30.10.10

A XUSTIZA AVALA O BO FACER DA EX–CONCELLEIRA DE OBRAS DO BNG NO CONCELLO DE FENE, Mª ALICIA MARTÍNEZ.

A denuncia contra Alicia Martínez, ex Tenente de Alcalde do BNG no Concello de Fene ata a pasada lexislatura, ven de ser sobresida pola Maxistrada – Xuíz do Xulgado de 1ª Instancia nº 2 de Ferrol.

A denuncia, interposta pola familia do actual concelleiro de Obras no Concello de Fene, José Antonio López Rodríguez, acusaba a Alicia Martínez de prevaricación por ceder material aos veciños para a reparación do camiño da Casavella, un camiño de serventío sito na parroquia de Fene, que da servizo a varias familias e que a denunciante reclama da súa propiedade.

A actuación da ex – concelleira foi a resposta á solicitude realizada polos veciños da zona para facilitar o acceso ás súas vivendas, dificultado polo estado do camiño, sobre todo pola necesidade de acceso periódico da ambulancia á zona para a atención a un dos veciños do lugar.

O fallo da xuíza cuestiona non so a propiedade da denunciante, asegurando que non acredita a titularidade do camiño e ademais poñendo de manifesto que a reparación do mesmo ten sido un beneficio colectivo, tanto para a denunciante como para o resto dos veciños.

Así as cousas, o fallo do xulgado nº 2 ven a demostrar non so que a actuación de Alicia Martínez durante a súa responsabilidade á fronte do área de Obras e Servizos, ten sido dunha honradez meridiana senón tamén que a súa actuación viña a respostar á busca do beneficio colectivo dos veciños e veciñas de Fene.

Dase a circunstancia de que o camiño foi asfaltado durante esta lexislatura por orde do fillo da denunciante, á sazón actual concelleiro de obras no Concello de Fene.

Dende o BNG de Fene queremos amosar o apoio incondicional a Alicia Martínez e a nosa satisfacción porque a xustiza non de creto ás calumnias sobre o bo facer dos/as nacionalistas durante o seu Goberno no Concello de Fene.

Fene 22 de out. de 10

Asemblea Local do BNG de Fene

11.10.10

Puentes adebeda a pequenas empresas máis de un millón de euros

Fene 11 de outubro de 2010.- O Boletín Oficial da Provincia núm.181, do 21 de setembro de 2010 publicou o edicto coa aprobación definitiva do orzamento municipal do concello de Fene para o ano 2010. A pesar de xa ter entrado en vigor o orzamento do concello para o presente ano, o goberno de Puentes aínda non pagou as facturas pendentes de 2008 e 2009. Estes atrasos débense principalmente ás malas prácticas na contratación de obras e servizos. As concellarías delegadas e o propio alcalde gastaron “inconscientemente” de partidas orzamentarias que estaban esgotadas nos exercicios pasados. A contratación verbal foi elevada a costume e ao non realizar contratos e tampouco un control do gasto todas as concellarías excederon a súa capacidade de gasto. Durante presente ano houbo servizos que se viron prexudicados como o Servizo de Atención á Muller, unha asesoría xurídica para usuarias dos Servizos sociais que leva sen atención desde principios de ano por impago á profesional de dereito que desenvolvía o mesmo. Outros provedores están ao límite das súas posibilidades e con débedas aos seus empregados.
Para o portavoz nacionalista, Manuel Polo, “estar ao día nos pagamentos non resolve a crise pero axuda moito nun intre de ausencia de creto bancario ás empresas”.
Para nós é posíbel facelo moito millor, con rigor e traballo, dous conceptos que Puentes e o seu equipo descoñecen, tanto é así que o ano 2009 foi o primeiro dos últimos 30 anos nos que o concello quedou sen orzamento anual sendo prorrogadas as contas do 2008 ate o mes de agosto de 2010.

2.10.10

A asemblea local do BNG aposta polo independente Juventino Trigo para encabezar a candidatura á alcaldía de Fene


Eliminar formato de la selección
Fene 2 de outubro de 2010.- Juventino Trigo Rey encabezará a candidatura do BNG de Fene de cara as municipais do 2011, a Asemblea local do BNG reunida o venres 17 de setembro apoiou a iniciativa do Consello local para a elaboración da candidatura unanimemente. Na proposta realizada para encabezar a lista das municipais figura o independente Juventino Trigo.

O consenso no seo do BNG entorno á proposta de Juventino Trigo foi total. Juventino Trigo amosouse moi orgulloso de encabezar a candidatura nacionalista e “moi ilusionado ante o reto de recuperar a alcaldía para o BNG”
O perfil do candidato á alcaldía de Fene polo BNG é o que os veciños e veciñas necesitan para sacar a Fene da parálise e a desatención dos últimos tres anos. Juventino Trigo de 48 anos de idade, é asesor de empresas, sendo o titular da Asesoría Perlío. Foi aprendiz en Astano el logo traballador do estaleiro, nesta época de finais dos anos 70 participou na creación do sindicalismo nacionalista e da propia ANPG, xermolo do actual BNG. Na crise dos anos 80 fórmase estudando Graduado social para posteriormente montar a asesoría que dirixe ate a actualidade. Con ampla experiencia na xestión é coñecido pola seriedade e o rigor no seu traballo. Na actualidade é secretario da Asociación de comerciantes O cruceiro na que se aglutina a meirande parte dos negocios do concello.

Na proposta do Consello Local para a candidatura barállase a continuidade dos concelleiros e concelleiras do actual grupo municipal aínda que non se descarta a incorporación de caras novas. O resto da candidatura está sen pechar, aínda que se están a facer contactos coas persoas máis dinámicas do concello para facer unha candidatura que ilusione e reactive ao pobo de Fene. A aprobación definitiva das candidaturas nacionalistas farase a mediados de novembro onde o BNG dará conta da totalidade da candidatura.
O consello local nacionalista tamén quere dar a coñecer que vai inciar un intenso traballo de contacto social e de participación da cidadanía tanto na elaboración do programa como na confección da candidatura. Ambos obxectivos contaran con especial atención ao que nos diga a xente.