25.2.06

Presentan en Fene a política industrial da Xunta


Medio cento de empresarios e comerciantes de Fene asistiron á reunión convocada polo BNG de Fene, na que participou o membro da executiva do Bloque e delegado provincial de Industria Xose Luis Barcia. O dirixente nacionalista explicou as grandes liñas de política industrial que pretende poñer en práctica a formación galega dende o goberno autónomo. No coloquio os empresarios amosaron o seu interese polas ampliacións de Vilar do Colo, e pola competitividade do porto exterior de Ferrol.

24.2.06

Luís Barcia reunirase cos empresarios e comerciantes de Fene

O membro da executiva do Bloque Nacionalista Galego e delegado provincial de Industria Xose Luis Barcia visita esta tarde Fene. Participará nun acto con empresarios e comerciantes que se desenvolverá nos locais da formación nacionalista. Barcia explicará as liñas de actuación da Xunta de Galicia en materia de política industrial. O acto comezará as oito desta tarde nos locais do BNG de Fene.

3.2.06

PP e PSOE alíanse para a rebaixar a categoría do Concello

O PP e o PSOE coincidiron no Pleno da Corporación celebrado na tarde do xoves, en votar favorablemente unha moción propoñendo rebaixar a categoría do Concello de Fene, coa excusa de que así será máis doado de cubrir as prazas de secretaría e intervención.

Os concelleiros do BNG Xose María Permui e Andrés González defenderon na sesión o mantenemento de Fene como un Concello de primeira categoría. Demandaron en calquer caso a solicitude previa dun Informe xurídico para coñecer as consecuencias desta decisión, ao que tamén se negaron tanto os socialistas como os populares. A que ven agora tanta presa para rebaixar a categoría, cando está aberto o concurso para a cubrición das prazas e 17 titulados teñen solicitado Fene e 2 deles como 1ª prioridade? preguntáronse os ediles nacionalistas.

A clasificación convencional divide aos Concellos en primeira categoría (máis de 20.000 habitantes), segunda (entre 5 e 20.000) e terceira (de 0 a 5.000), pero Fene accedeu xa hai décadas á primeira categoría por contar con Plan Xeral de Ordenación Municipal, polo seu orzamento e infraestructuras. Fontes xurídicas aseguran descoñecer cales poden ser a medio ou longo prazo as consecuencias desa decisión de rebaixar a categoría, pero indican que en ningún caso serán boas para o Concello como institución.

Como exemplo podemos sinalar que o Concello de Boiro na anterior lexislatura solicitou e lle foi aceitada a decisión de subir de segunda a primeira categoria. Daquela sinalaban: Entre os beneficios desta reclasificación, destaca o incremento da contía dos tributos que cada ano aporta o Estado aos presupostos da entidade local. Ademais, a partir dagora, os profisionais que aspiren a ocupar as prazas de Secretaría e Intervención, terán que ser funcionarios de categoría superior, segundo se reflexa na prensa do 17-11-2001.

O Pleno do Concello de Fene aprobou finalmente a polémica decisión cos votos favorabeis do PSOE (5) e do PP (4). Opuxéronse os edís do BNG (7) e de EU (1). Agora o alcalde remitirá o acordo plenario á Dirección Xeral de Administración Local da Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia, quen á súa vez terá que informar ao Ministerio de Administracións Públicas antes de adoptar unha resolución en firme.