Museo atópase practicamente abandonado e pechado a maior parte da semana e, para o BNG, a crise económica non pode servir de excusa para non potenciar o Museo cando o Concello se permite o luxo de devolver 8.000 euros á Deputación da Coruña. Desde o BNG demandamos da alcaldía de Fene que non se repitan feitos como esta devolución de subvencións; se non sabe en qué gastar os cartos, pódenlle preguntar ao movemento asociativo de Fene, que de seguro lles presentan moitas propostas de interese.

17.1.11

O BNG pide que se amplíe nun mes o período de suxestións á revisión do PXOM

O BNG de Fene considera unha actitude irresponsable por parte do goberno local a de restarlle importancia ao documento inicial da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), xa que nel se marcan as liñas de actuación que, ao noso parecer, deben de ser de todos.

O BNG empraza ao alcalde, Iván Puentes, a solicitarlle á Xunta de Galiza que amplíe un mes máis o período de suxestións ao PXOM. Para os nacionalistas non é de recibo que se iniciase este período o 20 de decembro, pasando os 30 días por un calendario con moitos deles inhábiles.

Proba do interese en ocultar a tramitación da revisión do PXOM é que se lle explican as liñas xerais aos grupos políticos cando xa estaba iniciado o prazo de suxestións, e aínda peor, se lle explica ao movemento veciñal os días 14 e 17 de xaneiro cando o prazo remata o mércores 19 de xaneiro. En palabras do própio equipo redactor, o documento inicial parte da análise do PXOM en vigor e das directrices do PSOE. Ninguén foi escoitado para opinar sobre as ideas do Fene que queremos para o futuro.

O portavoz nacionalista no concello de Fene, Manuel Polo, afirma “que se Puentes quere consenso ten que empezar a falar coa xente e nós dámoslle a oportunidade de que solicite a ampliación do prazo e que se recollan todas as suxestións ao PXOM froito dun debate aberto”.

Aínda estamos a tempo de consensuar o PXOM e facer un proceso participativo aberto a todo o mundo.

12.1.11

O BNG rexistra unha moción que rexeita o pensionazo do PSOE

O BNG de Fene presentará no vindeiro pleno unha moción para instar ao Executivo Central a que retire a actual proposta sobre a reforma das pensións e a que manteña as axudas ás persoas desempregadas que remataran a prestación. Así mesmo, solicitan da xunta que incremente os orzamentos para a inclusión social.

Deste xeito, o BNG, segundo manifestou o voceiro de Fene, Manuel Polo, posiciónase a prol da xente e obriga á corporación municipal de Fene a posicionarse a prol da xente ou ben dos bancos.

Diversas persoas especialistas en economía estiman que, por cada incremento dun ano no período de cálculo da pensión, a contía descende de media nun 1%. Así, de incrementarse en cinco anos este cómputo, a pensión media dun galego ou galega, que está en 730,70 euros mensuais, descendería en 36,5 euros cada mes, e 511 euros anuais. Isto significa que ao ano, Galiza deixará de percibir en concepto de pensións, 227,3 millóns de euros anuais.

O BNG afirma que o actual sistema de pensións é sólido e solvente, e tamén que poden ser necesarias algunhas reformas no mesmo, pero as mesmas deben servir para corrixir os aspectos regresivos que contempla o Pacto de Toledo, pacto apoiado polo PP e polo PSOE.